Éxito da XXVIII Festa do Melindre en Melide

0

Melide, 13 de maio do 2019 –  A XXVIII Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide celebrou o seu momento álxido co pregón do cociñeiro estrela Michelin Paco Roncero nunha ateigada Praza do Convento.

O chef manifestou o seu agradecemento á vila coruñesa por terlle escollido como embaixador destes doces, “feitos co cariño da tradición”, e o seu compromiso pola posta en valor do melindre, dos ricos e dos amendoados. “A primeira vez que os probei, a miña imaxinación disparouse ante a cantidade de aplicacións que podíamos darlles dentro da cociña, e é que cando falamos de tradición, o enriquecimento é infinito”, afirmaba o chef. Roncero destacou tamén a importancia e valor do Camiño de Santiago, que puido percorrer nun pequeño tramo onte e prometeu voltar con máis tempo no futuro.

Pola súa parte, a alcaldesa afirmou no seu discurso que “é unha honra para nós contar cun dos referentes da cociña máis importantes e queridos polo público como persoeiro de referencia nesta celebración da cultura culinaria tradicional. Algo que de seguro xa notou Paco Roncero ao saudar á veciñanza este fin de semana nas nosas rúas. O Concello de Melide puxo esforzo e ilusión para dar visibilidade aos nosos productos nesta edición e así o seguiremos a facer no futuro para dar a coñecer a marca Repostaría Tradicional da Terra de Melide e que esta sexa coñecida de tal xeito que a tradición das nosas bisavoas poida ser mantida viva agora e sempre”.

O salón de plenos do Concello de Melide acolleu tamén o nomeamento dos novos embaixadores desta edición que son o coñecido actor Marcos Pereiro no 15 aniversario do dúo cómico As Cantareiras de Ardebullo; a reposteira e instagramer Isabel Pérez de Aliter Dulcia; o triatleta gañador de 3 copas do mundo Uxío Abuín; o xornalista gastronómico Jorge Guitián; a directiva de Aceites Abril Elena Pérez Canal; os chefs Marías Varea de A Parada das Bestas e Miguel Ángel Liboreiro de O Tobo do Lobo; e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo.

Tralo pregón, o turno foi para Claudio Spadi e a banda de música de Arzúa. Esta tarde os máis cativos terán tamén o seu espazo de ocio co espectáculo de Paco Nogueiras, Radio Bule Bule, ás 17 horas na Praza Convento. Ás 20 horas será Milladoiro quen poña o broche de ouro a esta XXVIII Festa do Melindre na mesma localización, pechando a edición máis ambiciosa desta cita gastronómica, que xa é unha referencia no calendario festivo en Galicia.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial