Día dos medios en Galego

0

Hoxe estamos de celebración xa que é o Día dos medios en Galego, instaurado no ano 2018 nunha declaración conxunta de todos os partidos con representación no Parlamento Galego.

A data de hoxe coincide coa primeira publicación realizada integramente en galego, O Tío Marcos da Portela, hai xa 122 anos.A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) lémbranos da necesidade de manter medios que manteñen vivo e útil o noso idioma.

Medios en galego activos (Xaneiro 2019)

40 Nordés, 5FM, A Cuarta Parede, A Nova Peneira, A Voz de Vilalba, Ábretedeorellas, Adiante.gal, Ames Radio, Campo Galego, Canal Barbanza, Canal Rias Baixas, Código Cero, Crónica 3, Crónicas da comarca, Culturagalega.org, DiarioDeportivo.gal, Diario Liberdade, Disquecool, Galicia Confidencial, GCiencia, GZmusica, Historia de Galicia, Lugo Xornal, Lindeiros, Luzes, Mazarelos, Nós Televisión, Nova Fantasía, Novas da Galiza, Novas do Eixo Atlántico, O Dez, Ollaparo, O Sil.info, Palavra Comun, Ponte nas ondas, Pontevedraviva, Praza Pública, Que pasa na Costa, Radio Allariz, Radio Arzúa, Radio Burela, Radio Caldas, Radio Cerceda, Radio Culleredo, Radio Estrada, Radio Eume (As Pontes), Radio Fene, Radio Foz, Radio Lalín, Radio Melide, Radio Negreira, Radio Neria (Corcubión), Radio Nordés (Cadena Ser), Radio Oleiros, Radio Ordes, Radio Quiroga, Radio Redondela, Radio Roncudo, Radio Salnés (Cambados), Radio Tui, Radio Xallas, Radiofusión, Revista Feminista Andaina, Revista Feminista Revirada, Radio Morcego, Revista Orballo, Revista Pincha, Sermos Galiza, Sprintmotor, SurfGZ, Televinte Chantada, Televisión de Galicia, Tempos Novos, Teo Vivo, Terracha.xa, Vinte, Xornal de Lemos, Xornal da Mariña, Xornal de Vigo, Zona Press.

Artigo de Xosé Ramón Pousa, Decano da Facultade de Xornalismo

O xornalismo de Lamas Carvajal

Hai persoas que, aínda sendo cegas, teñen unha clarividente visión de futuro. E o caso de Valentín Lamas Carvajal, un ourensán que devolveu ao idioma galego a condición de lingua apropiada non so para as relacións persoais senón para a comunicación escrita. En 1876, nun país onde o 95 por cento da poboación utilizaba unha lingua proscrita, cuns índices de analfabetismo tremendos, e unha poboación rural dominante,  Lamas Carvajal co seu “Tio Marcos da Portela”, fixo do primeiro xornal en galego un auténtico “best seller” que triunfaba en todas as feiras do país, imprimindo ata 4.000 exemplares, e prolongando por máis de 12 anos o seu éxito.

“O Tio Marcos”, un labrego con chispa, personaxe extraído do Padre Sarmiento,  era unha publicación popular, dirixida a eses sectores maioritarios na Galicia do século XIX, sen acceso a unha cultura non xa de elites, senón básica. Un xornal que conectaba perfectamente coas súas preocupacións como campesiños, sintonizaba cos seus intereses, e utilizaba a sátira máis descarnada e a parodia como elementos de rebeldía contra o caciquismo e, principalmente, na figura encarnada por Bugallal, nunha sociedade esmagada por un centralismo terrible. Sempre había un paisano que o mercase e ilustrase aos demáis coa seu lectura pública.

O salto de Valentín Lamas Carvajal cara unha publicación periódica en galego e de tal éxito, hai 150 anos, sorpréndenos hoxe mesmo. Nunha sociedade como a galega que superou boa parte dos seus problemas de atraso secular, pero que non é quen de dar o paso definitivo para a dignificación do idioma propio. Aínda hoxe carecemos dunha estrutura de medios e de publicacións impresas en galego con calado suficiente.

Aparte da súa labor poética, a experiencia xornalística de Lamas comezara anos atrás coa publicación da revista “La Aurora de Galicia”, coa súa implicación no semanario “El Heraldo Gallego” e posteriormente en el “Eco de Orense”. Seguro que este coñecemento interno dos medios, para un home que tiña mesmo que ditar os seus artigos -case sempre a un dos seus fillos que o formateaba para a imprenta-, serviu de preparación para o seu gran proxecto pioneiro da prensa galega. Estamos ante un ser comprometido co país, dotado dunha excelente visión como xornalista, que utiliza a súa facilidade versificadora e o seu sentido do humor para conectar cun público ávido de que, por fin, alguén lle de a razón, recolla os seus sentimentos e os reforce a través da letra impresa, na mesma lingua que eles falan e que poucas veces se materializa na escrita.

De Lamas Carvajal sorpréndenme moitas cousas. El utiliza a técnica xornalística da entrevista: preguntas cortas seguidas dunha resposta, para formular todo tipo de problemas e situacións coas que se atopa un labrego do século XIX, gobiado polas rendas, endebedado cos usureiros, abocado a unha vida imposible ou mesmo á emigración incerta cara América. Preguntas simples e respostas frescas que, coma os versos de Rosalía, quedaban nas mentes campesiñas e eran reproducidas unha e outra vez.

Como punto forte do seu proxecto xornalístico, Lamas introduce a peza por entregas, como acontecía nas mellores publicacións da época coa literatura de cordel, publicando como un cadernillo do “Tío Marcos da Portela” o “Catecismo do Labrego”, o primeiro éxito da literatura galega que coincide co momento de maior expansión do periódico. Novamente, Lamas Carvajal innova, utilizando con respecto e admiración a máis pura técnica eclesiástica da repetición de conceptos directos e fáciles de entender, como no Catecismo católico, de tanto calado popular. Iso si, dándolle unha dimensión civil, a un novo credo social que, como os dez mandamentos, habían de chegar con forza a unha Galicia irredenta.

Hoxe, na Galicia do século XXI, aínda temos que desprendernos de moitos prexuízos e aprender daquel cego ourensán de tan longa visión, aprendendo da súa humildade, da capacidade de conexión cos máis desaxidos, para dunha vez rematar un proxecto que 150 anos despois aínda está moi lonxe de ser realidade: Unha Galicia con medios propios e en idioma galego. Toda unha lección a de Lamas Carvajal.

                                                             Xosé Ramón Pousa

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial