Frades aproba os orzamentos para 2018

0

Frades, 20 de xaneiro do 2018 – O pleno municipal de Frades aprobou os Orzamentos para 2018, que ascenden a 2.087.505 euros e recollen un incremento do 10,68% en gasto social e do 3,56% en obras e infraestruturas. Unhas contas que saíron adiante cos 8 votos a favor do Grupo de Goberno e as 3 abstencións do BNG.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, indicou que os Orzamentos para 2018 “buscan a eficacia e a eficiencia do sistema municipal, co obxectivo de ser unha entidade solvente e ben xestionada que lle ofreza os mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. Neste sentido, Rey Martínez apuntou que os Orzamentos de 2018 “aumentan o investimento tanto en obras e infraestruturas como en servizos sociais, reducindo o endebedamento e o período de pago a provedores”.

Así, os orzamentos do Concello de Frades para 2018 preséntanse equilibrados e ascenden a 2.087.505 euros, o que supón un incremento do 1,93% no gasto e un descenso do 4,31% nos ingresos con respecto a 2017, ano no que os orzamentos presentaron un desequilibrio que obrigou a realizar un Plan Económico Financeiro para solucionar a situación.

Inversión en servizos sociais

Rey Martínez chamou a atención sobre o aumento do 10,68% no capítulo de transferencias correntes, que suporá un investimento de 139.455 euros en axudas de emerxencia social, subvencións a entidades sen ánimo de lucro e achegas ao Obradoiro de Emprego e á Mancomunidade de Ordes. Neste punto, o alcalde puntualizou que “estimamos que para o exercicio 2018 teremos que achegar uns 45.000 euros á Mancomunidade para prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a dependentes e en libre concorrencia”. Neste sentido, salientou que a Xunta achega 118.000 euros para financiar 12.166 horas do SAF a dependentes mentres que a Deputación achega 16.080 euros para financiar 1.340 horas no SAF de libre concorrencia.

Así mesmo, Rey Martínez apuntou que o Concello de Frades investirá 920.827,06 euros, o 44% do total do orzamento de gastos, “para dar cobertura a todos os servizos municipais e ás diferentes actividades culturais e deportivas promovidas polo Concello”. A pesar de que os servizos básicos se incrementan notablemente (abastecemento de auga potable, parques e xardíns, centros docentes, accesos a núcleos de poboación, servizos de benestar, sanitarios, culturais, deportivos…) o Capítulo 2 dos orzamentos redúcese un 0,5% con respecto a 2017. Unha redución que se explica “pola aplicación das medidas de aforro enerxético levadas a cabo por este Concello e que foron recollidas nos Orzamentos de 2016, como a realización dunha auditoría que nos permitiu contratar unhas potencias de luz adaptadas ás verdadeiras necesidades municipais”, explicou o alcalde.

Obras e infraestruturas

No que atinxe ao Capítulo 6 (Investimentos Reais) aumenta un 3,56% con respecto ao 2017, ascendendo ata os 598.775,70 euros e representando o 28,68% do orzamento actual. A pesar deste incremento do investimento, Roberto Rey puntualizou que “só están orzados os investimentos para os que existe a data de hoxe resolución de concesión da subvención correspondente, o que non significa que ao longo do ano poidamos recibir novas subvencións para investimentos”. Neste sentido exemplificou con dúas subvencións solicitadas ao IDAE por un importe de 240.000 euros.

Neste capítulo inclúense os dous proxectos do Plan Único de Concellos “POS+2018”, “Camiño a Tatrentos (Añá) e outros”, orzamentado en 97.828,33 euros, e “Camiño a Fontao (Abellá) e outros”, por 112.451,69 euros, que inclúen o arranxo total de 12 camiños nas distintas parroquias. Tamén se contemplan outros 149.281,92 euros correspondente ao Complementario do POS 2017, “Camiño Carballal-Consello (Mesos) e outros”. Tamén se inclúen 71.941 euros do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2017-2018 e os 14.000 euros do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2018-2019.

Outros investimentos significativos son os 70.000 euros para dotación de equipamento do edificio multiúsos de Frades, os 18.000 euros para o subministro dun novo tractor para o Concello ou os 20.000 euros para instalar un pozo de barrena que garanta a calidade do subministro de auga no municipio, en especial en momentos de seca.

Pola súa banda, o concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, chamou a atención sobre os reducidos gastos de persoal cos que o Concello de Frades pode facer fronte a todo este traballo pois “representan só o 20% do orzamento, é un dos máis baixos de Galicia”.

Máis ingresos polo PXOM

Finalmente, no que atinxe ao capítulo de ingresos rexístrase unha baixada do 4,31% con respecto a 2017. Unha baixada que se xustifica principalmente na caída dun 37,62% dos ingresos procedentes de impostos indirectos, fundamentalmente a través do Imposto sobre Bens Inmobles. “No exercicio de 2017 produciuse o proceso de regularización catastral que provocou a esixencia das cotas devengadas de ata 4 anos anteriores”, explicou Rey Martínez, e iso a pesar dos case 18.000 euros que o Concello deixou de ingresar debido ás bonificacións do 95% para actividades agrogandeiras.

Pola contra, agárdase en 2018 un incremento dos impostos indirectos, que se estiman en 55.000 euros. “Aumenta con respecto a 2017 debido a que se estiman novas construción grazas á aprobación do PXOM, que permitirá construír novas vivendas nos novos núcleos rurais delimitados”, explicou o alcalde fradense. Os ingresos por taxas serán de 187.124,44%, o 9% do total dos ingresos.

No que atinxe ás transferencias correntes, que representan o 50,17% do orzamento, ascenden a 1.047.207,99 euros, das que 485.340,24 euros son de participación nos tributos do Estado e 209.979,96 euros son de participación nos tributos da comunidade autónoma. Da Xunta de Galicia están previstas transferencias por valor de 98.813,92 euros (prevención de lumes, brigada contra os lumes, Aprol rural, PXOM:..) e 24.750 euros da Deputación da Coruña (animador deportivo, rede cultural e socorrista), que se suman aos 214.323,87 euros do POS 2018.

Debate

Dende as filas do BNG, o seu voceiro Xosé María Pérez Lagos, só botou en falta “un plan de inversións para facer fronte á vespa asiática”, unha proposta á que o alcalde de Frades respondeu que “seguiremos a facer cursos e charlas sobre como facer trampas pero non imos ir sacar os niños porque non temos persoal. Hai concellos veciños que teñen pértegas pero teñen ao persoal desbordado e outros o confían a Protección Civil, pero Frades non ten Protección Civil. Nós seguiremos con Tragsa e faremos accións de concienciación entre a poboación”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial