O Festival Rois Arrasa!!! celebrou a terceira edición

0

Rois, 24 de setembro do 2017 – A música tradicional galega foi protagonista na terceira edición do Festival Rois Arrasa!!! que se celebrou este pasado venres coa participación de músicos de tódalas idades.

 O Festival Rois Arrasa!!! contou co grupo local Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, con músicos de 4 anos, e coas Pandeireteiras de Ermedelo, algunha de 80 anos, e as Repeniqueiras de Urdilde, que contan con dúas xeracións da mesma familia.

O grupo Faltriqueira e a Orquestra Os Modernos puxeron o broche de ouro a un festival que contou cunha excelente mexilonada e tamén con premio a mellor parella de baile, que gañaron Carmen e Pepe.

As Pandereteiras de Ermedelo, un grupo formado hai só tres anos, foron as encargadas de abrir o festival, como explicaba a profesora Jessica Beiroa  “A máis nova ten 60 anos, e algunha está xa preto dos 80”. Este grupo foi o último en incorporarse aos de música tradicional de Rois “En só tres anos conseguimos xa ter un repertorio de media hora, e iso que só ensaiamos un día á semana”, indicaba Beiroa.

O Festival Rois Arrasa!!! continuou cos diferentes grupos do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, que está formado por más de 70 persoas, dende os 4 anos ata os 25. En Chorima hai tamén un grupo de pais e un corpo de baile, aínda que este non participou no festival. Martín Agrasar, profesor de Chorima dende hai 15 anos, destacaba a “implicación e o compromiso dos veciños de Rois” que forman parte deste obradoiro, que ensaia no colexio público. Dos grupos de distintas idades que participaron o que máis expectación levantou  foi o dos máis cativos que demostraron que a música tradicional galega ten moito futuro en Rois.

As Repeniqueiras de Urdilde foron as seguintes en subir ao escenario. Este grupo, que leva seis anos ensaiando, ten a curiosidade do intercambio xeracional. Mari Carmen toca a pandeireta ao lado da súa filla Ángela desde que se formou o grupo “Ángela tiña só seis anos, e como se aburría nos ensaios, deixáballe unha pandeireta para que se entretivera, e resulta que aprendeu a tocar antes ca min”, dicía Carmen toda orgullosa minutos antes de actuar. Este grupo está dirixido tamén por Jessica Beiroa e gravou o seu primeiro disco no ano 2014, “A Pandeireta na man”, nun programa financiado pola Deputación da Coruña.

Os grupos profesionais Faltriqueira e a Orquestra Os Modernos puxeron o broche de ouro a este festival que cada ano congrega a máis afeccionados á música tradiconal galega.  Os Modernos decidiron organizar un concurso de parellas de baile, do que resultaron claros vencedores Carmen e Pepe, que tiveron que subir ao escenario a recoller o seu premio: un disco da orquestra, entre os aplausos e as risas do público.

Os máis pequenos animaron durante o festival con algúns dos instrumentos musicais que crearon esa mesma tarde no obradoiro de construción de instrumentos e xogos populares.

Share.

Leave A Reply

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies