A Deputación repara a Casa da Cultura e a piscina municipal de Santa Comba

0

Santa Comba, 16 de agosto do 2017 –  O Boletín Oficial da Provincia publicou a formalización dos contratos para a execución de obras na Casa da Cultura e a piscina municipal de Santa Comba, que financia a Deputación da Coruña a través do Plan de Acción Social.

En total, a institución provincial destina 344.187 euros a estas obras, que poderán comezar proximamente e terán unha duración estimada de seis meses.

Debido ao tempo transcorrido desde a súa construción, a casa da Cultura de Santa Comba presenta varias deficiencias na impermeabilidade da cuberta, escasa protección térmica e problemas de humidade, que fan imprescindibles obras de conservación.

Estes traballos incluirán a substitución das tellas, o illamento da cuberta e a reposición de canalóns e baixantes de zinc. Tamén se substituirá o lucernario, colocaranse novas ventás e rexenerarase a fachada con illamento térmico, para impermeabilizala e mellorar a eficiencia enerxética.

No exterior do edificio,mellorarase esteticamente a entrada revestindo a marquesina con zinc e instalando portas de apertura automática. Así mesmo,reporanse as beirarrúas e os bordos de pedra para integrar o entorno coa fachada.

En canto á piscina e o pavillón municipal, eliminaranse os pavimentos, as paredes e os teitos en mal estado, e substituiranse por novos materiais adaptados a cada espazo, coma caucho continuo ou formigón pulido.

As obras financiadas pola Deputación tamén inclúen a ampliación do ximnasio da planta baixa, que contará cunha cuberta de policarbonato translúcido.

Mellora da seguridade viaria en Porto Carreiro

O Boletín Oficial da Provincia tamén publicou a formalización doutro contrato en Santa Comba. Trátase da mellora da seguridade viaria no camiño que une Porto Carreiro, a Illa, Freixeiro e Vilarnovo coa estrada de Santiago.

A Deputación da Coruña destina a estas obras 167.356 euros, dentro do seu Plan de Acción Social. Os traballos incluirán a explanación e rasanteo do firme, a limpeza das cunetas e o perfilado das beiravías a aplicación dunha nova pavimentación con triplo rego asfáltico e mestura bituminosa en quente.

Con estes traballos, preténdese mellorar a seguridade viaria e favorecer a circulación entre os núcleos de poboación, ademais de facilitar o acceso dos veciños ao vial que une Santiago de Compostela e Santa Comba.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies