Divulgación gafapasta

0
Ilustración de Jorge del Oro

Ilustración de Jorge del Oro

 Está escrito en galego, pero o mesmo podería estalo en vietnamita ou en klingon. Aínda cos coñecementos básicos de xeoloxía frescos, o mínimo é que un levante unha cella e debátase entre arrincar o procesador central e póñase a descifrar o significado da perorata, ou, máis probablemente, decida pasar amplamente do tema e continuar na súa ignorancia máis absoluta acerca da xeomorfoloxía do areal no que se está cocendo a lume vivo entre compatriotas e camaróns de acento estranxeiro.

O texto entrecomiñado é un extracto fiel dun “panel divulgativo” ao pé dunha praia galega e pretende explicar o aspecto desta. Unha de tantas praias e un de tantos paneis que poboan os nosos espazos naturais. Non se trata dun descoido, dun copia e pega da wikipedia que se nos vai das mans e quédanos un paragrafo sen revisar. O ton xeral do panel é este, propio dun discurso no Smithsonian Institute ou da defensa dunha tese de doutoramento.

Este mal endémico non afecta só a estes plafóns que achegan información sobre un determinado espazo ou monumento, senón a case calquera acción de comunicación institucional que teña que ver co patrimonio natural, arqueolóxico, inmaterial, etc.

Suponse que a súa función é achegar coñecemento á cidadanía, a calquera visitante, mesmo ocasional, independentemente do seu nivel de coñecementos previo na materia , e sexa cal for o seu nivel discursivo xeneral. Isto é, para que calquera que pase por alí sexa capaz de sacarlle máis ou menos un certo partido á información que facilita.

A intención parece clara cando se elixe a presentación. Entre outras cousas porque estes grandes cartelóns aparecen situados nos lugares de maior tránsito e ao alcance de todo o mundo. Mesmo, en numerosas ocasións, amparados por estruturas de madeira que os manteñen á sombra. Pero parece que hai certa descoordinación e o encargado de redactar o texto cre que está nun exame da facultade.

Dicía A. Einstein (ou Richard Feynman, segundo a fonte consultada) que “en realidade non entendes realmente algo ata que es capaz de explicarllo á túa avoa”. Desculpen, damas e cabaleiros que redactan estes textos, pero a miña avoa non entende nada. E eu a duras penas. Así que a consecuencia lóxica é que Vds. mesmos non o teñen de todo claro. Ou ben a materia que é, supostamente, a súa especialidade, ou ben como funciona iso da divulgación. Ou ambas.

Non se trata de que “Coco” redacte os folletos informativos, nin de facer de cada panel un capítulo de Barrio Sésamo. Trátase de buscar, desde unha linguaxe correcta e adecuada á materia, explicacións próximas que sirvan ao común dos mortais.

“As montañas rochosas da zona tiñan fracturas internas que coincidían cos vales dos ríos da zona. Estes ríos ían cargados de restos de vexetación e fragmentos de roca, que facilitaron a erosión. Entre estes materiais destaca o granito, que, como pode apreciarse, é moi abundante nas grandes rocas da praia e nas montañas que a rodean.”

O ton rigoroso non se perdeu pero agora o lector ten unha mínima posibilidade de entender algo: A forma que teñen as montañas que o rodean e a propia praia, chea de rochas, ten que ver cos regatos que baixan das montañas arrastrando cando pillan, erosionando o terreo e desprazando grandes pedrolos até a praia.

Divulgar, explicar, ensinar… non é informar. É moito máis.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies