Medio cento de expositores anotáronse xa para a Feira do Moble de Galicia

0

A Estrada, 23 de xullo do 2018 – A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada informa que as reservas de superficie para participar como expositor na trixésimo segunda edición da Feira do Moble de Galicia, que se celebrará do 19 ao 23 de setembro, avanzan “a moi bo ritmo”, xa que nesta semana alcanzouse o medio cento de firmas confirmadas.

O xerente da fundación, Nemesio Rey, destaca que entre as 50 empresas figuran 13 firmas da Estrada e da contorna pertencentes aos sectores do mobiliario, o interiorismo e a decoración, o que supón que, “en comparación coa edición de 2017, nesta Feira do Moble duplicarase a presenza de empresas locais deses sectores”. Entre eses expositores da zona atópanse Suyma Plus Madera, Muebles Pose Mato, Lani Estrada, Corral y Couto, Mucarce, Fervenza Mobiliario, Artest, Carpintería Rivas, Osso, Artesanía Ferradáns, Gilcolor, Industrias J. Cerviño e Irmáns Picaño.

Segundo Nemesio Rey, “o sector está a percibir que estamos a incorporar cambios na organización e na promoción para tentar que a feira sexa máis rendible para os expositores e, ao mesmo tempo, máis atractiva para os visitantes”. Neste senso, adianta que ademais da elaboración dunha publicación promocional que sairá á rúa a comezos de setembro cunha tirada de máis de 4.000 exemplares, a fundación tamén comezou a traballar na preparación dunha campaña específica para as redes sociais. Empregando o hastag #EsteanoEuvou, a campaña publicitaria contará coa participación desinteresada de estradenses moi coñecidos e con gran visibilidade mediática nas súas respectivas áreas de actividade, como o humorista Isi, o triatleta Cristóbal Dios, o actor Xoque Carbajal, a polifacética humorista Saly Torres e o ciclista Álex Marque, entre outros. “Estámoslle moi agradecidos a todos eles por brindarse a colaborar nesta campaña de forma totalmente altruista e pensamos que coa súa axuda imos reforzar a repercusión da feira para facerlle ver aos potenciais visitantes que este ano paga a pena pasar polo recinto feiral da Estrada do 19 ao 23 de setembro porque vai haber máis expositores, moita máis oferta e variedade de mobiliario e tamén incluso máis actividades adicionais”, explicou o xerente da fundación.

Cómpre lembrar que o prezo das entradas será dun euro e que cunha soa entrada poderá accederse ao recinto feiral durante os cinco días da feira. Ademais, os visitantes participarán en diferentes sorteos que está a ultimar a organización.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies