Silleda, 25 de agosto do 2017 – A Xunta de Galicia ten previsto celebrar en 2018 en Silleda a II Feira da Enerxía, evento que pretende posicionarse como referente do sector no suroeste europeo.
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, anunciaron que ambas institucións traballan na organización desta feira tras o éxito da primeira edición. O anuncio tivo lugar logo dunha reunión co comité organizador que fixou os días 22, 23 e 24 de marzo de 2018 como datas para a celebración da feira.
O obxectivo da celebración da II Feira da Enerxía, no que a Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora a través dun convenio coa Fundación Semana Verde de Galicia, é promover os principais sectores enerxéticos galegos, tanto entre os profesionais como entre os consumidores, froito do compromiso do Goberno galego de avanzar cara un modelo enerxético sustentable.
Así, tal e como destacou o director xeral, unha das finalidades desta II Feira da Enerxía é dar a coñecer a estrutura empresarial e produtiva do sector enerxético galego, así como converterse en punto de encontro para os profesionais. Neste sentido, destacan as grandes oportunidades que a Comunidade ten en canto ás enerxías hidráulica, eólica e a biomasa así como a aposta que nos últimos anos se ten feito desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o uso de novas enerxías como a aerotermia ou a xeotermia a través de distintas liñas de axudas.
En concreto, os eixos sobre os que xirará esta segunda edición serán as enerxías renovables, as políticas de aforro e de eficiencia enerxética, así como os combustibles alternativos.
Coa celebración da II Feira da Enerxía, o Goberno galego agarda posicionar este evento como un referente do sector no suroeste europeo, así como dar a coñecer fóra das nosas fronteiras o potencial que a Comunidade ten neste ámbito.
Éxito da primeira edición
A I Feira de Enerxía de Galicia celebrouse no ano 2016 a través de tres xornadas que reuniron a un total de 5.500 participantes. A convocatoria contou con 241 firmas de 16 países, que deron a coñecer os seus produtos e servizos nun espazo de 11.000 metros cadrados.
A Feira ofreceu, ademais, actividades paralelas dirixidas tanto a profesionais como a público en xeral, como 89 conferencias, talleres infantís e un circuíto de vehículos eléctricos e híbridos.