DJ, catas e visitas guiadas nas Nocturnas do Gaias

0

Compostela, 8 de agosto do 2018 – A Cidade da Cultura programa para as noites dos venres de final do verán unha descuberta diferente e distendida das grandes exposicións que acolle baixo o nome de Nocturnas do Gaias.

Nas nocturnas do Gaias poderanse visitar as mostras que acolle na actualidade: Baldomero Pestana, a verdade entre as mans e Galicia Universal e A arte galega nas colección de ABANCA e Afundación. As citas serán fora do horario habitual e rematarán con música e petiscos, serán o 24 e 31 de agosto e o 7 e 14 de setembro.

As Nocturnas propoñen así unha viaxe emocional polas exposicións máis sensitiva aínda grazas ao ambiente íntimo e distendido que se xera nesta actividade. Grupos de máximo 30 persoas como únicos visitantes do Museo, música axeitada para o momento, espazo para a conversa e petiscos fan das Nocturnas un acubillo de creación, ritmo e lecer para as últimas noitiñas do verán. As dúas primeiras sesións achegaranse á mostra de Baldomero Pestana, mentres que as dúas últimas será a quenda de Galicia Universal. As entradas para as catro sesións xa están dispoñibles a través dos puntos de venda habituais e pode consultarse máis información sobre a actividade en cidadedacultura.gal.

Mergullarse no universo de Baldomero Pestana

INAUGURACION DE BALDOMERO PESTANA, OSCAR CORRAL, 30/04/18

As Nocturnas arrancan o venres 24 de agosto vinculadas á exposición Baldomero Pestana, a verdade entre as mans. As dúas primeiras sesións da actividade supoñen unha oportunidade de mergullarse dun xeito singular na vida e na obra deste fotógrafo galego (Castroverde, Lugo. 1917-2015), moi descoñecido entre o gran público, pero un referente da imaxe da segunda metade do século XX. Trátase da mostra máis ambiciosa realizada ata o momento sobre Pestana e recolle arredor de 150 fotografías que inclúen retratos de escritores e intelectuais como Pablo Neruda, Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa, Man Ray, Dizzy Gillespie ou Adolfo Bioy Casares; así como imaxes de denuncia social tomadas durante o seu traballo como fotoxornalista. As Nocturnas suporán unha das últimas oportunidades para achegarse ata esta exposición, que pecha as súas portas o 2 de setembro.

INAUGURACION DE BALDOMERO PESTANA , OSCAR CORRAL, 30/04/18

Galicia Universal, protagonista das Nocturnas de setembro

Nos dous primeiros venres de setembro será a quenda de Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación. Nesta ocasión, as persoas participantes poderán facer un percorrido guiado pola arte galega dos últimos 150 anos a través das case 200 pezas desta mostra, entre pinturas, esculturas, fotografías e instalacións. Galicia Universal, que pode visitarse ata o 14 de outubro, reúne por vez primeira a máis dun cento dos artistas galegos máis relevantes, como Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez de Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro, ou Antía Moure, entre outros moitos.

INAUGURACION DE BALDOMERO PESTANA, OSCAR CORRAL, 30/04/18

As Nocturnas propoñen un percorrido comentado a través das distintas seccións que artellan a exposición e que permiten descubrir desde os grandes murais de Laxeiro, Lugrís ou Castelao, á representación da muller como imaxe do país, ou aos artistas máis contemporáneos, entre a abstracción e a nova figuración.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies