Denuncian delitos medio ambientais no transporte de Sogama

0

Bisbarra, 9 de maio do 2019 – O sindicato CIG ven de denunciar que no transporte de residuos a Sogama prodúcense delitos medio ambientais, contra a seguridade vial e de estafa.

O secretario xeral da CIG anunciaba, en rolda de prensa, que dada a dimensión e a dureza do conflito aberto no transporte de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) de Sogama, concesionado a Transportes Pacholo S.L, a central sindical no seu completo pasa a asumilo como propio. Xunto a isto informou da demanda de tutela de dereitos fundamentais, por vulneración do dereito á folga, que xa foi presentada, e anunciou que, de non obter resposta algunha nin da consellaría de Medio Ambiente, nin de SOGAMA, presentarase tamén denuncia por delito medio ambiental, contra a seguridade vial e por estafa.

Xunto a Carril, o presidente do comité de empresa, Manuel Regueiro, explicou que este é un conflito peculiar, porque o persoal, que leva xa 21 días en folga indefinida, non está demandando melloras salariais ou de xornada, senón denunciando a falta de medidas de seguridade, tanto nos camións, como nas condicións nas que se transporta a carga. Denuncias que derivaron nunha política de acoso laboral ao conxunto do persoal, por parte da empresa Transportes Pacholo S.L., e que tiveron como consecuencia o despedimento de 8 traballadores.

Para Regueiro a resposta da empresa foi a de represaliar ao seu persoal porque “a seguridade custa cartos” e o que querían era “xente sen escrúpulos que fixera todo sen preguntar”. Por iso entende que no momento no que os traballadores comezaron a denunciar os incumprimentos en materia medio ambiental, na seguridade vial e no peso real das cargas transportadas foi cando “responderon co acoso, a represión e os despedimentos”.

Delito medio ambiental

Respecto dos incumprimentos da normativa medio ambiental, o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, denunciou que o transporte de contedores en mal estado está provocando que en moitas plantas de transferencia se produzan vertidos de lixiviados (os líquidos que se forman no lixo pola fermentación) directamente á terra e de aí aos cursos de auga superficiais e subterráneos, sen control algún.

Pavón explicou que diante desta situación e atendendo ao contido das plicas e das directrices internas que SOGAMA traslada ás diferentes contratas “son os propios traballadores quen están demandando que iso se regule tal e como marca SOGAMA”. Fronte a isto denunciou que, porén, o que está facendo SOGAMA é amparar a esas empresas, permitindo estas ilegalidades”.

Excesos de carga e seguridade vial

Xunto a isto denunciou que os camións van pasados de peso e que os traballadores non coñecen a carga que levan até que chegan a destino. “Cando cargan un contedor, nunha planta de transferencia, o máximo que se pode levar entre o peso da carga e o peso do camión son 40 toneladas e cando chegan a destino comproban que levan un 20% máis de promedio da carga permitida co que iso supón de inercias, de risco para a condución, para o condutor e para os vehículos que circulan por esa estrada”.

Ademais asegurou que non se fan os mantementos dos camións. “É bochornoso estar na porta de SOGAMA e ver en que condicións entran os camións, moitos deles nin sequera preparados para o transporte deste tipo de plataformas; contedores que rexeita RENFE, que leva unha parte da carga, e que son transportados por estrada malia iren abertos, non teren as tapas en condicións e que non se consideran seguros para transportar por ferrocarril mais que, porén, non se impide que se trasladen por estrada”.

Pavón explicou que nas propias plicas se recolle que é a empresa contratista quen se ten que facer cargo do mantemento durante a contrata, pero que non se fan e que son tamén, neste caso, os traballadores quen deixan os camións para arranxar “pero volven nas mesmas condicións nas que estaban. Non son estancos, como deberían ser, e non se poden pousar nas plantas de transferencia”, afirmou.

Estafa aos concellos

O representante da FGAMT-CIG denunciou ademais que se está producindo un enchido irregular de contedores con auga para que sexa maior a tonelaxe porque “os concellos pagan un canon por tonelada. Por iso asegurou que “isto sería directamente unha fraude. Un delito de estafa”.

Subliñou que teñen todas estas irregularidades documentadas e que, por iso, solicitaron unha xuntanza co presidente de SOGAMA, “como máximo interesado en que se cumpran as plicas que eles mesmos elaboraron” pero que, a día de hoxe, seguen sen ter contestacións algunha. “Mesmo pasou por diante do piquete que estaba na porta e nin parou a interesarse pola problemática que denuncian os traballadores, como estaba o conflito, se había vías de solución e cal era a orixe”.

Intensificación do conflito

Ante esta situación foi o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen anunciou que a central sindical, no seu conxunto “consumirá o tempo que teña que consumir acompañando na resistencia a este persoal, até conseguir unha solución que poña fin á precariedade, á situación de acoso laboral, á situación de incumprimentos varios e á readmisión de todos os traballadores despedidos”.

Considerou que este conflito é máis grave aínda ao se producir no sector público “na medida en que é SOGAMA, e polo tanto a consellaría de Medioambiente e a Xunta de Galiza, quen co transporte de RSU do noso país exemplifica a perversa e dura realidade laboral de precariedade, de escravización e de subcontratación en cadea interminable” permitindo un “sistemático e flagrante incumprimento de normas medio ambientais, de seguridade vial e de saúde pública” e que se utilice este servizo público “para o negocio e beneficio empresarial”.

Demanda de tutela de dereitos fundamentais

Carril informou de que, ademais de recorrer os servizos mínimos abusivos decretados pola consellaría de Medio Ambiente, por vulnerar “o exercicio dun dereito democrático e fundamental, non só recoñecido na Constitución do Estado español, senón tamén, na propia OIT, como é o dereito á folga”, este martes día 7 de maio foi presentada unha demanda de tutela de dereitos fundamentais pola “esquirolaxe, a substitución de traballadores en folga por outras empresas e outros traballadores”.

Denunciou a decisión da Xunta Electoral, que cualificou como “tribunal da inquisición” de impedir a mobilización convocada para o pasado día 27 de abril e anunciou que, por iso, está convocada a manifestación novamente para o vindeiro domingo día 12 de maio, ás 11:30 horas, no polígono industrial de Ordes. Unha mobilización “para denunciar o que está ocorrendo aquí; exixir á consellaría de Medio Ambiente e a SOGAMA que tomen cartas no asunto e, desde logo, eviten esta subcontratación interminable e incumprimentos tan graves como os que estamos a denunciar”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial