займ срочно

Enviamos a Mandingo a Cineuropa de exploración

0

Estreamos as críticas de Cineuropa cunha tripla sesión de longametraxes de latitudes tan afastadas unhas das outras comas propostas argumentais das mesmas. Non teñen idénticas calidades, pero ningunha delas deixa indiferente nos seus argumentos. Comezamos.

Kardesler

Dende o Oriente Próximo, chega a Cineuropa KARDESLER, ópera prima na Sétima Arte do turco Ömür Atay, que tamén asina o guión. Profesional curtido nas series televisivas dende vai máis de vinte anos no seu país, consegue levar a bo porto esta persoal aposta de redención e culpas inmerecidas, na mellor tradición dese cinema de realismo “verité” que temos tan recente na excelente DOGMAN (2018) de Mateo Garrone, por citar so a lembranza máis fresca para os nosos lectores, e de certo, filme que pódese gozar na presente edición do Festival compostelán.

Yusuf (outro novo descubrimento no actor Ege Yazar), sae do correccional de cativos onde pasou moitos anos da aínda mocidade que ten. Acusado e condenado por un delito de odio -ou como os varóns da familia escúdanse nun axuste de honra- tenta retomalo pulso vital na liberdade vixiada polo seu irmán maior e polo sistema xudicial turco (que no filme, tanto os fiscais coma os responsables das institucións penais semellan case idílicas pola áurea protectora coma cal anxos da garda cos mozos, sospeito que vai moito de imposición gubernamental).

Co desexo de volver ó fogar materno, Yusuf cedo decátase da tarefa tan difícil que ten que soportar para ser perdoado pola súa nai. A única persoa na que Yusuf tenta conseguilo perdón e o amor.  Pero pola grande traxedia sufrida no seno familiar é unha misión de complicada solución.

Tanto Ramazán (o irmán maior) e o seu tío paterno, tentan darlle unha segunda oportunidade a maneira da vella escola machista do antigo imperio otomán, pero o rapaz é un xoguete roto que aínda que tenta adaptarse a nova realidade, ten o veleno dos anos perdidos queimándolle as entrañas e fervéndolle a sangue das veas.

Kardesler

É un boa película que non pretende dar máis do que da, áxil na súa narrativa, cun medido tempo na súa edición e que sen abusar desa cámara na man, vai cun logrado espírito “indie” que bebe directamente do estadounidense (a historia dos irmáns ben poderían ambientala nunha estación de gas no medio do deserto de Arizona). Coma mérito que non sempre é doado fuxir da tentativa contraria, non entra nas cloacas máis provocativas, nin na violencia explícita e agradécese por que no vai falla neste conto imposible de fadas cansas de nubes rosas ou unicornios multicolores.

E o final, é un lóxico achado, non pola súa orixinalidade (xa visto noutros títulos), pero que vemos coma o mellor posible polo sendeiro que ten a carga dramática, sen estridencias, pero que encaixa nesa fuxida de Yusuf cara ó refuxio que pódalle dar mellor protección; coma esa carreira que as cativas da memorable THE FLORIDA PROJECT (2017) de Sean Baker fan ao castelo protector da idílica Disneyworld.

Bo filme, de latitudes non habituais que merece un visionado dos nosos lectores.

Belmonte

O segunda produción ven das terras irmáns do Uruguay. Outro país que por desgraza, as súas películas non temos a sorte de ver nas canles de distribución habitual. Xa sabedes que o cinema no entende de nacionalidades. Ou é bo ou non. E da igual que sexan filmes de Pakistán ou de Somalia (exemplo non moi logrado, seino).

BELMONTE, é a historia dun pintor de relativo éxito que ten unha vida persoal da que non se dá afeito no seu día a día. O director e guionista Federico Veiroj, preséntanos a un Peter Pan que ten que afrontar a crise dos corenta vendo como a nai da súa filla está esperando un fillo da súa actual parella. Belmonte, coma eses rapaces que non son capaces de sacarse da testa o seu primeiro amor, vai dando elegantes tropezos ante a paciente indiferenza da súa ex, da ollada da filla (unha trasunta da Ana Torrent de EL ESPÍRITU DE LA COLMENA (1973) de Erice, obra colosal da filmografía española), dos líos amorosos do seu pai, que respecta pero que rómpelle os cataplines…

O filme, ten un aprobado xusto, por que non amola no seu metraxe, e a historia a contar é universal. Ten a fortuna de dotar con pingas de humor o metraxe por ver, pero votamos na falla o desaproveitamento na vis cómica que o actor Gonzalo Delgado ten por intres coa súa faciana de estar a piques de estoupar, ou polas preguntas obsesivas sobre o seu estado de benestar.

Belmonte

Destaco a coidada iluminación que xoga a potenciar as tonalidades coma se dunha tela branca, espida e preparada para ser mancillada pola man do artista inclemente. Xa sabedes o dito, ¿non?. Cando o máis salientable dun filme é a súa dirección fotográfica, fraco favor fanlle coma crítica global. BELMONTE, pódese ver por que de feito non aburre ningún intre. O que é unha mágoa é a maneira de desaproveitar as numerosas situacións que piden a gritos unha solución cómica, dado o seu tremendo potencial para a comedia máis clásica.

Se caera nas mans de Woody Allen, o filme de seguro, tería outra nota máis elevada ca do mero aprobado.

Den Skyldige

E para rematar por hoxe, a danesa DEN SKYLDIGE, tamén outra ópera prima do filmador Gustav Möller, que desenrola con acerto unha historia propia. Antes de entrar a destripar (sen caer nos spoilers) o filme, vaia por diante que facía moito tempo que non gozara dunha primeira media hora de suspense coma os vividos onte pola noite nun Teatro Principal, cheo e entregado case que dende o primeiro minuto de proxección.

O policía Asger Holm, vai “castigado” no seu traballo por unha investigación por suposto uso excesivo da forza a hora de parar a un sospeitoso. O castigo consiste en atender o teléfono de emerxencias e tentar calmar a xente bébeda que cae da bicicleta, a señores que indo de compras no mercado da “carne” saen trasquilados e demais flora do lumpen nocturno danés.

A piques de rematalo servicio por esa noite recibe unha chamada que o troca todo. Ben; sobre filmes con personaxes invisibles que pregan axuda nas situacións máis extremas, o cinema deu xa exemplos numerosos, aínda que na súa maioría son fume de ilusionista, baleiro de contido e cheo de xiros de complicada credibilidade, coma nas sufridas PHONE BOOTH (2002) do trileiro Joel Schumacher ou ó CELLULAR (2004) de David R. Ellis.

Consciente disto, Möller, expón unha presentación absolutamente formidable tanto na súa medida edición, coma no logradísimo suspense que participamos na pel do oficial, coa descrición dos feitos e dos lugares que conta a persoa que vai o outro carón do fío telefónico.

Insisto, non aforro eloxios para eses trinta-trinta e cinco minutos que abren a longametraxe. Pero conforme vai avanzando a produción, vai perdendo folgos. Non de maneira alarmante, máis ben dunha cadencia sostida. Pero o principal demérito de Möller, sabedor que tiña entre as súas mans un guión notable, cuns diálogos sobresaíntes, é de tentar alongar no exceso esa tensión de maneira innecesaria usando vellos trucos de xiros na identidade dos personaxes, con trampas no texto moi efectistas.

Den Skyldige

Se o director houbera limitado a súa ambición a narrar os feitos coma faría Hitchcock, apostando puramente polas emocións primarias de tensión e inquedanza e non quixera xogar a golpes xeniais ao estilo do mellor David Mamet, o resultado estaría moi preto de cualificacións excepcionais na nosa crítica, por que de feito, na primeira parte aceptamos o que o director véndenos con pericia e despreocupámonos na singradura dos feitos, ata que vemos que a goma de mascar xa non da máis sabor.

É un bo filme, pero o texto a adaptar merecía un terceiro, cuarto e quinto repaso dos que seguro levou nas súas relecturas.

Pero dende logo que o recomendamos, por que trampas aparte, moitos de vos apreciarédelo con máis xenerosidade que eu. E xa sabedes, aquí ninguén ten o dominio da Verdade Absoluta. Pensade por vos mesmos e sempre con curiosidade ante as novas propostas, nunca con rexeito. Non apoiedes aos que levantan muros de incomprensión e intolerancia. Xuntade os vosos esforzos por facer pontes que conecten cos nosos veciños, doutras cores e crenzas.

A Stan Lee, gustaríalle velo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies