Fomento quere desviar o tráfico pesado do Milladoiro pero precisa a colaboración da Xunta

0

Ames, 8 de marzo do 2018 – Unha representación  da corporación de Ames reuniuse no Ministerio de Fomento co Director xeral de Estradas, Jorge Urrecho, para tratar os problemas de tráfico no Milladoiro.

O Ministerio de Fomento propón para o Milladoiro, como medida a curto prazo, o desvío do tráfico pesado en ambos sentidos pola autovía de Noia e o ramal que remata nas Galanas. Para elo Fomento terá que firmar un convenio coa Xunta de Galicia que será a encargada de colocar a sinalización prohibindo o paso dos camións e adaptar a rotonda das Galanas que na actualidade non permite o xiro dos camións.

A intención da corporación municipal será darlle traslado desta medida á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na reunión que se solicitará con ela. Esta medida permitirá desviar o tránsito de 300 vehículos pesados de máis de 30 toneladas e máis de 1.000 camións que pasan diariamente pola avenida Rosalía de Castro do Milladoiro. Ademais, permitiría comezar a humanizar un pouco máis esta localidade amesá.

Outra das medidas que se trataron na reunión foi a colación duns paneis informativos para disuadir aos condutores do seu paso polo medio do Milladoiro. Trataríase de colocar un panel na zona da Rocha e nas Galanas, en ambos casos antes de entrar no Milladoiro, para informar dos tempos de paso dos vehículos pola autoestrada AG-56 e polo centro de Milladoiro. Deste xeito, reduciríase de xeito salientable o tráfico que discorre pola avenida de Rosalía de Castro, e de cara ao futuro, permitiría reducir a dous carrís de circulación dita avenida coa consecuente humanización desta rúa do Milladoiro.

Estudo da variante do Milladoiro

Ademais, o Director xeral de Estradas, Jorge Urrecho, a instancias dos representantes municipais comprometeuse a incluír dentro dos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 o inicio do estudo da variante do Milladoiro, para desviar o tráfico da avenida de Rosalía de Castro. De xeito paralelo, comprometéronse a realizar un estudo máis detallado das alternativas existentes e quedaron en trasladarllo ao Concello nas vindeiras semanas.

Rotonda a dúas alturas para o polígono e non ao tunel

Dende Fomento tamén falaron da recuperación do proxecto que recolle a execución dunha glorieta de dobre altura na rotonda de entrada ao Milladoiro (dende Santiago de Compostela), para solucionar os problemas de tráfico e posibilitar a desviación directa do tráfico rodado cara o polígono industrial Novo Milladoiro sen ter que chegar a dita rotonda. O director xeral trasladou aos representantes da corporación a inviabilidade da proposta presentada no seu día polo Concello para a execución dun túnel por importe de 65,3 millóns de euros. Dende o Ministerio conclúen que o investimento duplicaríase e sería irrealizable na actualidade.

Xuntanza coa conselleira de Infraestruturas

Dende o Ministerio de Fomento confirmaron que o vindeiro luns, 12 de marzo, van a ter unha xuntanza coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e a DGT, na que se abordará todas estas cuestións. Posteriormente, dende a corporación municipal solicitarase unha reunión coa Conselleira para coñecer o falado en dita xuntanza. Por último, cómpre destacar que dende o Ministerio de Fomento comprometeuse a trasladar unha previsión de datas para coñecer cando se van poder realizar tanto as medidas a curto prazo como as que están previstas de cara aos vindeiros anos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial