займ срочно

O festival Rois Arrasa!!! céntrase nas agrupacións locais

0

Rois, 16 de setembro do 2017 –  O Concello de Rois presentou o programa do III festival de música Rois Arrasa!!! que achegará o vindeiro venres 22 de setembro a música de cinco grupos galegos, tres amateurs e dous profesionais.

Rois Arrasa !!! naceu en 2015 co obxectivo de fomentar a música galega e converter a Rois nun lugar de referencia onde poder promocionar este xénero artístico. En esta nova edición aposta por dar “visibilidade ás agrupacións locais, de diferentes estilos, para poder atopar tamén neste espazo o seu protagonismo na difusión do seu bo traballo” nas palabras do alcalde Ramón Tojo e do concelleiro de cultura, Martín del Río, na presentación do festival no salón de plenos do concello.

As tres agrupacións locais, Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, Repeniqueiras de Urdilde e Pandeireteiras de Ermedelo, comparten cartel este ano con grupos de sona no panorama musical galego como son a Orquestra Os Modernos e o grupo Faltriqueira. Todos eles darán o mellor de si e farán vibrar ao público a partir das 21:00 horas do venres 22 no campo da Festa de Rois.

Ramón Tojo subliñou a aposta do Concello por Rois Arrasa!!! porque “cremos que é bo para Rois” á par que indicou que este ano no só a actividade cambia de escenario, pasando de Urdilde a Rois, senón que tamén “é a primeira vez que mesturamos as expresións artísticas musicais de grupos do noso municipio con outras xa profesionais. Isto fainos sentirnos orgullosos do que podemos ofrecer dende Rois e do que temos no concello”.

Tanto alcalde como concelleiro quixeron agradecer o traballo e a implicación do equipo técnico do Concello para con este evento e a colaboración das asociacións socio-culturais do municipio “Esto é froito dunha boa sinerxía entre as partes”, dixo, convencido de que “esta nova edición do Rois Arrasa!!! vai a ser unha das mellores”.

Pola súa banda, Jéssica Beiroa, profesora das agrupacións de Repeniqueiras de Urdilde e Pandeireteiras de Ermedelo, que veu acompañada dunha representación de ambas as dúas formacións, destacou a importancia que ten para estas formacións de mulleres rurais e amas de casa compartir escenario “con grupos profesionais de sona como son a Orquestra Os Modernos e Faltriqueira. Para nós é un salto moi grande e toda unha experiencia. Actuar nun mesmo escenario con estas formacións supón para estas mulleres, cunha media de sesenta anos, un gran salto. E moi ilusionante”. Beiroa, que subliña o bo traballo que están a facer estas dúas agrupacións locais de Rois, quixo agradecer a “confianza que o Concello leva depositando todos estes anos na miña persoa como profesora” así como esforzo que fai a institución municipal “para visibilizar o traballo das Repeniqueiras de Urdilde e as Pandeireteiras de Ermedelo”, dixo.

A agrupación encargada de abrir o festival o venres 22 ás 21:00 horas será A OCT Chorima. Trátase da máis veterana das tres agrupacións de Rois e tamén é un dos referentes da cultura tradicional do país. Nacida en 1995, Chorima leva máis de 20 anos de percorrido e andaina ininterrompidos. Entre as súas máximas destaca a de recoller, ensinar e divulgar o rico patrimonio inmaterial do Concello de Rois. De feito, a agrupación caracterizase por ter feito un importante labor de recuperación da música e danzas do país, con especial sensibilidade polo propio Concello. Un concello, o de Rois, que garda un gran potencial en canto a tradicións se refire, e que a OCT Chorima soubo ver e soubo recuperar. Según explicou Eva Domínguez, representante da agrupación, Chorima tocará pezas de gaita e pandeireta.

As Repeniqueiras de Urdilde comezaron a súa andaina en xaneiro de 2011, movidas por un grande interese na nosa música de raíz. Formado por 20 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, empregan nos concertos e actuacións as súas voces e instrumentos de percusión tradicional galega de man, como pandeiretas, cunchas ou pandeiros. Ademais de actuar en diversos actos no Concello de Rois, As Repeniqueiras de Urdilde participaron no I Certame Interritmos, organizado pola Fundación Paideia-Deloa, o que lles deu a oportunidade de gravaren o seu primeiro disco A pandeireta na man.

Pola súa banda, as Pandereteiras de Ermedelo, agrupación integrada por 15 mulleres de máis de 50 anos, nacen como grupo en xaneiro do 2014 ao abeiro da Asociación de Mulleres Rurais de dita parroquia. A todas elas únelles un fondo amor pola música tradicional. Con só tres meses de vida participaron por primeira vez nos Seráns da Lingua 2014. Tamén foron cartel nas festas patronais de Leroño e non quixeron deixar de participar na homenaxe que a Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo realiza todos os anos a súa patroa, a Virxe de Fátima.

As voces das catro compoñentes de Faltriqueiras, que abrirán o 22 de setembro o cartel na súa vertente máis profesional do Rois Arrasa!!!, chegaron a Namibia, Bermudas, País Vasco e Lisboa. Co seu primeiro disco Resistencia 2002 foron portada de revistas como Folk Roots, cunha gran acollida da crítica especializada, pois foi escollido entre os 10 mellores álbums do 2003 na World Music Charts Europe. A agrupación bebe da tradición pero xoga cunha música cun estilo único e libre en todos os aspectos. Encarna a corrente máis fresca do panorama xurdido das fontes da música tradicional. Varias das súas cancións foron seleccionadas para diversos recompilatorios como Women’s World Voices, Femmes Celtes ou Oriental Garden. Faltriqueira colaborou en gravacións e acompañou en concertos a Luar na Lubre, Mike Odfield, Oskorri, Kepa Junkera e Víctor Manuel e gañou tamén o recoñemento do público en festivais como o Etnofestival 2005 de San Martiño, Rock in Río en Lisboa, o Fórum das Culturas de Barcelona, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Parapanda Folk ou o Plasencia Folk.

O público contaxiarase sen dúbida da algarabía e dos ritmos que traerán ao Campo da Festa de Rois os integrantes da Orquestra Os Modernos, agrupación encargada de pechar este ano festival. Din que “ninguén senta cando toca a Orquestra os Modernos”, e así será. Como consecuencia da súa constante ansia por se renovar e a experiencia a través de tantas xiras por Europa e América do Sur e do Norte, a Orquestra Os Modernos ofrece un repertorio de bailes renovado á última moda: fox trot, baiao, chotis, habanera, tango americano, corrido, zumba, rumba, mazurca e mesmo avant-garde twist, sen esquecer pezas do noso folclore como a muiñeira ou a xota. A agrupación obtivo Premio Martín Códax da Música 2016 na categoría Orquestra de Verbena.

“O noso é un pouco un xogo musical e de conceptos. O noso espectáculo mestura música, teatro, baile e moitas ganas de festa. Gústanos o contacto próximo coa xente, no campo, no lugar; non somos de decibelios e queremos que a xente baile”, indicou Joám Casas, compoñente da formación.

Pero a festa arredor da música do noso país comezará xa pola tarde, a partir das 17:00 horas. O programa inclúe como actividades complementarias a realización dun Obradoiro de construción de instrumentos musicais que correrá a cargo do educador musical Tomás Rábano. Esta actividade, de carácter gratuíta, está dirixida a todos os públicos. Así, e según explicou Manuel Villar, director da Escola de Música Municipal de Rois, no transcurso da rolda de prensa, neste obradoiro nenos, nenas, mozos, mozas e persoas adultas “aprenderán a facer axóuxeres, instrumentos para percutir a partir de material de refugallo, dende unha simple bolsa de plástico ata os ramallos que podemos atopar nas estradas. O obradoiro durará unha hora, e ademais de fabricar os instrumentos tamén tocaremos con eles e cantaremos. Vai ser divertido. Animo á xente de Rois e da comarca a participar”, indicou.

Tamén pola tarde haberá xogos populares nos que grandes e pequenos/a poderán participar e divertirse; e para os máis pequenos e pequenas da casa a organización porá a súa disposición un inchable. Pola noite, a partir das 23:00 horas, a organización ten previsto facer una gran mexilonada e haberá un servizo de cantina.

Rois Arrasa!!! conta cun orzamento de 7.000 euros, cofinanciado entre o Concello de Rois, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O festival de música, de carácter anual, nace a iniciativa do Concello en 2015 da necesidade de fomentar a música galega entre a poboación municipal e da comarca, atopando en Rois un lugar onde poder promocionar este xénero artístico. Nos primeiros anos foron varias as agrupacións musicais galegas presentes no Rois Arrasa!!!: Ruxe Ruxe, Agoraphobia, Sleepwalker, Foxy Freire, Biribirlocke e The Cerne.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies