Desde Nova York, onde fuxiu por uns días, Mandingo fálanos de BlacKkKlansman, Mandy e Operation Finale

0

Primeiro venres de novembro e as propostas para este fin de semana, van dende a agardadísima última película de Spike Lee, BLACKkKLANSMAN historia real dun infiltrado no Klan, a lisérxica historia de Panos Cosmatos MANDY e unha nova versión da captura do nazi Eichmann na OPERATION FINALE de Chris Weitz.

Chega a grela de estreas o novo de Spike Lee, cineasta cunha actitude vital militante que por estes lares andábamos un pouco esquecidos, non por querenza, senón pola nula distribución de moitas das súas creacións. Segue a traballar no cinema, pero agora diversifica moito máis o seu talento, entre as clases de cine na NYU, os traballos coma documentalista, os partidos dos seus Knicks, os netos e que xa vai para 62 anos, con 35 deles no oficio.

Lee é un dous poucos cineastas independentes de longa traxectoria que aínda seguen a traballar (xunto con Jim Jarmusch e Michael Moore) e que leva máis expectación polo seu nome, que polos seus derradeiros traballos. Por fortuna, BLACKkKLANSMAN sen ser do mellor da súa carreira, recupera a ese Lee que usa a Sétima Arte como arma arreboladiza ante a intolerancia e a instrumentalización do Odio gobernamental.

A historia real de Ron Stallworth é a escusa perfecta para sacudir con forza o silente legado dos supremacistas brancos que dende vai décadas fixeron o imposible para colocar na capital da nación a un estadista que adormecera as políticas de educación, de loita contra o racismo, de negala realidade histórica dos EE.UU e a súa nefasta política social, da intocable NRA e do externalismo militar. E non estou só a falar do “Axente Laranxa”, non. Este xerme orixínase no putrefacto legado dos McCarthy, Kissinger, Cheney, Bannon e demais tartufos que moven os fíos dos Nixon, Reagan ou Bush de quenda.

Pero onde non deixa dúbidas e na personificación que Lee fai no Grande Dragón do KKK, David Duke, do actual inquilino da Casa Branca. “Make America Great” e “America First” son premisas que saen da boca de Duke, nos mitins dos Setenta e que reproduciu tralos feitos violentos no 2017 que os membros do Klan protagonizaron fronte a marcha pacífica dos manifestantes contra o racismo imperante na Administración Trump. Así cóntao no filme e de feito, segundo para que público, vai todo moi ben masticado, sen dúbida posible.

Pero non remata na denuncia. Apoiado na vis cómica que o filme leva pola surrealista historia que estamos a gozar, Lee estalle a dicir a súa comunidade que non queden na casa nas vindeiras eleccións presidenciais. Facendo números, os máis de seis millóns de afroamericanos que deixaron de ir nas derradeiras eleccións foron determinantes para que acontecera un suposto imposible na imaxinación do mellor autor de ciencia ficción.

Sospeito que este filme e produto dunha necesidade vital do director, de axustar históricas contas co cinema das Majors. Coma sentenciara na súa gloriosa época dos Noventa, “a diferencia entre o cine de Hollywood e o que eu fago, é  que o meu, é de verdade, con xente real”. Auténtico cinema verité herdanza da Xeración que trocou a maneira de realizar filmes. Lee confesa admiración polo legado de Scorsese e polo THE DEER HUNTER (1979) de Cimino. Filme que mudou a súa percepción e que levouno a querer ser cineasta.

O cinema de Lee, na maior porcentaxe, e dunha heráldica parcial, da que sempre toma partido. Non é un observador neutral que limítase a narrar os acontecementos e logo o espectador, coa súa sapiencia, elixe. Non. Non pode permitirse tales luxos dentro dunha Sociedade tan heteroxénea e polo xeral, tan mal informada. Case sempre acerta, aínda que algunha vez tense metido nunha innecesaria controversia, coma a disputa do uso do léxico segundo sexas afroamericano ou un tipo coma Quentin Tarantino. Gotas anecdóticas dentro da descomunal tormenta que Lee leva desatada na súa envexable filmografía.

Spike lee e Ron-Stallworth

No filme, Lee aproveita para destacar secuencias fílmicas dunha infamia extrema de títulos que son Historia do Cinema, a propagandística THE BIRTH OF A NATION (1915) de Griffith, e que chega ata os nosos días -lembrade a orixe do nome do personaxe que interpreta Tom Hanks na baleira FORREST GUMP (1994) de Zemeckis- e a mítica, pero sutilmente racista GONE WITH THE WIND (1939) de Fleming.

Paréceme ben que Lee aposte por contar unha historia moi seria con tinguiduras cómicas, cando non rozando a ópera bufa (ese case epílogo onde o racista policía ten o seu merecemento, é de chiste, de non prestarlle atención nin tempo as paletadas dos rednecks que van por aí adiante neses mitins ou nesas mecas comerciais de fin de semana). Non agardedes o fervor nas veas que filmes coma MISSISSIPPI BURNING (1998) de Parker ou a propia JUNGLE FEVER (1991) de Lee producen no espectador. Vai máis no recoñecemento da propia identidade negra, o seu orgullo e a súa orixinal beleza. Con tempo para render homenaxe aos filmes da blaxploitation e o movemento contracultural da época.

BLACKkKLANSMAN non é o mellor filme do ano pero é unha boa película de Spike Lee. E unha boa película de Lee, é un 85% mellor ca maioría de producións que achéganse o cabo do ano ás carteleiras dos cinemas. E coma boa nova, Terence Blanchard volve a compoñer despois de moitos anos sen colaborar con Lee, outra desas delicadas e fermosas partituras tan “marca da casa” e que nos leva a rememorar emocións delicadas da súa primeira etapa. Non a deixedes escapar. Acudide ó cine, que non vos pesará. Paga a pena este Grande Premio do Xurado do pasado Festival de Cannes.

E xa que falamos de Festivais de Cinema, chimpamos ao de Sitges recen acabado para falar do filme MANDY (2018) de Panos Cosmatos, fillo do cineasta George Pan Cosmatos, que ao igual que os seu pai, gusta de facer películas aburridas, lentas e densas, pero coma proposta orixinal afastada das calidades paternas, inclúe tamén a fachendosa pedantería visual, cunha pretenciosidade estética que rebenta a paciencia do mesmo Santo Job.

Mandy é a moza do leñador Red Miller, interpretado polo actor Nicolas Cage, que leva camiño de facerse unha auténtica lenda do cinema de serie b, na ¿mellor? tradición dos Van Cleef, Phillip Law, Bronson ou se elevamos as calidades dos Lugosi, Karloff ou Milland. Como dicíamos, Miller rudo pero sensible ás artes e a astronomía ten un refuxio idílico no medio do bosque na metade de ningures que para a súa desgraza e centro de atención dunha seita de gañáns liderados polo seu líder Jeremiah, trasunto lisérxico do Charles Manson.

A pesar das referencias cinéfilas que de seguido van na metraxe tanto no cinema de terror (THE SHINING, PHANTASM II, TEXAS CHAINSHAW MASSACRE 2, HEAVY METAL…) coma nas chiscadelas da cultura Pop dos EE.UU. (Kurt Cobain, Mark Twain, Neil Young…) o filme é un pesadelo onírico que nin o peor David Lynch tería arrestos para presentar. Xogando coas cores básicas de vermello e azul, sobresaturando a pantalla coma se dun lenzo de Richard Corben tratara, mesturando orxías sanguinolentas do gore máis ridículo e cunha metáfora ridícula das chamas coma cancelas “inter mundos” coma expiación final, MANDY é unha dor de moas, que aínda hoxe, non sei coma fun quen de aturar. Pero supoño que coma tantas veces o errado son eu e non o Xurado que deulle a Cosmatos o premio coma Mellor Director no Sitges ´18.

E coma colofón neste venres, a enésima revisión das secuelas que o réxime da Alemaña Nazi deixou por mor do éxodo dos seus dirixentes, fuxidos da Xustiza que o Mundo viu nos xuízos acontecidos na cidade de Nuremberg.

OPERATION FINALE (2018) é o novo traballo de Chris Weitz, que levaba sete anos sen dirixir, dende aquela THE GOLDEN COMPASS de errada traxectoria (nin Kidman, nin Craig eran os adecuados para os papeis, pero esa é outra historia).

Weitz, sen estridencias pero con profesionalidade, sirve un filme de áxil tempo na súa narración. Axuda que os baremos de calidade da canle de pago nesta ocasión sexan supervisados por auténticas primeiras espadas nos diferentes apartados técnicos e artísticos. No mundo do cinema, facer o que se di unha boa película, non soe ser produto da casualidade ou da Divina Providencia. Xa o dicía Woody Allen: “para que un filme saia ben, ten que coincidir que tódolos aspectos que afectan a dita obra converxan no tempo e no espazo, coma penso que aconteceu na miña MATCH POINT (2005)”. Leva moita razón o xenio neoiorquino.

Ao marxe de que a captura de Adolf Eichmann é coñecida dabondo, non resta mérito esta nova volta de torca dende a perspectiva do comando israelí que levou tal proeza. Gústame ver a ese grande actor que é Oscar Isaac tan ben aproveitado nesta ocasión (magnífica a interpretación do seu Nathan na notable EX_MACHINA (2014) de Garland). Da bo pulso cun Ben Kingsley que dende vai uns anos o estamos a ver interpretarse a si mesmo coma autoparodia de grande importancia na Historia do Cinema; coma de maneira moi irónica contara Harrison Ford, despois da rodaxe do ENDER´S GAME (2013). Aínda que Ford tamén é bastante toxo nas rodaxes…

Coma nerd que son e que levo a moita honra, gocei da breve aparición de Peter Strauss e Greta Scacchi. Sempre sorrío cando vexo que novos directores rescatan intérpretes de gloria pasada; coma por exemplo Tarantino ten a ben facer (na actualidade está a rodar unha agardadísima película de “cine dentro do cine” ambientada nos días convulsos á masacre que fixera Charles Mason e os seus secuaces).

De mérito a tensa B.S.O. do oscarizado Desplat, sólida a iluminación do veterano Aguirresarobe e con magníficos resultados tanto na arte de Kendelle Elliot -INTERSTELLAR (2014)- coma nos meticulosos decorados de Florencia Martin (apoteósica labor que tamén fixera para a serie FEUD).

Historia real de Peter Makin, que basease no libro do antigo director do Mossad, Harel, titulado “THE HOUSE ON GARIBALDI STREET”.

Máis nada por hoxe. Acudide ao cine, mercade filmes, lede libros, escoitade música, pero non dos que aconsellan nos púlpitos habituais. Buscade, e sempre preguntade o porqué das cousas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial