A XIII Festa da Merenda de Aiazo reúne a milleiros de visitantes pese a tormenta

0

Frades, 26 de marzo do 2018 – A XIII Festa da Merenda de Aiazo (Frades) reuniu a varios milleiros de persoas en torno ás tortillas de masa con torriscos pese a tormenta da fin de semana.

A festa da merenda, organizada pola Asociación de Veciños “Os Pasos” e na que colabora o Concello de Frades, transcorreu con normalidade a pesares do mal tempo do venres e do sábado, que mesmo fixo que se difundira un falso rumor sobre a cancelación da Festa da Merenda, algo que desmentiron taxantemente os organizadores. De todos xeitos o mal tempo condicionou en parte a festa xa que  as zonas de aparcamento estiveron molladas e, nalgúns tramos, enlamadas, o que provocou que centos de persoas optaran por deixaren os seus vehículos canda a igrexa e baixar a pulso as comidas e bebidas. O outro condicionante é que, se ben a área recreativa Os Pasos está en óptimas condicións, non estaba o día como para xantar tumbados no chan ou ao aire libre como en edicións anteriores, polo que practicamente todos os postos contaban con pequenas tendas para xantar a cuberto.

Cambio xeracional

A festa comezou puntualmente ao mediodía, momento no que unhas 25 cociñeiras e unha ducia de axudantes comezaron a cociñar as máis de 1.000 tortillas de masa que se repartiron durante toda a xornada. Ademais das degustacións gratuítas, a organización continuou un ano máis coas vendas de merendas para levar a casa en caixas de pizza, co logotipo da Festa da Merenda e que se vendían a 3 euros unha merenda e a 5 euros dúas. Isto, unido ao euro de colaboración que os asistentes poñían a cambio dun pano branco conmemorativo e as rifas para unha cesta por dous euros permitiron aos asistentes colaborar no financiamento da Festa da Merenda.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, felicitou á asociación “Os Pasos” polo seu excelente traballo e destacou que “estamos diante dunha das grandes festas gastronómicas que se fan en Galicia grazas a produto tradicional e ao cariño e traballo co que o elaboran estas cociñeiras”. Roberto Rey estivo acompañado por todos os concelleiros do grupo de Goberno. Este ano confirmouse unha tendencia que xa se viña apreciando anos atrás pero que durante a actuación da Charanga Mekánica e os seus temas rock quedou máis evidenciado: a diminución do público maior que é substituído por un público familiar e, sobre todo, mozo. De feito, practicamente toda a área recreativa estaba este ano ateigada de mozos e mozas chegados de toda a comarca e que quedan a pasar todo o día na festa.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies