Cando hai 3 anos entrevistabamos a Diego Rojo acaba de correr os 100 quilómetros de Santander. Aquela ocasión foi un reto persoal que non sabía que lle levaría a un reto aínda maior, a  Spartathlon.

A  Spartathlon nace copiando a historia de  Filípedes, un mensaxeiro ateniense que, segundo o historiador grego  Herodoto, correu ata  Esparta para conseguir axuda na batalla de Maratón. Desta historia nace a mítica carreira do mesmo nome que todos coñecemos; en 1982 uns militares británicos quixeron saber se era posible cubrir a distancia real. 246 quilómetros, e facelo nun día e medio. Deste experimento naceu en 1983 a  Spartathlon, á que decidiu enfrontarse Diego Rojo

Non chega con querer, nin sequera con poder; os organizadores da proba limitaron nestes anos a inscrición a 400 corredores. Se cumpres os requisitos para participar tes ademais que contar coa fortuna de poder facelo porque o teu nome entrará nun sorteo xunto ao de todos os solicitantes

Salvo uns poucos ninguén corre unha proba como esta, polo menos a primeira vez, pensando en bater un  récord ou baixar dun tempo. No caso de Diego Rojo trátase dunha proba de autocoñecemento. É unha aventura que non sabes se serás capaz de terminar.

Unha proba máis do especial desta carreira é o feito de que están prohibidos os patrocinios, a maioría dos participantes son  amateur o que reforza a idea dun evento no que cada un compite contra se mesmo

Modo  zen

É difícil non pensar. Cando camiñamos só sempre temos algo na cabeza; de onde vimos, onde imos, onde iremos… pero é indubidable que 36 horas dan para moito, mesmo para non pensar en nada

Diego Rojo foi o único dos catro españois participantes que logrou terminar. Á dureza da proba uniuse dous días antes o ciclón  Zorba que converteu a carreira nun inferno. Da serenidade deses momentos  zen dos que fala pasou a unha sensación de  irrealidade cada vez que lembra a carreira, especialmente cada vez que pensa na noite

Saída e chegada marcan o proceso polo que pasa o corredor. Da excitación no comezo da aventura á agonía na procura da meta. As condicións climatolóxicas fixeron que neste caso a chegada fose dantesca

O apoio

Diego tivo o apoio en carreira da súa irmá  Maite, tamén corredora. O que participa sabe como está, sente o seu corpo e medita sobre o que fai, pero o que o apoia só pode preocuparse. Unha proba deste tipo sería moi difícil de terminar sen alguén que estivese pendente nos controis de paso e atenta ao que o corredor puidese necesitar.

A loxística é tamén complexa. Hai que ter o máis claro posible os tempos que se poden facer nos pasos polos controis, que necesidades vai ter o corredor e onde as vai a ter, hai todo un traballo paralelo fundamental nunha proba destas características

Correr

O auxe do atletismo en Galicia, en todas as súas variantes, veu crecendo nos últimos anos. Diego Rojo sabe que é unha boa noticia e sorrí cando alguén lle chama tolo por participar en probas como a  Spartathlon

Aínda non pode correr porque o seu corpo está a recuperarse da proba pero a súa cabeza xa pensa nos próximos pasos. Correr algunha proba máis de montaña e repetir o  Spartathlon, a poder ser coa súa irmá  Maite tamén como participante, son algunhas das ideas que lle roldan. O máis importante é a experiencia, o vivido; sensacións que cando llas transmite aos seus alumnos provocan incredulidade pero, seguro, tamén interese.

Moitas veces non se trata do que somos. Trátase do que facemos e, especialmente, do que somos capaces de facer. Se todos buscásemos os nosos límites como fai Diego é posible que nos levásemos máis dunha sorpresa.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial