Festa do Teatro no Principal de Compostela

0

Compostela, 10 de maio do 2018 – A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra presentou a programación especial para público infantil e familiar que as festas da Ascensión levan esta fin de semana ao Teatro Principal.

O Viravai

A concelleira estivo acompañada por Cristina Fiaño, de Urdime e de Nadia Fonseca, Ramón Feáns e Manolo Boquete, tres dos integrantes de Trotaventos, a compañía responsable dun dos concertos que se inclúen no programa. Novoneyra puxo en valor a realización desta Festa do Teatro para cativos facéndoos participes deste xeito das Festas da Ascensión.

O programa ao detalle

Pablísimo

A programación abre o sábado 12 de maio ás 11:30 horas co primeiro feixe de pezas. Animaladas, de Marta Ortiz, é unha compilación de contiños de animais, historias tolas e divertidas, que nos fan transitar por emocións moi humanas, como o medo, o amor, a ira, a amizade, a esperanza. A lumbrigante e o Congro, de Avelino González,  recolle un conto popular sobre o medo e a astucia debaixo do mar. O Tirar do fío-Contos signados de Fátima Villamel, é unha invitación a descubrir historias, a viaxar a lugares remotos, a namorar, a lembrar, a xogar coas letras e as palabras e a soñar. Finalmente, o Contiario, de Pablísimo, abeira contos que empezan ao revés, contos con moitos finais, contos de nunca rematar, fábulas, cantares de cego, contos minúsculos, adiviñas, e mesmo contos-canción.

Ás 13.00 h os Trotamundos presentan en concerto o seu traballo A fiestra dos soños. Trece poemas que cantan á natureza, musicados con grande variedade de compases, influencias e ritmos, e numerosos cambios de tonalidade cunha liña que bebe das músicas populares do mundo e que atravesa cada un dos temas para darlle unidade. A proposta busca tamén familiarizar ás pequenas e pequenos coas palabras, xiros e expresións propias da nosa lingua, co gallo de expoñer e dignificar o galego e o seu entorno primixenio nun país que corre a pasos axigantados cara ó esquecemento. Todo diso aderezado con melodías de gusto exquisito que xunto cos textos converten as pezas en idóneas para o pracer de grandes e pequenos. Esta é a versión concerto dun libro-CD editado pola Editorial Galaxia como parte da colección Sonárbore.

A tarde do sábado abre ás 17:00 horas cunha nova xeira de microteatro. O Xigante de Elefante Elegante, achega unha homenaxe ao libro e á lectura na que conviven o cómico e o poético e a narración oral é acompañada polo teatro xestual. Os Feitizos, de Martín Camiña, veñen con cachifallos e chilindradas máxicas que nos fan dubidar de se o que estamos a ollar corresponde co que percibimos, nun espectáculo ben sorprendente e cheo de ilusións. Segue o programa coa A Bruxa Regañadentes, que Vero Rilo compón a partir da obra homónima de Tina Meroto e, finalmente, os monicreques de Anxo García cóntannos a historia de Bartolo Bartolochi, o único trapecista do mundo con boina, que ficou atrapado no Teatro Principal a comezos do século XX, cando aquí chegaban todo tipo de espectáculos.

O concerto As andanzas de Paio, por conta d’Oviravai ás 18:30 horas, pon fin á tarde do sábado. É este un proxecto que concede especial atención á transmisión de valores sociais como a amizade, a solidariedade, o traballo en equipo ou o coidado do planeta, a través de orixinais e divertidas cancións e historias, que conta o teixugo Paio ao volver dunha viaxe. O musical parte do libro-CD homónimo As Andanzas de Paio, o primeiro traballo da compañía que forma parte da colección Sonárbore da Editorial Galaxia.

Gatuxo

Xa no domingo, as sesións de microteatro arrancan de novo as 11:30 horas. O Babamor, de Larraiz Urruzola, recolle historias creadas e contadas por mulleres en moitas familias grandes e pequenas, diversas e envoltas en toneladas de cariño. Ollos que miran a outros ollos, cóxegas e paseos por xardíns de bolboretas. Nesta ocasión farannos saber do acontecido con Martín e as montañas na cama, un contiño onde se aborda a sexualidade con moitísimo humor, naturalidade e a dose xusta de tenrura. A peza Unha Bela e unha Besta Diferentes, de Ana Carreira, conta a historia dunha moza que se volve fermosa e até atopa o amor grazas á besta que o seu pai lle regala pero que, mesmo así, non acada a felicidade. N’Unha Viaxe No Tempo: As Cavernas, Os Ghazafelhos exploran como se vivía na prehistoria a través das peripecias da doutora Monsilia Brimini, a científica mais grande da historia, que consegue artellar unha máquina do tempo que nos traslada ao mundo dos cavernícolas. Para rematar, Charo Pita narra como A Pitiña Cocoricoricó sae á procura do desaparecido arco da vella para volverlle o sorriso á lúa.

O último concerto desta programación chega da man de Magín Blanco co espectáculo Gatuxo. Ás 13:00 horas comeza esta actuación que nos presenta a evolución dun bebé, reflectida nas súas rutinas diarias. Grandes aventuras como aprender a comer só, descubrir a risa, comezar a gatear, emitir os primeiros son e verbas, xogar, dar os primeiros pasos,  ou bailar. Gatuxo é un espectáculo onde se fusionan as artes, a música, as cantigas, o teatro, os contos, o clown, a manipulación de obxectos ou o claqué, todo interpretado en directo por tres músicos a dúas voces e unha actriz, dirixido a crianzas de 0 a 5 anos e aos seus familiares acompañantes.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies