Ecosfera, a educación ambiental de Compostela

0

Compostela, 4 de febreiro do 2019 – O concello de Santiago pon en marcha Ecosfera, un programa educativo para poñer en valor os recursos medio ambientais do concello.

O programa Ecoesfera conta con accións dirixidas aos centros escolares e outras abertas ao público en xeral. Xan Duro, concelleiro de Medio Ambiente, foi o encargado de presentar proposta “un proxecto que pretende poñer en valor todos os elementos que conforman a nosa contorna: a auga, o aire, os ecosistemas… amosar o impacto que o noso modelo de consumo ten sobre o Planeta e demostrar que hai alternativas viables para producir cambios nas escalas local e global”.

O programa desenvolverá conceptos relacionados fundamentalmente coa ecoloxía urbana, para “abordar situacións ligadas á cotianeidade da cidadanía e para dar a coñecer unha visión holística do medio ambiente e o mesmo tempo recoñecible”.

Actividades para centros de ensino

Dentro do programa Ecosfera haberá accións específicas para centros escolares, “con dinámicas adaptadas aos diferentes niveis educativos”. Xa está confirmada a participación de preto de 500 alumnos e alumnas de vinte colexios da cidade.

Para o alumnado de Infantil e primeiro ciclo de Primaria están deseñadas dúas actividades distintas: “Detectives do entorno”, coa que o alumnado coñecerá a contorna do seu propio centro educativo; e “Historia do lixo”, un xogo para que os nenos e as nenas aprenderán a recoller e separar os desperdicios.

Para o alumnado de segundo e terceiro ciclo de Primaria e do primeiro ciclo da ESO haberá outras dúas propostas: “A aldea de Compostela”, un xogo de equipos co que o alumnado coñecerá a biodiversidade local e dos montes comunais e a importancia de reducir o noso consumo para manter o equilibrio ecolóxico; e “A historia dun móbil”, unha actividade para abordar cuestións relacionadas co consumo e a tecnoloxía.

Por último, para os rapaces e rapazas da ESO e de Bacharelato haberá tamén varias actividades: “O cumio dos ecopuntos”, un xogo para para reflexionar sobre a mercantilización da natureza e a débeda ecolóxica; “Roteiro da enerxía de Compostela”, un percorrido polo centro da cidade para visualizar como a enerxía forma parte constante das nosas vidas; e “O xogo dos cubos”, un xogo de equipos para mostrar a desigualdade no acceso aos recursos naturais.

Actividades para todos os públicos

O programa Ecosfera tamén contempla unha serie de actividades para todos os públicos, que se desenvolverán entre febreiro e xuño e que serán dirixidas dende a rede de centros cívicos. As accións deseñadas “están relacionadas co consumo responsable, a redución na xeración de residuos e a valorización do noso medio ambiente local”, explicou o concelleiro.

Entre as actividades previstas haberá un obradoiro de fotografía e paisaxes urbanas, unha charla sobre os humidais e unha conversa sobre os efectos dos incendios no monte. Tamén haberá obradoiros de ecoloxía urbana, nos que se abordarán cuestións como a limpeza sen tóxicos, compostaxe doméstica, recuperación téxtil ou elaboración de xoguetes con materiais de refugallo.

Visita á lagoa de Cornes

A primeira das actividades foi unha saída guiada ata a Lagoa de Cornes, este pasado sábado. A saída será ás 11:00 h dende o Centro Cívico de Conxo, e o obxectivo é poñer en valor os espazos naturais húmidos e os hábitats de ribeira.Dado que as peticións superaron as expectativas, realizarase unha nova visita á lagoa o sábado 9 de febreiro, con saída ás 11:00 h dende o Centro Cívico de Conxo. Para participar na visita é preciso inscribirse a través do e-mail proxectoecosfera@gmail.com

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial