Éxito de público na Festa da Froita de Lousame

0

Lousame, 3 de setembro do 2018 –  Milleiros de persoas ateigaron durante este domingo o campo da festa de San Roquiño, onde tivo lugar a terceira edición do Encontro de Saberes e Sabores e a primeira edición da Festa da Froita de Lousame.

A primeira edición da Festa da Froita integrou nas actividades o encontro de Saberes e Sabores que chegaba a terceira edición pero tamén o roteiro Camiño do Mercado. As actividades foron organizadas polas asociacións Uned Senior,  a asociación deportiva e cultural Senda XXI e a Asociación Misela coa colaboración do concello de Lousame.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, agradeceu a colaboración de todas as persoas e asociacións que tomaron parte na posta en marcha de estas citas “O que pretendemos é que non se perdan as especies autóctonas. Queremos que se poidan pasar aos nosos fillos e netos, pois moitas se perden co tempo. Eu mesma atopei aquí dúas que non lembraba pero que tiña o meu avó na horta. Non é necesario ir ás especies foráneas, o que temos aquí é o mellor e temos a obriga moral de conservalo”.

Diana ás 5:00

A actividade no campo do San Roquiño chegou antes do mencer, pois sobre as cinco da madrugada comezaron os traballos de instalación da carpa da Festa da Froita e a colocación dos máis de cincuenta postos nos que produtores ecolóxicos da contorna e produtores locais puideron ofrecer os seus produtos do campo ou de artesanía. Dos primeiros destacaron, por suposto, as froitas, especialmente as mazás. Tamén había unha gran cantidade de postos de hortalizas, así como un viveiro con especies autóctonas que foi dos postos máis activos durante toda a xornada.  Tamén chamaron moito a atención os postos de mel e cervexa, así como dos distintos doces e empanadas tanto de produtores locais como de municipios próximos, como as filloas da Baña.

No caso da artesanía, no San Roquiño déronse cita cesteiras, palilleiras, oleiros, artistas do tallado en vidro, sancosmeiros… Canda eles había demostracións ao vivo de ata 16 artesáns e artesás da comarca. Durante a mañá, a música correu ao cargo da agrupación folclórica “O son do pote” (Tállara), que participou tanto na ruta de sendeirismo como na propia festa. Pola tarde foi a quenda para a Banda de Música de Lousame e o Mago Teto.

O Concello de Lousame puxo a disposición dos visitantes unhas mesas e cadeiras para que puideran xantar no campo da festa, como así o fixeron moitos dos asistentes, mentres outros optaron por un polbeiro instalado na zona. O Concello habilitou unha finca próxima como aparcamento e tanto esta como ambas marxes da estrada de San Roquiño estiveron ateigadas de vehículos.

Roteiro

Previamente, e durante algo máis de tres horas e media, máis de duascentas persoas participaron na cuarta edición da ruta de sendeirismo Camiño do mercado, a primeira que realmente terminou nun mercado. Un roteiro coordinado polo Concello de Lousame e a asociación deportiva e cultural Senda XXI, que se encargou das distintas actuacións culturais. O trazado do camiño era moi sinxelo, polo que puido ser feito por persoas de todas as idades, dende xente da terceira idade ata nenos de apenas uns meses. Iso si, a forte calor foi protagonista na ruta, polo que os sendeiristas non deixaron de beber líquidos e buscar toda canta sombra había.

Ao longo do percorrido, membros de Senda XXI e actores e actrices de grupos de teatro da comarca escenificaron ata catro escenas que sorprendían aos camiñantes. Escenas de tipo costumbrista: dende a chegada dunha emigrada a Arxentina que volvía con aires de grandeza, ata a persecución e caza con tirachinas dun suposto dron do Catastro. Como é habitual, a derradeira escena foi unha simpática representación de distintos oficios: zapateiro, cesteira, lavandeira, froiteira… Na Casa do Tarela, aproximadamente á metade do camiño, os presentes desfrutaron dunha exposición de pezas de Che Tembra e dun recital de poesía a cargo de Juan Manuel Fernández, director de Teatro Mutis.

O grupo estivo guiado en todo momento polos técnicos de deportes do Concello de Lousame, acompañados tanto por membros de Senda XXI como por rapaces e rapazas do Voluntariado lousamiá. Unha iniciativa á que se sumaron tamén media ducia de rapaces e rapazas da asociación Misela, entidade que promove o desenvolvemento persoal e social das persoas con discapacidade.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial