Visitamos outro deses lugares por descubrir na bisbarra de Compostela. Acompáñanos en esta ocasión Nina Alvela,  ela foi a xerente da Fundación polo Patrimonio de Rois ata que a falta de apoio institucional acabou co organismo.

Na Fundación   polo Patrimonio de Rois colaboraron empresarios do municipio e veciños que axudaron, xunto coa corporación anterior, a pór en valor máis de 700 hórreos, 200 muíños, mámoas, cruceiros, e unha infinidade de patrimonio que agora queda de novo desprotexido ante a falta de axudas.

Nina explícanos que as eiras de hórreos eran moi comúns en Galicia; os traballos do campo foron sempre traballos comunais e na eira procesábanse os cultivos de toda a aldea ao mesmo tempo e por iso tamén os lugares de almacenamento estaban no mesmo lugar.  A concentración parcelaria, unha evolución social cara a unha vida máis individualista e as novas construcións fixeron que os hórreos quedaran pouco a pouco dentro das leiras particulares e que a proximidade entre elas quedar a súa vez oculta.

En Rois podemos contemplar hórreos coa tipoloxía característica da Maia, distínguense por ter cepas no canto de pés e combinar nos balaustres a madeira coa pedra. As diferenzas entre os hórreos veñen dadas pola climatoloxía e a dispoñibilidade de materiais principalmente. Non é o mesmo ter un hórreo nunha zona tépeda como a que nos ocupa que en zona de costa onde o salitre pode estragar a madeira. As madeiras usadas eran carballo e castiñeiro ben secado e que unha vez ao ano recibía unha capa de graxa cunha especie de tinguidura para a súa protección.

Un dos traballos realizados pola fundación foi recuperar as cores cos que se construían antigamente os hórreos. Aínda que agora é moi común pensar que os hórreos tiñan cor madeira o habitual era usar cores, os máis comúns o vermello, o verde e o azul.

A Fundación polo Patrimonio de Rois chegou a catalogar no municipio 711 hórreos anteriores á década dos 50; algúns dos que estaban en peor estado desapareceron e outros seguirán o mesmo camiño se non se toman medidas. Sorprende descubrir a gran cantidade de patrimonio que ten Rois aínda que Nina Alvela ten a teoría de que aquí se descubriu porque se buscou e que si se fixese o mesmo en todos os concellos descubriríanse infinidade de restos de todo tipo e de todas as idades. No caso de Rois o máis antigo do inventariado serían as mámoas que datan do 5.000 antes de Cristo.

As eiras de hórreos son unha boa escusa para coñecer a un concello como Rois e poder comer en casa Ramallo, xogar ao golf ou simplemente gozar paseando polo camiño portugués.

  

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies