Comeza O III Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada

0

Compostela, 8 de novembro do 2018 – Douscentos ilustradores chegados de todos os recunchos da Península Ibérica participan ata o domingo na terceira edición do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxes Compostela Ilustrada.

Dirixido por Miguelanxo Prado, o obxectivo de Compostela Ilustrada  é “achegar a Compostela aos mellores profesionais desta arte para compartir as súas experiencias a través de conferencias, exposicións e xornadas de debuxo en vivo”.

Entre os participantes convidados nesta edición destaca a presenza de Javier Mariscal, referencia fundamental da ilustración e o deseño gráfico español dende hai máis de tres décadas. Tamén é sobresaínte a presenza de Maru Godas, Urumo, a lisboeta Ana Luisa Frazão ou Alicia Aradilla, todos eles artistas cun destacadísimo traballo no ámbito dos cadernos de viaxe e no debuxo urbano.

A temática central desta terceira edición do Encontro será a “Natureza Urbana”. Así, os participantes e os ilustradores convidados sairán as rúas para debuxar espazos como a Alameda, o parque de San Domingos de Bonaval, o Museo de Historia Natural, o Xardín das Pedras que Falan, a Finca do Espiño, o Parque da Música, a Colexiata de Santa María do Real, o parque de Belvís ou o Pazo de San Lourenzo, entre outros.

A programación de actividades do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada complétase coas Xornadas de Ilustración Urbana que se desenvolverán o xoves 8 e o venres 9 no Auditorio de Galicia, con presentacións de libros, exposicións, obradoiros de debuxo para nenos, visitas guiadas ou unha ruta gastronómico-pictórica.

Debuxando nas rúas

Unha das actividades que máis chama atención e que ten maior poder de convocatoria e aquila na que os ilustradores convidados e os participantes no Encontro saen a debuxar Santiago desde perspectivas e espazos moi diferentes:

– Acompaña a… Divididos en varios grupos e dirixidos polos 16 ilustradores convidados os participantes do Encontro debuxaran lugares emblemáticos de Santiago. Así, Javier Mariscal e o seu grupo debuxarán a Vista das Hortas e a Alameda dende o Pazo de Raxoi, Maru Godas fará o propio na colexiata de Santa María a Real do Sar, Miguelanxo Prado debuxará no pazo de San Lourenzo, Urumo no parque de San Domingos de Bonaval, Calros Silvar no Museo de Historia Natural, Juan Linares na Finca do Espiño. Ana Luisa Frazão no Parque da Música, Isabel Carmona no Xardín das Pedras que Falan, Joaquín González Dorao no parque de Belvís e Celia Burgos na Alameda

Xornadas de ilustración urbana

O Auditorio de Galicia acollerá unha nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana que se desenvolverán o venres 9 e o sábado 10. Seis dos participantes no Encontro departirán co público asistente en torno a diversas cuestións relacionadas co desenvolvemento da súa actividade artística.

O venres Maru Godas ofrecerá a conferencia Debuxar en verdes (16.30 h), Alicia Aradilla falara sobre a súa experiencia de Un ano viaxando e pintando o mundo en acuarela (17.30 h) e Calros Silvar sobre A ollada natural (18.30 h).

O sábado Javier Mariscal ofrecerá a conferencia Sorprender, fascinar, convencer (16.00 h), a de Urumo leva por título Natura Félix (17.00 h) e Celia Burgos falará sobre O debuxo no Camiño (18.00 h)

As xornadas están abertas ao público en xeral e a entrada é de balde.

Ao mesmo tempo que se desenvolven as Xornadas, tanto o venres como o sábado, a artista Catalamitad (Catalina Rodríguez) realizará en directo o mural titulado Ananda.

Obradoiros con merenda

Unha das novidades deste ano son unha serie de actividades para nenos e nenas a partir dos 9 anos, que lles ofrecerán a oportunidade de descubrir curiosas técnicas e de debuxar con algúns dos ilustradores convidados no Encontro.

Ao remate de cada un dos obradoiros os rapaces e os artistas compartirán unha merenda.

O venres 8 Nanda Cabaleiro realizará un obradoiro de Debuxos de «círculos máxicos» con elementos dos parques composteláns e cores outonais (16.30 h) e  Ana Moreiras outro de Ilustrar a natureza coas cores que escoitamos (18 h).

O sábado 9 Javier Vallés impartirá un obradoiro sobre Flora e fauna do ecosistema urbano para coñecer os seres vivos da nosa cidade (16 h) e Pablo Otero amosarálles Unha experiencia de traballo creativo sobre o tema da máscara e o personaxe, utilizando materiais e ferramentas recicladas (17.30 h)

Presentacións de libros

O Encontro Compostela Ilustrada servirá tamén de marco para as presentacións de tres publicacións:

– Valdeorras, de Miguelanxo Prado (Xoves 8. 19.30 h. Espazo Enocultura Vide Vide): Unha viaxe pola comarca ourensá para descubrir a súa historia, a paisaxe e o mundo do viño, e logo plasmalo coa palabra e a imaxe. O relato desta aventura preséntase nunha coidada edición, nun libro que é unha nova incursión do ilustrador no caderno de viaxe, xénero no que xa ten feito outras achegas con volumes dedicados a Lisboa ou Belo Horizonte.

– Los Garriguis, de Javier Mariscal (Venres 9. 20 h. Libraría Couceiro): Este libro é o proxecto dun proxecto, unha forma de reflexionar sobre Os Garriris para fixalos sobre unha obra monográfica. Non é unha recompilación exhaustiva, senón unha estudada selección de entre os centos de apuntamentos, plumiñas, óleos, acuarelas, ceras, rotuladores ou calquera outra técnica que sobreviviron no arquivo durante case corenta anos. Agora xúntanse nestas páxinas seguindo o método Mariscal: un quebracabezas gráfico que esconde unha orde moi persoal. Un quebracabezas que acaba encaixando, que se entende e comunica unha chea de significados grazas a que as súas pezas non se ordenan cronoloxicamente nin seguen un método estrito.

– O camiño urbano: natureza no km cero, de Ana Luisa Frazão e Nanda Cabaleiro (Sábado 19. 20 h. Libraría Lila de Lilith): As ilustradoras presentan un proxecto expositivo e editorial que busca reivindicar o papel das mulleres no mundo da arte.

Exposicións

Paralelamente á celebración do III Encontro de Cadernos de Viaxe poderanse visitar dúas exposicións:

– “Unha ollada natural”, de Calros Silvar (Galería Sargadelos. Ata o 30 de novembro). A exposición recolle 25 cadros con obras orixinais, nas que se presentan pinceladas da biodiversidade de Galicia: aves, mamíferos, anfibios, fungos, plantas e árbores… Só é unha pequena escolma do traballo que leva realizando Calros Silvar dende hai máis de 25 anos para guías de natureza e outros libros da mesma temática.

– “O Camiño de Santiago debuxado”, de Joaquín González Dorao (Museo das Peregrinacións. Ata o 27 de xaneiro). O ilustrador gaditano colleu a súa mochila, meteu todo o necesario para facer o Camiño e, ademais, un caderno, acuarelas, lapis…, para comezar, como un peregrino máis, o Camiño Francés desde Roncesvalles a Santiago. O seu reto era crear unha obra con ilustracións e texto que recollese a vivencia dun peregrino do século XXI; o que se plasmou no libro Guía Ilustrada do Camiño de Santiago, (El Patito Editorial, 2018). Esta mostra presenta unha selección de 25 dobres páxinas desta publicación coa vivencia nas distintos vilas e cidades polas que pasa o Camiño.

I Premio Compostela Ilustrada

Outra dos novidades desta edición é a concesión por primeira vez do premio Compostela Ilustrada, ao que poderán optar só os ilustradores e ilustradoras inscritos no evento.

O obxecto do concurso é debuxar Santiago dunha maneira sinxela e rápida durante o Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada. “Buscamos a esencia da cidade reflectida nunha imaxe daquilo que pasa de súpeto ante os nosos ollos, e que, precisamente por estar alí, o/a debuxante pode plasmar no seu caderno. Pode ser un detalle, unha idea, unha grande ilustración ou un bosquexo, o obxectivo é que unha única ilustración capte a temática que se propón neste concurso”, explican os organizadores.

Outorgarase un único premio cunha dotación económica de 300 € (achegados polo patrocinador do certame, Hostal Suso) e un lote de produtos da marca Canson.

A Tapa ilustrada

O venres 9 e o sábado 10 os particpantes no Encontro vistarán tres locais da Rúa Raíña (Central, Galeón A Raína e Celme do Caracol) para cear e debuxar. Cada local deseñará unha tapa chea de cor en exclusiva para Compostela Ilustrada.

Quedada final

A terceira edición do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada rematara o domingo 11 cunha «gran quedada» con todos os participantes ás 10.30 h na Alameda (en caso de chuvia será no Hostal dos Reis Católicos) para saír a debuxar ata ás 12 h, momento no que se realizará a fotografía oficial do evento con todos os participantes e asistentes ao mesmo.

Ao remate da primeira edición Lindeiros falaba con Miguel Anxo Prado e facía unha valoración das xornadas


 

Xoves 8 de novembro

13.00:  Inauguración da exposición Unha ollada natural de Calros Silvar, na Galería Sargadelos. Recepción de participantes cun viño galego.

16.30 – 18.00: Ana Luisa Frazão debuxa o monte Pedroso, dende a Avenida Xoán XXIII

               Joaquín González Dorao debuxa no Pub Momo

               Isabel Carmona debuxa no Xardín das Pedras que Falan (Fonseca)

19.30: Presentación do libro Valdeorras de Miguelanxo Prado no espazo enocultural Vide Vide: ): Unha viaxe pola comarca ourensá para descubrir a súa historia, a paisaxe e o mundo do viño, e logo plasmalo coa palabra e a imaxe. O relato desta aventura preséntase nunha coidada edición, nun libro que é unha nova incursión do ilustrador no caderno de viaxe, xénero no que xa ten feito outras achegas con volumes dedicados a Lisboa ou Belo Horizonte.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial