Máis de 30 rapaces xa adestran na escola Obradoiro Silleda

0

Silleda, 25 de abril do 2018 – A Escola Obradoiro Silleda xa conta con máis dunha trintena de inscritos que tiveron o pasado sábado o seu primeiro adestramento no pavillón César González Fares.

A escola Obradoiro Silleda naceu a partir da unión do Monbus Obradoiro e a Fundación Heracles co concello. A escola forma parte dun convenio de colaboración no que o equipo EBA do Obradoiro xoga os seus partidos como locais no pavillón onde agora adestran tamén estes rapaces que teñen entre 5 e 14 anos.

Ata o momento desenvolvéronse tres adestramentos, os sábados deste mes de abril, entre as 11:00 e as 12:15. Así se manterá ata final de curso para, a próxima tempada, ampliar a varios adestramentos semanais. A Escola Obradoiro Silleda está dirixida actualmente por Javier Cal e  Iago Rey, adestradores da canteira do Obradoiro  CAB, e Pablo Cerdeira, adestrador de Silleda. Esta Escola nace co obxectivo de promover o baloncesto entre os nenos e nenas do  Concello e así se deu a coñecer coas visitas a colexios co xogador do primeiro equipo, Jordan  Bachynski, e o xogador do equipo EBA, Alberto Díaz, quen falou das súas experiencias e todo o que lles achega practicar este deporte.

As inscricións para a Escola de Baloncesto Obradoiro Silleda continúan abertas e calquera neno ou nena do  Concello de Silleda pode inscribirse contactando coa Concellería de Turismo,  Emprego, Deportes e Persoal, xestionada por Ana Luisa González. Os veciños do municipio asistirán ao encontro do próximo sábado, 5 de maio, ás 19:00 horas, que enfrontará ao  Monbus Obradoiro ante o  RETAbet Bilbao  Basket, para vivir a experiencia e animar ao equipo para conseguir a vitoria.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial