Presentadas as festas da Filloa a pedra de A Baña e do Viño da Ulla coa participación de Pepe Solla

0

Actualización (7 de marzo do 2018) A Festa da Filloa a Pedra retrásase ata o día 25 de marzo polas malas previsións metereolóxicas.

Bisbarra, 2 de marzo do 2018 – A xornada Filloas e viño no Camiño serviu para presentar dúa das festas máis coñecidas da bisbarra. A 38º edición do Viño da Ulla e a 15º da Filloa a pedra de A Baña déronse a coñecer con dúas charlas e un show cooking de Pepe Solla.

O Hostal dos Reis Católicos foi o escenario elixido para a xornada Filloas e viño no Camiño organizada polo grupo de desenvolvemento rural, GDR, Terras de Compostela. Asistiron os alcaldes de Boqueixón, Manuel Martínez, e A Baña, Andrés García, ademais do de Vedra, Carlos Martínez, presidente ademais do GDR , bodegueiros da zona e as diferentes asociacións que promoven as festas e os produtos, caso da Asociación de Filloas da Pedra da Baña, a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo (Boqueixón) e a comisión organizadora da Festa do Viño da Ulla (Vedra).

Na presentación da xornada, Carlos Martínez Carrillo, presidente do GDR, afirmou que Filloas e Viño do Camiño se enmarca no empeño por “poñer en valor todas as potencialidades do rural”, unha misión fundamental, “moito máis nestes tempos nos que se fala tanto dos problemas demográficos de Galicia. Fixar poboación nos municipios rurais é clave, e para conseguilo hai que fomentar a iniciativa emprendedora que dea lugar a unha maior calidade de vida e mellores servizos”. “Temos paisaxe, temos herdanza cultural, temos gastronomía e temos, sobre todo, xente con iniciativa e ganas de facer do noso un territorio vivo e con futuro”, afirmou Martínez Carrillo.

Nunha conferencia sobre o aspecto patrimonial do Camiño, Manuel Vilar Álvarez, historiador e membro do equipo redactor da Delimitación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, apuntou que “a potenciación da Ruta nestes territorios pasa polo coñecemento e aprecio por parte da propia veciñanza. Temos que percibir o patrimonio como algo noso que podemos compartir cos outros, un elemento que mostra un xeito propio de vida”. Segundo Manuel Vilar, para competir nun mercado globalizado hai que partir da “potenciación do produto local e non de imitar o que fan noutros lados. Nós podemos ofrecer algo distinto, mostrar un xeito propio de vida porque, aínda que ese produto se poida atopar noutro lado, será diferente”. Para Vilar é o que pasa co Camiño de Santiago, “que habendo moitos camiños, este non é un camiño calquera”.

Pola súa banda, Juanjo Figueroa Treus, director técnico e titor do Curso Superior de Sumiller Profesional do Instituto Galego do Viño, falou da importancia do Camiño de Santiago como factor de cohesión das diferentes zonas vitivinícolas polas que pasa, desde París ata a mesma Compostela.

No tramo final da xornada foi a gastronomía a que tomou protagonismo, da man do chef Pepe Solla. Responsable do restaurante Casa Solla, en Poio, e galardoado cunha estrela Michelin, propuxo catro receitas a base de filloas, mostrando a gran potencialidade culinaria deste e doutros produtos da terra. En primeiro lugar, Solla elaborou a famosa “fajita”, un clásico de Casa Solla, no que a filloa se serve rechea de raxo. A segunda elaboración foi unha falsa filloa cun sifón sobre prancha con algas e camaróns. A continuación, e pensando nas persoas con celiaquía ou intolerancia, Pepe Solla preparou unha filloa con leite e ovo, pero que non leva fariña de ningún tipo. Por último, presentou un prato doce a modo de falsa tarta, no que a filloa era a base.

A tradición gastronómica pechou o evento coa elaboración en vivo e a degustación de filloas de Lestedo e da Baña, acompañadas por viño da D.O. Rías Baixas subzona da Ribeira do Ulla e por outros produtos da zona como marmeladas, aceite ou queixos. Coincidindo coa xornada presentáronse as festas gastronómicas da Filloa da Pedra da Baña e do Viño da Ulla. A primeira delas celebrarase no concello barcalés o domingo 11 de marzo 25 de marzo; a segunda, en Vedra, o 8 de abril.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies