O Dolmen de Cabaleiros, en Tordoia, terá atención para as visitas do verán

0

Tordoia, 14 de xullo do 2017 –  A tempada de visitas guiadas ao Dolmen de Cabaleiros prolongarase do 30 de xullo até o vindeiro 25 de setembro, en xornadas de 10:00 a 19:00 horas fins de semana e festivos. Así se contempla no convenio que asinaron o deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto e o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares.

A Deputación da Coruña, a través da súa área de Patrimonio, volve confiar no Concello de Tordoia a atención de visitantes do Dolmen de Cabaleiros e, neste sentido, o responsábel da área vén de asinar o convenio polo que achega unha cantidade de 2.280 € para a prestación do servizo a través da xestión municipal.

O convenio establece tamén que o servizo do Dolmen de Cabaleiros se prolongará do 30 de xullo ao 25 de setembro e estará operativo de 10:00 a 19:00 horas ofrecendo atención a visitantes e os servizos que demanden. O acordo inclúe tamén accións de divulgación, comunicación e promoción destinadas a dar a coñecer o monumento do que é titular a Deputación da Coruña.

O deputado Xesús Soto sinala que “Como no caso doutros bens patrimoniais que son titularidade da Deputación, optamos pola transferencia de xestión aos Concellos como a máis acaída. Desta maneira, confiamos nas institucións locais o papel de atender e poñer en valor o patrimonio, entre outras cousas, dándoo a coñecer á propia veciñanza”.

Co acordo, Deputación e Concello marcan como obxectivo dar uso turístico ao monumento, impulsar o uso educativo e didáctico do Dolmen e implicar á poboación local na posta en valor da construción megalítica e conectala coa veciñanza e a historia da contorna.

A Deputación aprobou no mes de abril o financiamento da mellora da sinalización do megálito de Tordoia, entre outros bens do patrimonio provincial, coa instalación de paneis indicativos sobre pedra, para procurar o mínimo ruído arredor do enclave do monumento. Ademais, outras iniciativas como a futura habilitación dos terreos contiguos para aparcamento e a relocalización da caseta de atención turística contribuirán á mellora do entorno e facilitarán as visitas ao monumento megalítico.

O dolmen, de máis de seis mil anos de antigüidade, pasou a formar parte do patrimonio da Deputación da Coruña nos anos setenta. É protagonista de lendas como a da Casa da Moura e é un dos referentes patrimoniais da comarca.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies