O Día Internacional dos Museos enche Compostela de actividade

0

Compostela, 16 de maio do 2018 – O 18 de maio conmemórase o Día Internacional dos Museos, baixo o lema “Museos hiperconectados: enfoques novos, públicos novos” e como xa é habitual dende hai sete anos, os museos composteláns suman esforzos para celebrar esta efeméride.

Oito museos das cidade apóstan por establecer “marcos de colaboración e de traballo conxunto nos que compartir recursos, aumentar a visibilidade, crecer e seguir mantendo a esencia social, colectiva e pública”.

Esta semana e en xornadas posteriores, composteláns e visitantes poderán gozar de numerosas actividades organizadas conxuntamente polo Museo do Pobo Galego, Fundación Granell, Museo das Peregrinacións e de Santiago, Centro Galego de Arte Contemporánea -CGAC-, Museo Catedral, Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), Museo Casa de la Troya e Museo de Historia Natural. Promoveranse xornadas de portas abertas, itinerarios e lecturas literarias, visitas guiadas, ciclos de música e cinema, obradoiros para público infantil e adulto, e exposicións que encherán a cidade durante todo o mes.

A programación de DIMCompostela quere poñer de manifesto o papel que as novas tecnoloxías teñen no encontro entre os públicos e os museos, en particular cos máis novos. “O museo é hoxe un lugar onde nos atopamos con distintas áreas do coñecemento científico e das artes, pero tamén dende onde compartimos as nosas experiencias a través dos medios sociais. Esta hiperconexión permítenos tamén abrir os museos a visitantes que non están fisicamente neles, facer particípes a máis persoas, amplificar a audiencia dos nosos contidos e, en definitiva, facernos máis visibles aos ollos da cidadanía” -explican-.

Actividades para todos os públicos

Todos os centros participantes celebrarán unha xornada de portas abertas o Día Internacional dos Museos, o venres 18 de maio, ademais de visitas guiadas gratuítas. O CGAC mesturará a música e a arte nun programa que inclúe actividades didácticas para escolares e unha homenaxe ao artista Manuel Model. O mércores 16 haberá un curso de cinema e o sábado 19 e o domingo 20 talleres para familias centrados no movemento.

O Museo do Pobo Galego trae a Santiago as fotografías e os filmes do guardés Joaquín García Portela “Costiña”  (do 19 de abril ao 10 de xuño). Ademais, o 15 de maio haberá un espectáculo de contos de tradición oral con obxectos e monicreques da man da narradora Raquel Queizás, para nenos de 3 a 6 anos. E o 16 vanse programar lecturas literarias con música.

O 18 de maio os contacontos serán protagonistas no Museo das Peregrinacións, que ademais acollerá un concerto e talleres. Haberá un obradoiro de iniciación ao torno cerámico co artesán Nano Unzueta, xunto a un concerto de The Lácazans. O sábado 19 poderase asistir a un obradoiro de construción de instrumentos musicais e a unha sesión de narración oral con Cándido Pazó

O Museo Casa de la Troya realizará o venres 18 un roteiro pola Compostela que ilustra a novela de Pérez Lugín. O percorrido, dunha hora e media de duración, partirá da estatua de Rosalía de Castro na Alameda e desenvolverase polas rúas do casco histórico ata o museo. O guía será o actor Suso Martínez, caracterizado como o estudante Barcala, acompañado da música do grupo Troyanos de Compostela.

O Mupega ofrece a oportunidade de percorrer de balde, ata o 2 de xuño, unha exposición centrada nos Inventos que nos conectan, na que se mostra a evolución da tecnoloxía ao servizo da comunicación humana. E o venres 18 de maio desenvolverase o obradoiro familiar “Xogando a detectives no Mupega”, a través do cal se achegará de xeito divertido a historia da educación en Galicia.

O Museo de Historia Natural, ademais da xornada de portas abertas o venres 18, realizará visitas guiadas de balde, deseñadas tanto para familias como para o público en xeral, cunha duración aproximada de unha hora e media.

O Museo Catedral, xunto ás visitas guiadas á súa colección permanente, levará a cabo a actividade didáctica “Descubrindo ao Mestre Mateo” no Pazo de Xelmírez, unha iniciativa dirixida a grupos escolares.

E na Fundación Granell os visitantes terán a posibilidade de coñecer o proxecto de difusión dos fondos artísticos do museo que non se atopan en exposición. Ademais, poderán achegarse aos traballos relacionados para a súa investigación e exhibición, combinando os recursos físicos cos virtuais.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies