36 Festas nun so espazo, en xuño Silleda acolle Festur 2017

0

Silleda, 2 de xuño do 2017.- A IV Feira de Festas de Interese Turístico, Festur 2017, que se celebra conxuntamente co salón de turismo Turexpo Galicia e de forma paralela á 40ª Abanca Semana Verde de Galicia, contará do 8 ao 11 de xuño coa participación de 36 celebracións das catro provincias galegas con este recoñecemento.

Estas festas estarán presentes a través de 28 concellos ou entidades dos municipios nos que se celebran, os cales contarán na súa práctica totalidade cun stand no que amosarán material relativo e informarán aos visitantes. Ademais, moitas delas levarán a cabo distintas actividades durante a feira, como degustacións e exhibicións, en función do seu carácter.

As festas gastronómicas que realizarán degustacións en distintos momentos de Festur 2017 serán a do Pan de Cea, de San Cristovo de Cea; Pescada do Pincho de Celeiro, de Viveiro; Empanada de Bandeira e Tortilla de Laro, ambas de Silleda; do Xamón, de A Cañiza; do Bonito, de Burela; do Carneiro ao Espeto, do concello de Moraña; do Lacón con Grelos, de Cuntis, e da Festa da Castaña, de Folgoso do Courel.

Outras celebracións levarán a cabo vistosas representacións e exhibicións, como a da Olería de Buño, de Malpica de Bergantiños; Mostra do Encaixe de Palillo, de Camariñas, alfombras florais do Corpus Christi, de Ponteareas;  e de dúas romarías, a Vikinga, de Catoira, e a da Saínza, de Rairiz de Veiga. Tamén se realizará algunha mostra do Entroido dos Xenerais do Ulla, que se celebra en catro dos concellos presentes, Boqueixón, Silleda, Vedra e Vila de Cruces.

As restantes festas participantes en Festur 2017, a cal conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, mostrarán as súas particularidades nos seus stands. Serán as do Pemento, de A Arnoia e de Padrón; as feiras do Cocido, de Lalín, e de Santos, de Monterroso; o Festival Internacional do Mundo Celta, de Ortigueira; Festas Patronais de San Telmo, de Tui; o Entroido, de Vilariño de Conso; Romaría de San Ramón de Bealo, de Boiro; Festa de Xesús Nazareno e das Mortallas, de A Pobra do Caramiñal; da Virxe de Guadalupe, de Rianxo; a da Dorna, de Ribeira, e a Feira Franca Medieval e as patronais de San Roque, as dúas de Betanzos. Tamén se mostran a Virxe de A Franqueira, de A Cañiza; Festa da Filloa, de Boquexón; do Galo de Curral de Vila de Cruces, Filandón de Músicas de Folgoso do Courel, Romaría de Santo Hadrián de Malpica de Bergantiños e a Semana Santa, O Naseiro e a Rapa das Bestas de Candaoso, todas elas de Viveiro.

Outras degustacións e actuacións

Ademais destas festas recoñecidas como de interese turístico, Festur 2017 acollerá degustacións doutras celebracións pertencentes a concellos participantes na feira, como a Festa da Paella de Cortegada, a do Lacón e a dos Callos Anxemil-Martixe, todas elas de Silleda.

A estas sumaranse outras actividades promovidas polos municipios presentes, entre elas as catas de produtos gastronómicos de Vedra, Arousa Norte e Vilariño de Conso, a de produtos Petroni de Padrón e a de Rosquillas de Abades, de Silleda. Tamén se levarán a cabo actuacións realizadas polo grupo “Gaiteiros da Pereiriña”, de Silleda, e da Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla, do Concello de Vedra.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial