займ срочно

Eleccións municipais 2019: día 6

0

Eleccións Municipais, 15 maio 2019 – Infinidade de actividades relacionadas coas eleccións e imposible contalas todas. Algúns deciden non facer mitíns e ir casa por casa, outros fan reunións por parroquias, estes reciben a visita de membros destacados do partido e aqueles prefiren seguir sós. A campaña continúa en toda a bisbarra e en Compostela.

Bisbarra

O BNG da Estrada presenta entre as súas propostas o fomento do consumo de produtos frescos. Por unha banda, organizando e promovendo campañas de sensibilización entres os veciños e veciñas sobre as vantaxes que ten o produto fresco de proximidade, fronte aos que nos veñen desde miles de quilómetros de distancia e que se venden nas superficies comerciais. E por outro lado creando canles de comercialización directa, a través da praza de abastos, os días de feira e na recuperacións feiras sustentábeis.

A Eurodeputada Lidia Senra segue pola bisbarra e visitou o “banco máis fedorento do mundo” con vistas ao macrovertedoiro da Areosa, en Cerceda, onde Sogama enterra o 88% do lixo que recibe a diario dos

concellos de todo o país. Senra comprometeuse a seguir traballando no Parlamento Europeo para denunciar a continua ameaza que supón para as augas que bebe a poboación de Santiago, xa que os vertidos do marcrovertedoiro van ao Lengüelle, afluente do río Tambre.

En Melide o candidato socialista recibiu o apoio do Presidente da Deputación, Valentín González, que dixo que Formoso afirmou que José Prado “será o alcalde do cambio en Melide” porque “os melidenses xa están cansos das promesas incumpridas do PP durante anos e da parálise e falta de ambición do goberno municipal”.  “Feijoo volveu a Melide a prometer de novo o que non cumpriu en anos”, afirmou o líder provincial do PSOE, que censurou a “parálise” dun goberno municipal “que non sabe aproveitar o enorme potencial de Melide, a súa estratéxica situación xeográfica, a súa posición clave no Camiño de Santiago”.

Tamén en Melide comunicado da asociación de empresarios, Asetem, xa que convidaron a tódolos candidatos a unha reunión co fin de propoñer un debate. Dalia Garcia, actual alcaldesa e candidata do PP, non se presentou nin enviou a ninguén polo que finalmente decidiron non realizar o debate.

 Santiago

A actualidade da campaña estivo marcada polo debate electoral que organizou a Universidade da Facultade de Políticas. O debate estivo marcado a súa vez polo retraso do candidato socialista, Xosé Sánchez Bugallo, que chegou 20 minutos tarde debido a estaba co presidente do goberno Pedro Sánchez. O máis curioso de este feito e que esa mesma mañá nunha rolda de prensa Bugallo aseguraba que “quería ser o candidato do Psoe e o alcalde de Santiago, non quería ser o alcalde do Psoe”.

O debate tivo momentos tensos e outros máis expositivos. Na parte máis marrulleira levou as de perder Goretti Sanmartín máis dada a expoñer con calma as ideas que a bronca esteril. Martiño Noriega puxo por diante sempre que puido os feitos conseguidos na lexislatura. Tanto Bugallo como Agustín Hernández xogaron a reivindicar algunhas das cousas que fixeron cando tiveron responsabilidades e a prometer distintas cousas de maior ou menor calado.

Entre as curiosidades puidemos escoitar a Bugallo dicir, sobre as fusións, que “eu estou a favor das fusións por regra xeral pero que falaremos diso en xuño”. Agustín Hernández, no apartado medio ambiental, dixo sen pudor que “Sogama ten o mellor sistema do mundo” cando recentemente sabíase que só recicla o 12 %. Martiño defendía a municipalización da auga e aproveitaba para acusar a Bugallo de contratar con Viaqua (daquela Aquagest) un préstamo ao 7% para a Capitalidade Europea da Cultura que aínda rematouse de pagar hai pouco; o candidato socialista limitouse a dicir que o contrato firmouse en xuño e el entrou de alcalde en decembro. Goretti acusou a Martiño de que no proxecto dos colecamiños limitáronse a poñer pegatinas e a copialo de Pontevedra ao que Martiño respondeu se en Pontevedra tamén poñía, entón, pegatinas.

Un debate extenso que, polo momento no podemos volver a ver aínda que foi retransmitido en directo pola canle de Youtube da USC, esperemos que o suban íntegro.

Axenda

Santiago

BNG

Mércores 15 de maio ás 20:30 no local social da Almáciga. Acto público con Goretti Sanmartín, Margarita Ledo e Xan Bello.

Compostela Aberta

20:00 Centro Cívico do Romaño Acto aberto coa veciñanza. Participan o concelleiro e número 5 da candidatura, Jorge Duarte, a concelleira e número 2, Branca Novoneyra e o alcalde e candidato á reelección, Martiño Noriega.

21:00 Explanada do parque dos Salgueiriños Acto aberto coa veciñanza. Participan a concelleira e número 8 da candidatura, Concha Fernández, o concelleiro e número 7, Xan Duro e o alcalde e candidato á reelección, Martiño Noriega.

21:15 Local Social de Aríns Acto aberto coa veciñanza. Participan a concelleira e número 4 da candidatura, Marta Lois, o concelleiro e número 5, Jorge Duarte e o traballador municipal e candidato, Miguel Vilariño.

PP

11:00 Recorrido pola rúa Romero Donallo

17:00 Festa polo día da Familia, Praza Roxa

Psoe

19:00 h. Mercedes Rosón, número 2 da candidatura de Sánchez Bugallo, asiste á inauguración da exposición de artistas xaponeses ”Belleza y creatividad en peregrinación”.

Lugar: Fundación Granell. Praza do Toural, 8

20:30 h. Acto central da candidatura de Sánchez Bugallo, no que exporán as liñas básicas do programa electoral. Contará coa asistencia do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; e do ministro de Fomento, José Luis Ábalos.

Lugar: Hotel Monumento S. Francisco. Campillo de San Francisco, 3.

Bisbarra

Na bisbarra a cita está en Ordes onde está previsto un debate sobre o medio rural e o medio ambiente. Será as oito e media na Casa da Cultura e os voceiros de cada grupo (están todos invitados) terán ocasión de expoñer as súas propostas para cada un destes temas e serán preguntados por cuestións claves como: o despoboamento, a transición enerxética, ou a industria do lixo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies