Dolores Iglesias Otero

0

Dolores é unha muller que atesoura a tranquilidade dos anos, que conserva ese espírito resignado tan galego que serve tanto para un roto como para un descosido mentres infunde calma a calquera situación.

Naceu en Santa Cruz de Rivadulla, Vedra,  aínda que a maior parte da infancia pasouna en San Miguel de Vilar, Touro,  onde o seu pai exercía de mestre da unitaria e  a onde chegou con catro anos. Foi unha etapa que lembra estrañando Santa Cruz onde os momentos eran máis divertidos e o tempo pasaba máis rápido. Non sería até os 12 anos que volvería alí de xeito definitivo.

Iso que hoxe se chama pre adolescencia pasouna Dolores axudando nos labores do campo e aprendendo a coser, unha das súas grandes paixóns que segue aínda practicando. Aínda que por aquel entón ela non o sabía era unha persoa de cidade, agradáballe a liberdade do campo pero o coidado dos animais ou as colleitas segue lembrándoas como algo moi duro.

Polo Apostol e a Ascensión viña a Santiago a casa dunhas tías que acabarían por emigrar a Arxentina. Coa súa curmá percorría a cidade, acudía ás atraccións, carruseis, Barriga Verde, o tren da bruxa…   e tamén ás primeiras verbenas. Lembra aínda a zona destinada a baile que se atopaba na parte posterior da alameda e onde acudía a famosa orquestra de Carlos de Paz.

A música é outra das súas afeccións e desde os 15 anos participou en distintos coros. O primeiro o do mestre Paulino Castro que foi tamén o primeiro que se constituíu en Sta Cruz de Rivadulla, despois virían outros moitos o último deles no mesmo lugar no que empezou, en Sta Cruz aínda que agora sexa de adultos. 

Tivo a posibilidade de facer as probas para entrar en Radio Galicia pero a familia non vía con bos ollos aquela idea que lles debía parecer cousas demasiado modernas e ao final a posibilidade  non pasou de intención.

Pero non sería en Santiago onde atoparía ao que segue sendo o seu marido, foi na festa do Patio en Vedra e dous anos despois mudaríase xa a Compostela como recentemente casada. Viviu todo o cambio da capital de Galicia cos ollos asombrados de nena que segue tendo a pesar de superar os 80, segue mantendo a desenvoltura daqueles 15 anos e a serenidade dunha muller que creu sempre saber cal era o seu sitio.

Compostela, 29 de novembro do 2014

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies