Enrique Macías protagonizará as Xornadas de Música Contemporánea 2018

0

Compostela, 5 de xuño do 2018 – As Xornadas de Música Contemporánea de Compostela adiántanse en 2018 ao mes de xuño e renderán homenaxe ao compositor galego Enrique Macías.

Do mércores 6 ao venres 29, os amantes da música de culto e de vangarda poderán gozar dun completo programa de concertos, conferencias e espectáculos en diferentes espazos da cidade.

Baixo o título “Música, Emoción e Memoria” a proposta deste ano celebra a pegada e a obra de Enrique Xerardo Macías (1958 – 1995), compositor vigués que abriu a música galega a outras sonoridades e formou parte dos fundadores deste certame en 1987.

A programación conmemora tamén outras figuras e acontecementos de fonda relevancia na escena internacional e na contorna musical galega, como o centenario do pasamento de Claude Debussy (1862-1918), o 170 aniversario da Banda Municipal de Música de Santiago, o 70 aniversario da Banda Municipal da Coruña, ou a visita  a Galicia do Pergamiño Vindel musicado por Martín Códax. Ao tempo, poñen o foco na visibilización do labor e a valía das mulleres na música, co gallo de contribuír á consolidación e normalización da presenza feminina en todos os ámbitos da sociedade.

A responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra, presentou o programa nunha rolda de prensa na compaña de representantes das diferentes institucións que colaboran nas Xornadas, en concreto, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro e o director do CGAC, Santiago Olmo. Novoneyra salientou a singularidade e a riqueza das propostas das XMC de 2018, que manteñen o carácter multidisciplinar de edicións anteriores, con espectáculos nos que a música contemporánea convive co teatro e o circo e onde se incorporan as últimas tecnoloxías sonoras,. Pero este ano reforza notoriamente a súa faceta divulgativa. A través de conversas, mesas redondas e diálogos co público as Xornadas procuran presentar a música contemporánea de primeira man, dar a coñecer a obra de autores clave de forma atractiva e facer á audiencia partícipe da revolución constante na música galega.

Co traslado á temporada estival, as XMC inclúen en 2018 concertos ao aire libre. A praza de Cervantes e o Parque de San Domingos de Bonaval súmanse, así, a escenarios xa habituais do certame, entre os que se contan este ano o Auditorio de Galicia, o CGAC, a Igrexa da Universidade e o seu Paraninfo.  Case todos os espectáculos son de balde até completar a capacidade dos diferentes recintos que os abeiran. Unicamente será preciso mercar entrada para a representación d’A cabeza do Dragón, o venres 29 de xuño no Auditorio de Galicia.  As entradas para esta función teñen un prezo de 12 euros, con descontos do 50% para persoas desempregadas, maiores de 65 anos, xubiladas, menores de 25 anos, estudantes, perceptoras de rendas sociais, familias monoparentais e familias numerosas e poderán ser adquiridas no Teatro Principal, de martes a sábado de 18. 00 a 20:30 h e no Auditorio de Galicia,  o propio día da función a partir das 18:00 h.

O programa ao detalle

As Xornadas inaugúranse o mércores 6, ás 19.30 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) cunha mesa redonda arredor da figura de Enrique X. Macías. Nela participan Carlos Villanueva, profesor da USC e promotor tamén daquel primeiro certame, Manuel Bragado, editor e amigo persoal do autor, e Javier Macías, irmán do homenaxeado. A conversa será moderada por Mercedes Rosón, subdirectora da Área de Cultura da USC. Ao seu remate, a pianista compostelá Isabel Pérez Dobarro interpretará a peza Sonata, que Macías compuxo en 1989 por encomenda das III Xornadas de Música Contemporánea de Santiago e que daquela estreou o pianista Roberto Bollea. Na complexa Sonata, Macías consegue unha expresividade singular mediante a posta en tensión dos aspectos que definen a configuración do fluxo musical e condicionan a interpretación, derivándose parte da expresividade da dificultade técnica inherente á súa realización. Con gran minuciosidade, chea de matices latentes baixo a aparencia de máximo control, o compositor logra infundir á súa escritura unha forza expresiva inusitada.

O venres, día 8, ás 20.30 horas, a Igrexa da Universidade convértese en escenario dun concerto do Yale Schola Cantorum dirixido polo británico David Hill. Este coro de cámara, fundado en 2003 por Simon Carrington, especialízase na interpretación de música sacra do século XVI á actualidade. Amosa un interese especial pola práctica de interpretacións historicistas, que a miúdo realizan xunto a instrumentistas da Facultade de Música de Yale e de Juilliard. Nesta ocasión interpretan o Path of Miracles  (2005) de Joy Talbot (1971), a primeira gran obra encargada polo galardoado conxunto vocal, descrita no seu momento polos críticos de The Times como “unha odisea evocadora”. Na peza, Talbot recolle as impresións que experimentou ao coñecer algúns lugares do Camiño de Santiago, nomeadamente, a abadía de Roncesvalles e as catedrais de Burgos, León e Compostela, e mestúraos co poemario Proofs, de Robert Dickinson e con outros textos medievais para tecer un traballo coral que deita unha fonda sensación de atemporalidade.

A Igrexa da Universidade é tamén o lugar elexido para o concerto Saxofón galego, do mércores 13 de xuño. A partir das 20.30 horas, Rafael Yebra interpretará ao saxofón obras de Luis Carro (1957), Juan Eiras (1977), Pablo Beltrán (1970), Jacobo Gaspar (1975) e Jesús González (1965). A peza Señales-trumpet, deste último, estréase no concerto en versión para saxofón soprano.

Ao Auditorio de Galicia chega o xoves, día 14, o programa O pulso da fala, un concerto no que o timbal da Real Filharmonía de Galicia e membro do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), José Vicente Faus, e o compositor e pianista compostelán Fernando Buide del Real, acompañan a Pablo del Valle Prieto, Marta Rodríguez Figueirido e Sergio Suárez Lorenzo, alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais nun programa que inclúe obras do propio Buide (1980), de Martin Bresnick (1946), John Bergamo (1940-2013), Steve Reich (1936) e John Cage (1912-1992).

É precisamente este compositor e instrumentista estadounidense quen nuclea a segunda das conferencias do ciclo, programada o mércores, día 20 de xuño ás 19.30 horas no CGAC. O pianista e membro fundador do TAC, Nicasio Gradaille, conduce a sesión A visión para piano de John Cage (1912-1992), no que afonda na pegada deste autor  que revolucionou a música contemporánea cunha linguaxe e ritmos imposibles. Amplo coñecedor da obra de Cage, Gradaille doutorouse na Uvigo cunha tese sobre o seu Concert for Piano, gravou para a Radio Galega as súas Sonatas and Interludes, e impartiu numerosos seminarios sobre as súas composicións para piano en diversos conservatorios europeos como os de Gante, Leeds, Viena, Aveiro ou Londres (Royal College of Music).

Canda esta conferencia, a axenda dese mércores inclúe unha das grandes apostas desta edición, só posible trala mudanza das Xornadas á tempada de verán. A praza de Cervantes acollerá na noitiña o concerto ao vivo no que o pianista Javier Otero Neira interpretará ao aire libre pezas de Octavio Vázquez (1972), María Mendoza (1975), Claude Debussy (1862-1918), Arvo Pärt (1935), Einojuhani Rautavaara (1928-2016) e Alberto Ginasterra (1916-1983). Baixo o título Silent Wifi music experience  ofrécese un concerto suxestivo e intimista ao tempo que vangardista. Equipado con auriculares Wifi, o público poderá percorrer libremente un radio de 500 arredor da praza, mentres escoita a música en vivo do piano Yamaha percutido por Otero Neira.

O xoves 21 é quenda para outra das homenaxes incluídas nas XMC de 2018. Ás 20.30 horas, a Banda Municipal de Música de Santiago e a da Coruña reúnense no escenario da Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia para ofrecer un concerto conmemorativo do 170 aniversario da compostelá e o 70 aniversario da formación herculina. Juan José Ocón e Casiano Moruriño dirixen este recital no que ambas bandas interpretarán pezas de Ferrén Ferrán (1966), James Barnes (1949) e Simón Couceiro (1949). Entre elas,  inclúese a estrea absoluta do pasodobre Aniversarios, que Couceiro compón en 2018 a modo de homenaxe, e animado por compañeiros e amigos de ambas as agrupacións.

Outra das formacións habituais das Xornadas de Música Contemporánea de Santiago, o grupo Vox Stellae, volve un ano máis á Igrexa da Universidade. Faino cun programa estelar que, baixo o título, Espiritualidade con voz de muller, presenta por primeira vez en España as obras de nove compositoras de diferentes procedencias que loitaron e loitan contra as barreiras que dificultan a presenza igualitaria das mulleres na contorna musical. O venres 22 de xuño ás 20.30 horas , e baixo a batuta do vigués Luis Martínez, o grupo interpretará pezas de Hildegard Von Bingen (1098-1179), Cheryl Lynn Helm (1957),  Sylvia E. Hazlerig (1934), Natalie Goossens (1976), Mary Simoni (1954), Carlotta Ferrari (1975), Iva Juras (1968),  Sylvia E. Hazlerig (1934) e Tui St. George Tucker (1934-2004).

A terceira das conferencias desta edición vira tamén sobre a figura de Enrique X. Macías e aproxímase á contorna lusófona. O luns 25, ás 19.00 horas, o CGAC acolle a sesión Macías e Portugal: unha ollada próxima, que congrega a Manolo Romón, actor, presentador e escritor, Pedro Amaral, compositor e director de orquestra, e Javier Macías, irmán do homenaxeado, moderados polo crítico de Mundoclásico, Paco Yáñez.

A seguir, o lisboeta Pedro Amaral dirixe a formación galega Vertixe Sonora no programa Itinerario de luz, composto polas obras Adhuc (1992/93), peza para clarinete, trompa, vibráfono, sintetizador, violín, e violonchelo, que constitúe unha recreación dos sons sintetizados polo Instituto Galego de Sonoloxía (IGAS) en colaboración con Phonos; Cadencias e Interludios / Percurso I (1992) para piano só e electrónica en tempo real, e Itinerario de Luz (1994/95), para frauta, clarinete, trompa, violín, viola, violonchelo, e electrónica en tempo real,  e realizada co apoio do Centro de Investigação & Informação da Música Portuguesa – MIC.PT

Xa o martes 26, o alemán Duo Finisterrae, que reúne a arpa de Bleuenn Le Friec e a frauta de André Cebrián, e leva á Sala Mozart do Auditorio de Galicia un concerto especial co que celebran 10 anos de traxectoria, e presentan un programa estreitamente ligado aos seus encontros persoais e profesionais así como ás súas experiencias musicais durante esta década de traballo conxunto. A partir das 20.30 horas interpretan obras de Manuel López Jorge (1983), Toru Takemitsu (1930-1996) Antón García- Abril (1933), Pablo Labián (1991), Vincent Persichetti (1915-1987) e Fernando Buide (1980).

Ao día seguinte no Paraninfo da Universidade, Buide volve estar presente nunha sesión de conversa co dramaturgo Fernando Epelde. A partir das 20.30 horas dese mércores 27 de xuño, o pianista e compositor compostelán e o escritor ourensán dialogan sobre a apertura de novas sonoridades na lírica e dos intersticios do proceso creador a través da sesión Buscando a Clío: aproximando linguaxes para unha ópera contemporánea.

O xoves 28, ás 20.00 horas, a penúltima das sesións das Xornadas propicia o encontro entre a Banda Municipal de Música de Santiago e o colectivo Pista Catro no Parque de San Domingos de Bonaval. No concerto Orquestra de Malabares, a formación dirixida por Casiano Mouriño únese á pericia dos malabaristas coordinados por Pablo Reboleiro  para dar nun espectáculo que fusiona música e circo, onde clarinetes, saxos e trompetas viran en pintores dun cadro expresionista no que as bolas, mazas e aros debuxan sentimentos e emocións que ceiban ao ar.

No broche final das Xornadas de Música Contemporánea , o teatro de Producións Excéntricas únese á música do TAC para levar á escena A cabeza do Dragón, de Ramón María del Valle Inclán. A Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia acolle o venres 29 ás 20.30 h este espectáculo dirixido por Quico Cadaval, cun elenco composto por María Costas, Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Josito Porto, Patricia Vázquez e o propio Cadaval. Baltasar Patiño ocúpase do espazo escénico e a iluminación, mentres que a indumentaria e o deseño gráfico son froito da  imaxinación e as mans de Suso Montero. A música é unha partittura composta ex-profeso para este espectáculo por Javier María López que, nesta ocasión, dirixirá o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) formado por prestixiososo músicos, moitos deles profesores da Real Filharmonía de Galicia.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies