Denuncian erros na regularización catastral da Estrada

0

A Estrada, 5 de xaneiro do 2019 – O BNG ven de denunciar erros na regularización catastral da Estrada a que califican de “chapuza”.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, compareceu en rolda de prensa para valorar o proceso de regularización catastral que se está desenvolvendo no rural do concello da Estrada, en base a ponencia de valores aprobada en 1996 e actualmente en vigor.

O concelleiro nacionalista amosouse moi crítico co proceso que se está impulsado desde o catastro “estamos a constatar unha importante falla de información cara os propietarios e propietarias dos inmobles afectados (alpendres, galpóns, cubertos, explotacións agrícolas e gandeiras, etc), en especial pola cantidade de erros detectados de maneira recorrente en moitos expedientes de regularización que nos fixeron chegar moitos veciños e veciñas do rural”.

Magariños di ter comprobado  “que se cualifican as vivendas como se foran chalés adosados e non vivendas rurais; non se ten en conta a antigüidade das construcións, o que leva aparellado que os propietarios e propietarias non se vexan beneficiados polos coeficientes redutores correspondentes; erros na consignación de actividade económica para algunhas construcións que non a teñen, incluso no ámbito urbano, asignándolles a algunhas que levan moitos anos en estado semirruinoso a catalogación de uso industrial, cousa que é un disparate. Tamén temos constatado comunicacións de regularización a algúns propietarios de bens rústicos, sen xustificación algunha pois non sufriron nin modificación da súa superficie, nin do seu uso”.

O BNG cualifica o proceso de “chapuza” e lembra que o Catastro cobra 60 euros por gastos de xestión “un traballo que se fixo polo aire, sen pisar o terreo, de aí que até someten a imposición do IBI casetos de cans que teñen menos de metro e medio de alto”.

O BNG alerta do cobro retroactivo do IBI

Mais o concelleiro nacionalista amosou a súa preocupación polo que considera “un atraco, xa que hai moita xente pensa que cos 60 euros xa amañou, pero o que non saben é que dentro duns meses o catastro cobrará retroactivamente o IBI dos últimos cinco anos, o que poñerá en verdadeiros apuros centos de persoas, moitas persoas pensionistas, que viven dunha pensión, propietarias dos inmobles, ás que non se lles informa do que se lles ven enriba”.

Xosé Magariños explicou que “temos estimado que como mínimo serán 150 euros o que terán que pagar cada veciño e veciña e de aí para arriba en función do tipo de inmoble, dimensións, … etc”. “Un sablazo absolutamente incomprensíbel”, afirmou o concelleiro, “xa que os inmobles non estaban agochados en ningún paraíso fiscal, estaban e están ben á vista, e o lóxico é que antes se abra un período transitorio para que a xente inscriba os inmobles que até o momento non pagaban IBI”.

Un palleiro non é un almacén

Xa por último a organización nacionalista volve poñer enriba da mesa unha demanda histórica do nacionalismo: un catastro galego. “Se algo pon de manifesto todo este proceso é que non entenden a maneira de habitar o medio das galegas e galegos, e moito menos os usos que se lle dá aos inmobles”, explicou Magariños. “Un exemplo témolo nas tradicionais palleiras, onde se gardaba a herba seca, hoxe convertidos polo catastro madrileño en almacéns”, engadiu Magariños, “un concepto que fica nas antípodas do que é e do uso que se lle dá a estes espazos das casas rurais; por cousas como esta reclamamos un catastro galego, para que non só se dirixa a nós na nosa lingua, senón que entenda como vivimos e os usos que damos ao que temos”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial