Bisbarra, 30 de decembro do 2019 – A Deputación da Coruña impulsou as obras das ponte sobre o río Gatofero, entre Santiago e Val do Dubra, e unha que discorre sobre a liña de ferrocarril en Vedra.
As pontes terán un orzamento de 325.728 euros no primeiro caso e de 83.281 no segundo. No caso da ponte sobre o río Gatofero o organismo provincial asinou xa o contrato polo que as obras comezarán de inmediato. En canto á ponte na DP8901 en Vedra a obra ven de ser adxudicada polo que só resta a firma do acordo coa empresa.
Demolición da ponte vella
O proxecto sobre o río Gatofero suporá a demolición completa da ponte actual, con só 6 metros de ancho que resultan insuficientes para a nova sección do vial, e a construción dun novo viaducto de 12 metros de ancho, dos que 9 serán de calzada e 3 de beirarrúas, que se ubicarán en ambas as dúas marxes, o que contribuirá a mellorar a seguridade peonil na zona.
A nova estrutura consistirá nunha ponte de 25 metros de lonxitude total con catro vigas doble T dispostas sobre un único vano. Sobre elas executarase unha lousa de formigón armado executada in situ de 25 cm de espesor.
1,2 millóns para ampliar a estrada DP 7804
Esta actuación forma parte dun proxecto integral de mellora integral da seguridade vial nesta estrada, entre os puntos quilométricos 18+690 e 22+223, no termo municipal de Santiago de Compostela, que supón un investimento de 1.260.761 euros (913.410 para financiar as obras e 347.351 € para as expropiacións necesarias).
O proxecto comprende un tramo de 3,5 quilómetros cun elevado volumen de tráfico que conecta o núcleo compostelán de Miramontes coa intersección da estrada DP-0701.
Suporá a ampliación da plataforma do vial ata os 9 metros (7 metros de calzada e 1 metro de beiravía en cada unha das marxes), a mellora do trazado en determinadas curvas e a pavimentación do tramo con macadam e zahorra artificial, ademáis da instalación dun sistema de drenaxe lonxitudinal con tubo de formigón, sistema de recollida de pluviais nos tramos onde hai beirarrúas e dotación de nova sinalización horizontal e vertical.
Ampliación da ponte sobre a vía do tren en Vedra
A Deputación da Coruña vén adxudicar tamén as obras de ampliación da ponte sobre a liña de ferrocarril, na DP-8901 de Gaiosa á Ponte Sarandón, no concello de Vedra.
As obras, adxudicadas a Aquablue Sistemas Constructivos, suporán un investimento de 83.281,12 para duplicar o ancho da plataforma, pasando de 6 a 12 metros. A estrutura quedará dividida en dous carrís de circulación de 3,5 metros, beiravías de 05 e beirarrúas de 2 metros.
Deste modo, adaptarase a ponte ao ancho actual da calzada e facilitarase o tránsito do tráfico de vehículos pesados que xera o Polígono Industrial de Vedra.