Frades abre o prazo de inscrición na V Carreira Pedestre Popular,

0

Frades, 12 de abril do 2018 – O Concello de Frades convoca a quinta edición da súa Carreira Pedestre Popular, que terá lugar durante a tarde do sábado 12 de maio e repartirá 1.225 euros en premios.

A V Carreira Pedestre Popular, organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo, terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha extensión de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta. Unha proba incluída no VI Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña. As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.emesports.es. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (pitufos, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís –é dicir, de 17 ou menos anos) mentres que os demais atletas (júniors, promesas, sénior e veteranos) deberán achegar 5 euros. O prazo de inscrición estará aberto ata as 23:59 horas do xoves 10 de maio Non se admitirán inscricións fóra dese prazo.

Premios

O Concello de Frades destina un total de 1.225 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros) e para os tres mellores equipos tanto na categoría masculina como feminina (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus 8 primeiros corredores en cruzar a liña de meta.  Ademais dos premios en metálicos, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais ao club-entidade-colexio que aporte máis corredores e trofeo para os tres primeiros clasificados/as empadroados en Frades. Así mesmo, o Concello de Frades entregará medallas a todos os participantes escolares. Os trofeos non serán acumulativos, agás os correspondentes aos atletas locais. Só se admitirá a participación de clubs federados nos premios en metálico, que terán que presentar o listado dos atletas co selo oficial da Federación Galega de Atletismo ou, no seu defecto, da Delegación correspondente. Na confección do Club non poderán entrar atletas pertencentes a outros clubs nin filiais do mesmo. Ademais, os equipos poderán ser masculinos ou femininos, non mixtos.

Probas

A V Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase a partir das 17:00 horas na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 18:30 horas, percorrerá 8,6 quilómetros nunha ruta que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun Chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas a disposición de todos os atletas no polideportivo municipal. As probas escolares darán comezo ás 17:00 horas coas categorías Pitufo-Biberón-Sub 6 (nados en 2013 e posteriores) que farán un percorrido de 300 metros (unha volta á praza). Ás 17:10 horas será a quenda dos prebenxamíns-sub 8 (nados entre 2011 e 2012), que percorrerán 500 metros. Os benxamíns-sub 10 (2009-2010) e alevíns-sub 12 (2007-2008) sairán ás 17:20 e ás 17:30 horas, respectivamente, para percorrer unha distancia de 800 metros. Ás 17:45 horas tomarán a saída dos infantís e as cadetes feminino (2003-2004-2005-2006), cun percorrido de dous quilómetros. Finalmente, os cadetes masculino e xuvenís (2001-2002-2003-2004) percorrerán 3 quilómetros ás 18:00 horas.

O Concello de Frades entregará medallas a todas persoas que participen nas categorías escolares (de biberón a cadete), así como unha camiseta conmemorativa a todas as persoas participantes. Tamén haberá un avituallamento con froita e bebida  ao remate da proba.

A V Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Galega 100%, Cooperativa Leiteira de Frades, Feiraco, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Nutri Sport, Infantilandia, Camba Distribuciones SL, Eurofrut, Bebidas Jesús Bendaña Ramos SL, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Froitería A Nova, Pepsico, Erimsa, Carreiras Galegas e Correr en Galicia.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial