займ срочно

Adiántanos Mandingo unha certa anemia na grella cinematográfica, fagocitada pola estrea do último filme dos dinosauros xigantes e unha pesadela slasher de moi difícil dixestión incluso para o noso cinéfago de cabeceira.

Van vintecinco anos xa que ese neno que Spielberg ten no seu interior, amosara ao mundo enteiro unha sorprendente paraxe onde os dinosauros campaban polas súas anchas, nunha especie de resort “disneyriano” dirixido pola man dun velliño con querenza pola camisas hawaiianas. O filme do 93 supuxo unha nova volta de torca no eido dos CIG (a ILM de Lucas ten moita culpa do tremendo éxito que tivo o filme) coma tamén chegou ó cumio da perfección ó traballo realizado na animatrónica polo estudo de Stan Winston.

Pero por se as excepcionais calidades técnicas non foran motivo dabondo para que moreas e moreas de persoas acudiran en masa aos cinemas, o guión escrito entre o autor da historia orixinal, o sempre lembrado Michael Crichton e David Koepp (plumilla de mérito, autor de contos tan relevantes como os asinados para as travesuras dos Carlito Brigante, Ethan Hunt, Peter Parker, Jack Ryan ou Indiana Jones) foi unha sorte moi lograda que conxugaba a perfección o cinema máis puro de aventuras, xalonadas por doses de terror, tensión, humor (moito máis negro e adulto para o acostumado na actualidade, e que estase a perder por temor de cualificacións nas que limitan ó acceso aos menores non tutelados na asistencia as salas de proxeccións) e en definitiva, unha narrativa cum laude para o xénero a tratar.

O éxito de despacho de billetes na recadación, levou a Universal a seguir producindo filmes e máis filmes de saurios colosais, con argumentos cada vez máis repetitivos e previsibles. Aos directivos da “major” moito non lles importaba, mentres os cartos dos espectadores seguiran chegando por riadas. E claro, se o final queda todo reducido nunha moi elaborada pirotecnia e máis nada, pois…

Xa me  aconteceu na anterior película do 2015, que practicamente non me dixo nada. Co filme de Bayona, sucédeme o mesmo. Abúrreme con espanto as correrías do heroe vigoréxico Owen Grady (por favor, que alguén lle diga ó actor Chris Pratt, que tanto traballo de musculación está a facer desaparecer a súa testa, engulida polo seu pescozo), as facianas de susto da protagonista, Claire (Bryce Dallas Howard), que sabemos que nada malo vaille ocorrer… Os roles maniqueístas elevados ao absurdo máis exponencial (é o mesmo de sempre. Non perden ningún segundo en traballar as motivacións dos malvados. E canto mellor é o vilán, moito mellor é o filme). Nada novo baixo o Sol, a verdade.

Dando por feito a idiocia dos espectadores e a súa pouca esixencia nas tramas a seguir que os produtores de hoxe en día pensan que o grande público ten, (e que non é así e non debería suceder coma tal), este tipo de producións protagonizadas por enormes mecanos, superheroes cos calzóns ó aire, ladróns de autos, adolescentes con sabres…  (os bluckbuster de toda a vida, imos!), xoga a apostalo todo as calidades na técnica (CIG, VX, etc…) e no talento na produción (deseño, arte, vestiario…) a golpe de talonario e sen reparar nos custos, que malo será que cun investimento publicitario apoteósico non recupere (e con creces) todo o gastado.

E resulta que case sempre acertan os contables de Hollywood que están a dirixir os Estudos de cinema. Cando a burbulla de filmes DE efectos especias (e non CON) sature os gustos da audiencia, a Meca do Cinema terá que volver a mirada cara a hora de recuperar historias orixinais e atractivas. Xa aconteceu no pasado, e volverá a suceder. Afortunadamente, é algo cíclico. Defendo o cinema de entretemento, pero ten que ter uns mínimos, e cando esa nivel chega a cotas maiores, entonces batemos as mans con entusiasmo, coma pode acontecer co JAWS (1975) de Spielberg, o EPISODE IV (1977) de Lucas, o SERENITY (2005) de Whedon ou GUARDIANS OF THE GALAXY (2014) de Gunn.

O guión de JURASSIC WORLD: FALLEN KINGDOM ten o garabato de Colin Trevorrow e Derek Connolly (responsable tamén do texto-mamotreto insoportable para KONG: SKULL ISLAND, un dos peores filmes que papei o pasado ano e que fai un “corta-pega” (non exaxero, é tal cual!) para o filme de Bayona. Por se fora pouco, vai selo responsable do libreto para o EPISODE IX de STAR WARS. ¡Miña naiciña a que nos agarda!.

Podedes ir vela; pero logo non me digades que non vos avisei.

Pero se pensades que xa non pode ir a peor, estades moi errados meus estimados lectores. A outra estrea que toca hoxe por percorrer é a secuela do filme de 2008, THE STRANGERS de Bryan Bortino, que xa de entrada recoñezo que foi un deses títulos que deixas pasar para un postremeiro visionado na sala da túa casa, (sesión blu-ray dominguera-vespertina e con diluviana treboada batendo nas fiestras), pero que nunca chega a pasar.

Non son moito do sub-xénero “slasher” e quizais polo abandono consciente que teño ao respecto, foi escusa suficiente para visionar esta secuela que aqui dirixe un tal Johannes Roberts, inglés cunha filmografía a esquecer, pero que non culpo neste traballo. Tampouco fai nada memorable. Onde quero incidir é no ¿guión? que escriben Bortino e Ben Ketai, trapallada sen pés nin cachola que levoulles media tarde perpetralo e aínda así sobráronlles unhas horas para ir comelo polbo.

THE STRANGERS: PREY AT NIGHT é un subproducto única e exclusivamente dixerible para os máis fanáticos admiradores de secuelas termináis de sagas de terror sanguinolento máis ou menos célebres. Xa sabedes coma vai o conto: Familia que achégase na procura dun futuro mellor para os seus a unha nova localidade e que baten cos tralladiños homicidas de turno (e se ocultan as súas facianas con máscaras de nenos, ou con sacas, moito mellor). Da igual cara onde corran. Os furados asasiños prevén calquera situación posible. Cando os sufridos rapaces teñen a oportunidade de igualar o reconto de corpos, berran, foxen, tropezan nas pedras, escóndense coa esperanza que cheguen os reforzos (e chegan, pero claro!,non serven de nada). En fin… sustos fáciles aderezados con notas agudas a todo volume, sangue, mala sorte inicial, logo consegues bater o psicópata final, para dous minutos despois volver a loitar con él (pero… non estaba morto?. ¡Ah, non!. Resulta que cando recibiu unha morea de disparos, prendeulle lume o corpo, pasoulle unha estampida de mamuts por enriba, acertoulle a bomba de Nagasaki de cheo, e finalmente, tivo que escoitar a discografía completa de Glenn Medeiros, pois resulta que ao final, non ficou morto!.Estaba de parranda, meu!).

Esta auténtica tomadura de pelo tenta mesturar nun batiburrillo as fontes “clásicas” de filmes coma THE HILLS HAVE EYES (1977) de Wes Craven, THE AMITYVILLE (1979) de Stuart Rosenberg, FRIDAY THE 13TH (1980) de Cunningham ou do SAW (2004) de James Wan, por citar só uns dos máis representativos exemplos do sub-xénero e que coma xa comentamos, as secuelas decaen canto máis alónxanse do filme primixenio.

Para iso, quédome coa LA MATANZA CANÍBAL DE LOS GARRULOS LIXÉRGICOS (1993) de Antonio Blanco. Errada, pero non pretenciosa, broma da paisanaxe máis profunda das terras onde as lindes mudan de posición tódalas noites.

En resumo; para ver “isto” hai que ter peito, coma diría o Capitán Haddock. Non tódalas semanas podemos acertar, pero é o que ten este traballo. É duro, pero alguén ten que facelo.

Coidemos que na vindeira crónica teñamos máis sorte.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies