Frades aproba os orzamentos para 2019

0

Frades, 30 ade abril do 2019 –  O pleno municipal de Frades aprobou os Orzamentos para 2019, que ascenden a 2.335.623 euros e recollen un incremento do 13% en gasto social e do 18% en obras e infraestruturas.

Os orzamentos saíron adiante cos 8 votos a favor do Grupo de Goberno e as 3 abstencións do BNG. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, indicou que estas contas “buscan a eficacia e a eficiencia do sistema municipal, co obxectivo de ser unha entidade solvente e ben xestionada que lle ofreza os mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. Neste sentido, Rey Martínez apuntou que “aumentan o investimento tanto en obras e infraestruturas como en servizos sociais, mantendo o nivel de endebedamento bancario cero e a máxima celeridade no pago a provedores”.

Os orzamentos aumentan un 13% no capítulo de transferencias correntes, o que supón un investimento de 159.455 euros en axudas de emerxencia social, subvencións a entidades sen ánimo de lucro e achegas ao Obradoiro de Emprego e á Mancomunidade de Ordes. Neste punto, o alcalde explicou “estimamos que para o exercicio 2019 teremos que achegar máis de 65.000 euros á Mancomunidade para prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a dependentes e en libre concorrencia”. Neste sentido, salientou que Frades pasou de prestar 7.960 horas en 2015 aos 15.240 previstos en 2019.

O alcalde apuntou tamén que o Concello de Frades investirá 977.285,44 euros, o 42% do total do orzamento de gastos, “para dar cobertura a todos os servizos municipais e ás diferentes actividades culturais e deportivas promovidas polo Concello”.

Obras e infraestruturas

No  Capítulo 6 (Investimentos Reais) aumenta un 11% con respecto ao 2018, ascendendo ata os 732.104,65 euros e representando o 31% do orzamento actual. Un capítulo que inclúe 71.941,76 euros do AGADER para o arranxo de camiños rurais, 246.186,59 euros do POS Complementario 2019, 99.057,16 euros do POS 2019 e os 150.832,95 euros do POS Complementario 2018, onde o Concello de Frades achegará 21.429,86 euros.

Así mesmo, o Concello de Frades deixa orzamentados proxectos como a mellora e remodelación do parque público e infantil de Ponte Carreira, que se acometerá a través dunha achega da Vicepresidencia da Xunta; e a humanización desta praza, solicitada hai unhas semanas á Consellería de Medio Ambiente. Finalmente, dótase de orzamento a construción do local social de Añá, na que o Concello de Frades asumirá o 50% do coste e o 50% restante correrá a cargo do Plan Leader.

Arranxos da N-634

O Pleno tivo unanimidade para esixirlle ao Ministerio de Fomento a execución do proxecto de acondicionamento e mellora da antiga estrada N-634 ao seu paso polo núcleo de Ponte Carreira. “Trátase dun proxecto valorado nuns 350.000 euros e que inclúe o arranxo da antiga estrada N-634 ao seu paso por Ponte Carreira, así como a construción dunha senda peonil onde rematan as beirarrúas”, explica Roberto Rey. Pola súa banda, o Concello de Frades asumiría a titularidade da estrada.

A petición aséntase nun informe da arquitecta municipal que denuncia que “o estado da N-634 ao seu paso por Frades, tanto no seu tramo urbano como interurbano, presenta moitas deficiencias que dificultan o tránsito de peóns e condutores e que supoñen un problema na seguridade viaria dos mesmos, polo que é necesario o seu arranxo”. O informe recolle que “o tramo urbano ten o estado do firme moi deteriorado, con grietas e elementos desprendidos, as beirarrúas teñen rebentados os seus bordes e non existe ningún paso peonil en todo o traxecto. Ademais, as dúas vías de servizo presentan grandes fochancas e desperfectos”.

Rey Martínez explicou que xa mantivo reunións coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e que é preciso solicitar o seu arranxo antes de plantexarse calquera posibilidade de cesión da infraestrutura ao Concello. “Espero que o novo Goberno acceda a realizar estas melloras porque son moi necesarias e xa foran aceptadas polo Goberno de Mariano Rajoy, que mesmo deixara elaborado o proxecto”, explica Roberto Rey. Unha actuación para a que non sería preciso nin facer expropiacións nin elaborar informe de impacto ambiental ningún.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial