A Feira Ecolóxica de Arzúa chega a 15º edición

0

Arzúa, 19 de setembro do 2018 –  Arzúa acollerá na última fin de semana deste mes a súa 15ª Feira Ecolóxica ARZÚA ECOLÓXICA, un espazo no que se darán cita produtores, distribuidores, consumidores e público en xeral do sector verde de Galicia.

A Feira Ecolóxica estará ubicada no Recinto Feiral Terra do Queixo. A concelleira de Sensibilización Medioambiental, Pilar Castro, explica que se segue a apostar pola venda e exposición de produtos con todas as garantías e por iso solicítase, desde hai tres anos, a acreditación de produto cen por cen ecolóxico. Foi no 2015 cando o concello decidiu facerse cargo da organización marcando uns criterios claros nos que priman o coidado do medio ambiente, das alternativas de produción e a difusión dos principios da sustentabilidade.

Os produtos de cada expositor participante na feira están regulados en produción agraria ecolóxica asegurando a transparencia en todas as fases, tanto da mesma produción como da elaboración e comercialización. A oferta de Arzúa Ecolóxica será moi ampla: aceites, esencias, froitas, produtos de tempada, conservas, tés e infusións, doces, queixo, iogures…  e unha foodtruck que preparará comida 100% ecolóxica para quen se decida a probar o seu exquisito menú: hamburguesa fusión eco, bacallau con algas eco, paté de polbo con castañas eco, paté de bacallau con pasta de castañas eco…

Programación complementaria

A programación da feira complementarase cunha ampla oferta de ocio e musical. O sábado, 29 de setembro, está prevista a actuación de Os Melidaos, será ás 20 horas no recinto feiral. Ese mesmo escenario acollerá ao día seguinte o concerto de DE VACAS, que está previsto para as 19 horas.  

Por outra banda o sábado ás 11.00 h terá lugar unha Exhibición de Graffiti da man dos artista da Vella Escola, e ás 17.00 h un Obradoiro de Graffiti para rapazas e rapaces a partir de 10 anos. Este obradoiro conta con prazas limitadas e precisa de inscrición previa. Finalmente, o domingo ás 17.00 h terá lugar no Campo da Feira un Obradoiro de Slackline para rapazas e rapaces a partir de 10 anos.

O recinto permanecerá aberto para o público ao longo de toda a fin de semana, o sábado dende as 11 da mañá e o domingo dende unha hora máis cedo, as 10 da mañá. Os stands pecharán ao mediodía, dende as 15 ás 17 horas.

Calquera persoa que desexe coñecer máis información do evento pode atopal no sitio web www.arzuaecoloxica.com  e irase informando de todas as novidades na páxina de Facebook www.facebook.com/ArzuaEcoloxica

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial