O Festigal busca xa voluntarios para a XVI edición

0

Compostela, 20 de xuño do 2017 – O Festigal quenta motores da cara a XVI edición. Este ano a música corre a cargo de Guadi Galego, Nao, Raiba, Os Amigos dos Músicos e Son da Rúa nunha cita para a que xa se abriu a inscrición para os voluntarios que queiran axudar.

A xornada do 24 comeza cunha sesión de DJ con Bigote Mix; Son da Rúa, composto por Álex Arnoso e Hugo Guezeta, de Ponteareas, que foron os gañadores do concurso “Novos Valores”; Os Amigos dos Músicos, con folk-rock inspirado na canción protesta; Guadi Galego presentará o seu último traballo “O mundo está parado”; actuará Nao como banda de referencia do rock galego e Raiba que traerá o seu último disco “Marxinación” de rock-metal con letras reivindicativas.

Alberte Fernández, de Galiza Nova, explicou que os gañadores do concurso Novos Valores participaron co tema retranqueiro “O galego non mola” para denunciaren a situación da lingua galega, seguindo a liña de crítica social nas súas letras. Destacou tamén o éxito deste vídeo que chegou a máis de 10.000 reproducións de Youtube en dous días. “O Festigal ponse en marcha grazas a 200 persoas voluntarias que fan posíbel este evento que cumpre 15 anos, dispostas a traballaren na organización dun cento de actividades para festexar o Día da Patria Galega”, engadiu.

Pola súa parte, Lucía López Sobrado presentou os actos previstos para o 25 de xullo nunha aposta en feminino no café concerto cunha exhibición de regueifeiras por cortesía da asociación Oral. O punto máis cómico e desenfadado virá da man de Isa Risco, co seu espectáculo Nabiza Girl, “quen sen dúbida nos fará rir coa historia desta superheroína rural galega”. No apartado musical, o público poderá descubrir o proxecto de Áureas “En Voga”, o que será un concerto-espectáculo “co que viaxaremos ás músicas dos anos 20, coas que poderemos bailar en pleno século XXI cos ritmos das nosas avoas e avós traídos aos nosos tempos”. Rematará coas  potentes voces das Tanxugueiras, chegadas desde a zona de Teo e da Barbanza e que son xa un dos grupos revelación da música tradicional galega, sinalou.

Por suposto, terán tamén espazo no Festigal “multitude de colectivos sociais que desenvolven traballo a prol do noso país”, eventos deportivos, postos de artesanía, o espazo infantil con propostas culturais para os máis cativos, un espazo de venda de libro con variedade de editoras e librarías galegas e unha completa Galería das Letras e das Ideas nas que contaremos con palestras sobre temas de actualidade política e social e un grande abano de libros a presentar. Entre eles, pódense adiantar a presentación do libro “Na casa da avoa” da poeta viguesa Marta Dacosta ou a conversa entre os escritores Carlos Callón e Nacho Taibo arredor dos seus novos libros: “Galegofalantes e galegocalantes” e “Os tres de nunca”, respectivamente.

O Festigal vén cargado un ano máis de variadas propostas culturais en todos os estilos e disciplinas e encherá na noite do 24 e durante todo o día 25 o espazo do Campus Sur de reivindicación “para celebramos o Día da Patria Galega, para celebrarmos que somos galegas e galegos orgullosos de selo”. “Por iso o Festigal é un escaparate da cultura feita desde Galiza e en galego, que conxuga e beleza e o poder da tradición coa modernidade máis punteira e amosa que  queremos estar no mundo en pé de igualdade con outras nacións e que temos talento a esgalla”, concluíu Lucía López.

Por outra banda  a comisión organizadora convida a visitar a web festi.gal/voluntariado para ver as áreas de colaboración e as quendas do Festigal 2017, para que o voluntariado indique as súas preferencias e sexa partícipe da organización deste grande evento cultural.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial