Unha experiencia multisensorial nas Xornadas de Música Contemporánea

0

Compostela, 19 de xuño do 2018 – As Xornadas de Música Contemporánea acollen este mércores, 21:30 h., a primeira ‘Silent Wifi Music Experience’ que se define como unha experiencia multisensorial.

A música contemporánea busca novas experiencias por medio da tecnoloxía. Un piano de cola Yamaha equipado cun sistema denominado Silent, audible a través de auriculares wifi, é o protagonista do concerto de este mércores na Praza de Cervantes. O encargado de enviar o son do instrumento a 300 auriculares será Javier Otero Neira e os ouvintes terán un radio de 500 metros para moverse e disfrutar da combinación da música en directo mentres camiñan.

Trátase dunha experiencia anovadora que se realiza por primeira vez en España. Os encargados de presentar o peculiar concerto foron a concelleira  de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o pianista Javier Otero Neira, protagonista, xunto ao piano de cola Yamaha e os 300 auriculares wifi, desta proposta.

A cita será mércores ás 21.30 h na praza de Cervantes e os auriculares poderán recollerse a partir das 20.30 h cubrindo un documento e deixando o DNI en depósito. O público pode moverse libremente mentres escoita o concerto. O programa escollido para esta experiencia musical recolle obras de autores contemporáneos, música popular trasladada ao piano e clásicos revisitados, incluíndo a visita a Galicia do Pergamiño Vindel coa música de Martín Códax. Os compositores galegos Octavio Vázquez e María Mendoza comparten programa co arxentino Ginastera, o finés Einojuhaani Rautavaara e o estonio Arvo Pärt. 

Javier Otero, piano

Javier Otero forma parte dunha nova xeración de pianistas novos españois con proxección nacional e internacional. Inicia os seus estudos musicais na súa vila natal (A Estrada – Pontevedra). Formado cos pianistas Nicasio Gradaille e Ángel González, trasládase ao Real Conservatorio Superior de Música de Madrid para cursar os seus estudos superiores coa catedrática Almudena Cano. Gañador de premios en concursos nacionais e internacionais, destaca o Primeiro Premio no Concurso Internacional de Piano Blüthner (Alemaña). Actuou en directo para Radio Clásica e participou en gravacións para a televisión de Croacia, TVE e TVG. Especialmente destacables foron as súas interpretacións na Fundación Juan March (Madrid), o Instituto Cervantes de Toquio e dentro do ciclo de pianistas ‘Ángel Brage’ do Auditorio de Galicia, sendo o primeiro pianista español convidado; tamén foi o primeiro pianista galego en realizar unha xira coa Real Filharmonía de Galicia. Conta con dous traballos discográficos: Impromptus (2015) e Galician Folk Songs (2016), xurdido da creación dun concurso de composición de obras para piano só con temática galega. No seu achegamento a diferentes músicas, iniciou hai uns anos un proxecto co pianista de jazz Abe Rábade ‘Dúas visións a Dous pianos’. Ademais de intérprete, é o director artístico do Festival Piano Meeting, que celebrou a súa primeira edición no 2017 en Ourense.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial