займ срочно

Dios Ke Te Crew presenta novo disco en Compostela

0

Compostela, 8 de maio do 2019 – Dios ke te Crew  presenta este sábado 11 na Capitol ‘O Ciclo da Serpe’, o seu novo e agardado disco, a cita as nove da noite.

Dios ke te Crew regresa despois de 8 anos cun LP cargado de simbolismo que mantén o seu particular humor apegado á actualidade e cargado de aceda retranca, ironía e sátira.

Neste novo traballo continúa a tradicional vontade da banda de Ordes de intervención social, con temas dedicados á liberdade de expresión, á ultradereita, ás redes sociais ou á xestión do lixo, entre outros

‘O Ciclo da Serpe’ é un LP cargado de simbolismo e un traballo sisudo que amosa a madurez dunha banda que regresa logo de varios anos nos que se centraron en proxectos individuais.

O Ciclo da Serpe ten un claro compoñente conceptual, tanto o propio título como todo o coidadoso traballo de arte do formato físico, coas ilustracións da artista Lidia Cao e con deseño e dirección de arte de Sokram (artista visual e vocalista membro do grupo). Na portada podemos contemplar un uróboros (serpe que engule a súa propia cola) a medio camiño entre animal e máquina, que entra e sae dun dodecaedro de pedra no que parece estar enredada. Un título e unha imaxe con complexos simbolismos dos que se poden arrincar distintas lecturas.

Os uróboros, presente en culturas antigas tan dispares como a exipcia, a grega, a china, ou a celta, entre outras, representa a natureza cíclica das cousas, que comezan de novo unha vez rematan, a perpetuidade, o eterno retorno e, nun sentido máis amplo, a paso infinito do tempo, o infinito devir. Eventos cíclicos como o día e a noite, a vida e a morte, o transcurso das estacións ou, na música, o eterno loop que se repite unha e outra vez…, mesmo quizais o propio retorno da formación DKTC.

 

O Ciclo da Serpe tamén alude á muda de pel, a ese cambio necesario que todo individuo ou sociedade está condenado a realizar nalgún momento da súa existencia para poder continuar… E do mesmo xeito, tamén parece conter unha crítica implícita ao sistema capitalista, encarnado no corpo da serpe e, por definición, condenado a devorarse a si mesmo.

Este disco foi gravado e mesturado en Rapapoulo Estudio (Ordes) e masterizado en Jammin Masters (Berlín). Nel colaboran o actor Miguel de Lira en dous sketches; Alto Asalto e Hermano L nas voces; ademais de músicos como Manu Paino, Serxio García, Xosé Antonio Ríos, Martiño D. Mato, Inés MIrás ou Javier Pardiñas. A portada ten unha animación en realidade aumentada realizada polo artista audiovisual A.L. Crego.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies