Éxito de participación no Nadal de Compostela

0

Compostela, 8 de xaneiro do 2019 – O concello de Compostela fixo balance das festas de Nadal que obtiveron un éxito de participación en tódalas actividades programadas.

Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural, fixo un repaso en rolda de prensa as festas de Nadal da cidade. Según explicou “estamos moi satisfeitos da acollida que tiveron as accións, non só polo número de persoas participantes senón tamén polo retorno que tivemos ao longo das festas, que viñeron acompañadas de bo tempo na maioría dos días”.

Outro dos apartados máis valorados desde o equipo de goberno e a implicación de distintos sectores e departamentos, a concelleira destacou a “transversalidade das propostas que vimos elaborando para as festas durante estes anos e que engloban a departamentos como Festas, Comercio, Deportes, Mocidade, Centros Cívicos ou Lingua. Compostela converteuse nunha das cidades cunha maior e máis variada programación para estas datas”.

Acción Cultural e Festas

A actividade máis destaca foi a cabalgata de Reis, cunha estimación de 30.000 persoas de todas as idades nas rúas e 4.000 na praza do Obradoiro, que acolleu un espectáculo de circo deseñado por Pablo Méndez. Ademais, arredor de 2.000 persoas, entre pequenos e maiores acudiron á recepción que os Reis Melchor, Gaspar e Baltasar deron no pazo de Raxoi.

A visita do Apalpador tamén resultou un éxito con preto de 1.000 persoas na ruada do 20 de decembro. O Teatro Principal acolleu do 17 ao 20 de decembro o festival FestAlegre, nacido ao abeiro dos orzamentos participativos de festas e que congregou a preto de 750 persoas. Pola súa banda, a festa de fin de ano congregou no Obradoiro a 2.000 persoas que, ademais de despedir o 2018, asistiron ao concerto de The Agapornis. Posteriormente a festa trasladouse á praza de Cervantes, onde arredor de 500 persoas gozaron de Phonorama de DJ Mill.

Comercio

Dentro das actividades programadas destaca o Marcado de Nadal, cunha afluencia de preto de 30.000 persoas e onde “cómpre sinalar a satisfacción dos artesáns e das artesás polo nivel de vendas. É unha actividade que chegou para quedar e que vén a cubrir unha oferta que non tiñamos”, tal e como asegurou a concelleira de Acción Cultural. Este ano ademais o Mercado de Nadal veu acompañado do Festicult que se celebrou os sábados e os domingos na carpa da praza do Toural.

Tamén tivo moito éxito o carrusel do Obradoiro, que foi de balde e ao que se subiron aproximadamente 13.000 nenos e nenas durante as tres semanas que estivo operativo, “cun incremento en relación ao ano pasado polo bo tempo que tivemos estes días”.

En canto á pista de xeo instalada na Alameda, houbo unha afluencia de 9.000 persoas, das cales 3.000 entradas, é dicir o 30% aproximadamente, correspondeuse con boletos familiares, “o que reforza a natureza recreativa e deportiva desta instalación”. A pista da Alameda permanecerá aberta ata o próximo 27 de xaneiro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial