Frades aproba o POS + 2019 que destina máis de 200.000 euros a obras

0

Frades, 15 de decembro do 2018 –  O Pleno Municipal do Concello de Frades aprobou cos votos a favor do PP e a abstención do BNG, o Plan Único de Concellos POS+ 2019, que destinará 235.994,63 euros a obras e 217.464,82 euros a gasto corrente.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que por terceiro ano consecutivo o Concello de Frades non se acollerá ao PAI, dotado con 149.353,2 euros, xa que “somos un Concello sen débeda e se nos acolleramos incumpriríamos a regra de gasto e teríamos que facer un Plan Económico Financeiro”.

Os 99.057,16 euros da Achega de 2018 destinaranse integramente a un proxecto de obras que inclúe o arranxo de cinco camiños do municipio: camiño da igrexa a Reboredo (Vitre), camiño da AC-524 ao Ar (Abellá), camiño dos Canedos á igrexa (Mesos), camiño do mesón Ponte Carreira á DP-3802 (Gafoi) e camiño a Ulló (Céltigos). “Serán obras de arranxo de pistas, reparación de fochancas e realización de sobreanchos nestas pistas municipais”, explicou Roberto Rey.

 No que atinxe ao Plan Complementario, o Concello de Frades presentou un proxecto para o arranxo doutras 8 pistas municipais: camiño de Fontelo á igrexa (Aiazo), camiño As Corredoiras (Moar), camiño da Chousa a Reboredo (Galegos), camiño a Quintá (Papucín), camiño a San Paio (Añá), camiño a Receá (Ledoira), camiño ao Alto (Gafoi) e camiño a Galtar (Aiazo). En todos os casos trátase de obras de mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico, previa reparación de fochancas, e de ancheamento das pistas. Finalmente, os 217.464,82 euros da Achega 2019 serán destinados a gasto corrente.

148.789 euros menos ca en 2018

O alcalde de Frades lamentou que con estas cifras “o Concello de Frades e os seus veciños e veciñas recibirán 148.789,5 euros ca en 2018”. Neste sentido, explicou que a Deputación da Coruña pon este ano a disposición do Concello de Frades un total de 465.875,18 euros, fronte aos 614.664,68 euros do exercicio anterior. “Xa nos queixamos na Deputación porque non podemos entender que os orzamentos medren en 4,6 millóns de euros e despois haxa menos cartos dispoñibles para o POS 2019”.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xosé María Pérez, asegurou que “aínda que sexa certo ese recorte, segue sendo máis que cando gobernaban outros na Deputación. Gústame que te queixes, pero reclamádelle a todos porque os cartos son públicos”. Así mesmo, fixo unha comparación do incremento das achegas que a Deputación destina a nivel provincial á rede cultural ou a plans provinciais, así como a redución “de máis de 10 millóns en subvencións nominativas”.

Un punto no que o alcalde lle recomendou ao concelleiro que “revise ben os datos”, lembrándolle que “en catro anos o Concello de Frades recibiu unha única nominativa de 58.000 euros, cando concellos do PSOE e o BNG acaparan o 80% dos cartos entre 2015 e 2019. Nuns sitios fan sendas en todas as estradas provinciais e aquí atrasan a licitación de algo tan necesario como son as beirarrúas de Ponte Carreira”.

Neste sentido, no punto sexto da orde do día aprobouse remitirlle á Deputación uns planos que solicitara para o proxecto de arranxo dos pavillóns polideportivos de Abellá e Ponte Carreira, que se acometerán precisamente cunha subvención nominativa da institución provincial. Un proxecto que inclúe a substitución dos pavimentos dos polideportivos e a colocación de elementos de seguridade e que está orzamentado en 72.532,69 euros, dos que a Deputación achegará 58.026,15 euros e o Concello de Frades os 14.506,54 euros restantes. “Esta é a única nominativa para Frades neste catro anos”, apuntou o alcalde.

IBI

Por outra banda, o pleno municipal aprobou por unanimidade as 197 solicitudes daqueles veciños e veciñas que pediron a bonificación do 95% da cota íntegra do Imposto de Ben Inmobles (IBI) por ser inmobles nos que se desenvolven exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. Isto significa 7 novas incorporación sobre o ano pasado. Roberto Rey Martínez explicou que “grazas á bonificación que aprobamos, o Concello de Frades deixará de ingresar 18.465,46 euros, que quedarán nos petos dos nosos gandeiros”. 

O Pleno tamén aprobou por unanimidade o Plan Normativo 2019, que recolle as ordenanzas susceptibles de seren modificadas ou mesmo creadas ao longo dese ano. Así, o Concello contempla a posibilidade de crear ordenanzas para o uso da futura biblioteca/aula de informática que se vai instalar no multiúsos, un regulamento para a piscina municipal ou unha ordenanza para situacións de emerxencia social, entre outras.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial