займ срочно

Este sábado comeza a Festa do Melindre cun Showcooking do chef Paco Roncero

0

Melide, 10 de maio do 2019 – Este sábado arranca a XXVIII Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide coa participación do chef Paco Roncero, un pregoeiro de honra nunha das edicións máis ambiciosas desta cita.

Paco Roncero porase diante dos fogóns para os asistentes ao showcooking doce, que terá como tema central a elaboración de tres pratos de repostaría, que os asistentes poderán degustar, baseados nos tradicionais melindres, ricos e amendoados de Melide. A cita será ás 19:30 horas na Viñoteca Ribeirao da localidade coruñesa, e a entrada será de balde para todas as persoas que desexen asistir, que poderán inscribirse unha hora antes do comezo da actividade no baixo da Casa do Concello ata completar o aforo.

Un chef de primeiro nivel

Paco Roncero é un dos máximos representantes da vangarda culinaria española dentro e fora das nosas fronteiras. Formouse na Escola de Hostalería e Turismo de Madrid e realizou stages en Zalacaín e no Hotel Ritz ata que en 1991 se incorporou ao persoal do Casino de Madrid. A explosión da súa personalidade creadora produciuse tras poñerse ao mando da xefatura de cociña deste establecemento, incluíndo a dirección da área de banquetes e o restaurante La Terraza del Casino, que na actualidade conta cos dúas estrelas Michelin e tres soles Repsol. Roncero conta ademais con algúns dos premios gastronómicos máis prestixiosos, como o Chef L’ Avenir 2005 outorgado pola Academia Internacional de Gastronomía, e o Premio Nacional de Gastronomía 2006 da Real Academia de Gastronomía Española.

Música e actividades durante todo o día

Previamente, pola mañá, o cociñeiro fará un tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Melide, dende Furelos ata a igrexa románica de Santa María, e visitará a feira de produtos doces artesanais que comeza na mesma xornada a partir das 12 h do mediodía, ao mesmo tempo que a charanga Ardones dinamizará a vila coa súa actuación nas rúas do centro. Posteriormente o chef acompañado de membros da corporación e dun grupo de blogueiros, influencers e xornalistas especializados en gastronomía, vistará a Panadería Tahona, un dos fornos tradicionais melidenses, e a queixería artesán María Sara Seijas. Será a partir das 22:30 horas, tralo showcooking, cando os asistentes á cita poderán gozar da música en directo con concertos do cantautor italiano Claudio Spadi, procedente da cidade de Florencia; e os grupos La Penúltima (Tributo a Sabina) e Gin Toni’s.

Os embaixadores da edición 2019

Como ven sendo habitual, un variado grupo de embaixadores comprometeranse a exaltar os doces da Terra de Melide. Este ano as figuras confirmadas que se incorporarán a esta labor son oito persoeiros a nivel autonómico e nacional do mundo da cultura, a gastronomía, o deporte e o mundo empresarial: o coñecido actor Marcos Pereiro no 15 aniversario do dúo cómico As Cantareiras de Ardebullo; a reposteira e instagramer Isabel Pérez de Aliter Dulcia; o triatleta gañador de 3 copas do mundo Uxío Abuín; o xornalista gastronómico Jorge Guitián; a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal; os chefs Marías Varela de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro do melidense O Tobo do Lobo; e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.

A festa máis doce de Galicia

A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, que naceu no ano 1.991, foi declarada en 2013 Festa de Interese Turístico de Galicia. A día de hoxe, 28 anos despois, xa é unha cita consolidada dentro do calendario gastronómico da comunidade. As casas reposteiras que seguen a elaborar estes doces son na actualidade seis. Os ricos, amendoados e melindres son as tres variedades de elaboracións que se exaltan nesta celebración, respectando as receitas tradicionais e históricas, que foron transmitidas de xeración en xeración polas familias deste sector en Melide.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies