As últimas eleccións foron algo agridoces para o alcalde de Frades Roberto Rey. Mantivo a maioría absoluta pero perdendo un concelleiro, o BNG pasou de 3 a 1 concelleiro e o Psoe, impulsado polos resultados nacionais, pasou de non ter representación a conseguir 3 concelleiros.
Roberto Rey recoñece que se viron sorprendidos pola perda do concelleiro. Non contaban con mellorar resultados no contexto actual pero despois de todo considera que non son malos datos
O alcalde móstrase contento do traballo do seu equipo na lexislatura pasada pero non o está cos resultados. A burocracia administrativa, o cambio da lei de contratos entre outras cousas, impediu licitar case medio millón de euros en obras que están agora a piques de comezar
O pasado verán o concello conseguiu rematar unha rede de abastecemento que chega ao 98% da poboación. Para este primeiro ano as melloras nas estradas e en distintas instalacións son algunhas das prioridades
O novo plan de transporte metropolitano contempla a unión das liñas Santiago Ordes Coruña co rural por medio de transbordos. Frades leva reclamando catro anos a integración en este transporte e pide que os xoves que se desprazan a estudar aos núcleos máis grandes teñan o mesmo trato que os que viven no rural
“Non entendemos que haxa mozos que non pagan nada e os do rural teñen que facelo incluso para ir ao instituto”
A Xunta ven de conceder, cunha certa polémica, novas licenzas de extracción de cuarzo a ERIMSA. Rey destaca que a decisión final a toma o propietario dos terreos
Por outra banda a oposición na comarca a instalación de muíños de vento é cada vez maior. Frades non está moi afectado pero o alcalde reuniuse coa consellería de industria en varias ocasións sen que polo momento haxa demasiados datos sobre como será a instalación
“é difícil saber que pasará cos eólicos, polo momento cambiaron os plans varias veces, pero imos presentar alegacións”
Para estes catro anos Roberto Rey ten a vista posta nun proxecto, un novo centro sociocomunitario. Abandonada a idea dun centro de día, xa que os maiores prefiren a atención domiciliaria, este espazo chegaría a toda a poboación e contaría con distintas actividades
Despois da primeira lexislatura na que se presentaba como alcalde, no 2015, ven de renovar o cargo con maioría absoluta, nun contexto político moi complexo e cunha campaña moi tensa; é unha confirmación de que o traballo realizado foi valorado pola veciñanza.
Ao longo do próximo ano e medio celebraranse dúas eleccións cruciais para concellos como o de Frades, estaremos atentos a ver que sucede e como lles afecta.