ExpoOrdes 2019 abriu as súas portas

0

Ordes, 27 de abril do 2019 – ExpoOrdes abriu as súas portas este venres coa presenza da Directora Xeral de Comercio, Sol María Vazquez que estivo acompañada na visita polo alcalde José Luís Martínez e case tódolos membros da corporación.

Empresarios, autónomos e comerciantes déronse cita nesta primeira xornada dedicada especialmente a eles. Tras finalizar o percorrido polos postos instalados na carpa situada no Campo da Feira chegaron os discursos. Martínez Sanjurjo tivo palabras de agradecemento, “por apoiar a celebración deste acto co que o Concello de Ordes quere dar visibilidade a todos os expositores tanto de Ordes como da súa contorna. Todos precisan e merecen escaparates como o que brinda esta feira multisectorial”.

O rexedor ordense tamén fixo mención especial ao IV salón Moda e Eventos de Ordes organizado pola Asociación de Comerciantes de Ordes “dando mostra da capacidade que temos para ofrecer produto de alta calidade e variedade tanto no eido téxtil como no de servizos. Ademais tamén fixo alusión á mostra de escritores da zona que este ano ocupa parte do posto do Concello, resaltando “o labor levado a cabo por eles e las ao longo da súa traxectoria e que os fan brillar hoxe aquí con luz propia”.

Tampouco deixou pasar por alto a Festa do Champiñón “que este ano celebra a súa XXX edición. Unha cita que pon de manifesto a creatividade gastronómica da que fan gala os establecementos hostaleiros de Ordes, preparando de infinitas maneiras este produto”. En conxunto estímase que o vindeiro domingo bares e restaurantes da vila de Ordes repartirán máis de 3.000 quilos deste cogomelo.

Pola súa banda a directora xeral de Comercio e Consumo agradeceu o convite e destacou “o importante papel deste encontro como escaparate e motor da dinamización económica da comarca, poñendo en valor os negocios xa consolidados e dando pulo aos que comezan a súa actividade”. Sol María Vázquez aludiu ao espazo que a Consellería de Economía, Emprego e Industria instalou nesta  ocasión “para dar a coñecer as posibilidades e o carácter transformador da economía social, así como para impulsar a promoción e comercialización das sociedades participantes e dos seus produtos e servizos”. Trátase de firmas relacionadas con produtos lácteos e os seus derivados, produtos apícolas e da horta, elaborados de porco celta; conservas de anchoa e xoiaría.

Nesta nova edición de ExpoOrdes participan máis de 100 firmas de sectores relacionados con alimentación, automoción, construción, cooperativismo, agricultura, medio ambiente, enerxías renovables, novas tecnoloxías, mobiliario, artesanía, téxtil, medio ambiente, enerxías, acción social, deportes, hostalería, mecánica e, como non, maquinaria agrícola e gandeira entre outros sectores. En total hai que falar de 13.000 metros cadrados de exposición dos cales 3.000 corresponden á carpa instalada no mesmo Campo da Feira.

A partir de hoxe sábado o público xeral poderá visitar o recinto ininterrompidamente de 10 a 21 horas. O protagonismo desta segunda xornada recaerá na Mancomunidade de Ordes. Alba Paz Boubeta, subdirectora xeral de Economía Social, acompañará aos alcaldes e representantes institucionais dos sete municipios que a conforman (Ordes, Trazo, Cerceda, Oroso, Mesía, Tordoia e Frades).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial