Reclaman que se manteña na Estrada o Ciclo de FP de Emerxencias

0

A Estrada, 19 de xullo do 2019 – O BNG da Estrada ven de reclamar da Consellería de Educación que se manteña na vila o Ciclo de de FP Emerxencias e Protección Civil.

A portavoz nacionalista, Susana Camba, explica que “Esta decisión do PP roza o absurdo e o alcalde non pode seguir co seu silencio cómplice. Non ten sentido que se suprima o ciclo de FP de emerxencias na localidade que ten a Academia Galega de Seguridade, así como o 112 e o 061”.

O BNG pide á Consellería de Educación que rectifique e manteña o ciclo de FP de Emerxencias e Protección Civil creado no curso 2015/2106 pero que ven de eliminar repentinamente deixando sen esta opción a 76 persoas que xa estaban inscritas para poder acceder a algunha das 30 prazas que se ofertaban nesta formación.

Unha decisión que o Bloque atribúen a discrepancias internas entre a Consellería de Vicepresidencia e a Consellería de Educación, despois de que non seu día acordaran crear este ciclo a través dun convenio entre ambos departamentos do Goberno de Feixóo, asinado entre Educación e a Academia Galega de Seguridade Pública, adscrita ao departamento de Alfonso Rueda.

“De maneira sorprendente e dun día para outro, despois de ter rematado o período de inscrición para o curso 2019/2020, a Xunta decidiu pechar o ciclo sen máis explicación nin razón que o xustifique que cuestións organizativas entre entidades dependentes do Goberno galego”,  indica a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, para quen “resulta incríbel que órganos do mesmo Goberno sexan incapaces entenderse para manter unha titulación deixando a 76 persoas tiradas”. 

Rodil avanzou que o BNG vai levar este asunto ao Parlamento, tras reunirse cunha representación da Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias e Protección Civil, xunto coa portavoz municipal na Estrada, Susana Camba,  xa que a formación do alumnado depende unha parte da Consellaría de Educación a través do IES Losada Diéguez e da Academia Galega de Seguridade Pública, ambas as dúas no Concello da Estrada.

“É unha decisión inadmisíbel desde calquera punto de vista, deixa sen posibilidade de cursar esta titulación a moitas persoas que xa se inscribiran e dá, dun día para outro, por finiquitada unha formación fundamental para o futuro persoal técnico en emerxencias e de protección civil”, argumenta a viceportavoz do BNG.

De feito Rodil lembrou que recentemente “a conselleira de Educación dicía na Cámara que este ciclo era de grande utilidade para o país, co seu peche demostra que non lles importa en absoluto”. Por iso, a formación nacionalista vai levar o tema ao Parlamento pois considera “imprescindíbel” que a Xunta garanta o mantemento deste ciclo na oferta de formación profesional, como tamén reclaman desde a Asociación Galega de Técnicos en Emerxencias e Protección Civil.

“Desde o BNG trasladaremos ao Parlamento as demandas do alumnado e pediremos explicacións á Xunta esixindo que se manteña esta titulación e que sexa ampliada como ciclo superior, ao igual que xa acontece noutros territorios”, concluíu Rodil.

Pola súa parte, a concelleira do BNG, Susana Camba, indicou que “esta decisión do PP roza o absurdo nun concello que presume de ter a Academia Galega de Seguridade, e o alcalde non pode seguir co seu silencio cómplice como fai con todo, ten que dar a cara e pelexar para que non desapareza este ciclo”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial