займ срочно

Frades permite a conformación dos grupos municipais do PSOE e do BNG a pesar de que o solicitaron fóra de prazo

0

Frades, 6 de xullo do 2019 – A concordia presidiu a sesión de organización do Concello de Frades. Unha sesión cuxo inicio se demorou debido a un erro cometido por PSOE e BNG, que non entregaron en tempo e forma a súa petición de constitución como grupos municipais.

A secretaria municipal confirmou que os grupos municipais non foron constituídos en prazo, pois a petición foi presentada o 4 de xullo cando o artigo 23 do ROF establece 5 días hábiles dende a constitución da corporación, neste caso, o 15 de xuño. Aínda que os socialistas presentaran dúas sentenzas xudiciais de Madrid e Murcia nas que se admitía a constitución dos grupos fora deses 5 días, a secretaria indicou que había moitas máis sentenzas en contra, polo que deixou en mans do Pleno a decisión de admitir ou non a constitución dos grupos municipais do PSOE e BNG ou a súa constitución como un único grupo mixto.

O alcalde, Roberto Rey Martínez, indicou que “como acto de boa vontade, imos aceptar a constitución dos grupos políticos”. Algo que agradeceron tanto o voceiro socialista, Enrique Astray, pois “o erro foi noso, polo que agradecemos o xesto de boa vontade do pleno”; como do voceiro do BNG, Manuel Míguez, quen dixo que “se hai un ferro ao que agarrarse, agradécese porque hai que dar a máxima pluralidade posible”. A constitución dos grupos foi aprobada, pois, por unanimidade.

Cambio nas sesións

Unanimidade que se mantivo no cambio de periodicidade das sesións plenarias, nas que o alcalde aceptou a petición dos grupos da oposición de facer plenos os segundos venres de cada mes impar, ás 13:30 horas. A petición de adiantar ou atrasar a hora por parte do BNG non foi aceptada xa que “é a hora que mellor lles vai aos concelleiros, pois moitos muxen pola noite ou a primeira hora da mañá”.

O pleno aprobou, cos 7 votos a favor do PP e as 4 abstencións de PSOE e BNG, reeditar as dúas dedicacións exclusivas da lexislatura anterior: unha de 38.612,06 euros brutos anuais para o alcalde e outra de 24.6178,04 euros brutos anuais para o terceiro tenente de alcalde e concelleiro de Economía e Facenda, Ensino, Sanidade, Medio Rural, Limpeza Viaria, Infraestruturas, Servizos e Obras, Manuel Ferreiro Marzoa.

As asignacións aos grupos municipais foron aprobadas por unanimidade: 100 euros /mes por grupo e 100 euros/mes por cada concelleiro, xa que “todos os políticos tendes que ter unha asignación polo labor que realizades. Penso que son xustas e dentro da media dos concellos do noso tamaño”. Tamén se aprobaron as contías por asistencia a órganos colexiados: 125 euros por Plenos (25 euros máis ca a lexislatura anterior), 150 euros por Xuntas de Goberno Local e 100 euros por comisións. A medida foi aprobada cos votos a favor de PP e PSOE e coa abstención do BNG. A Xunta de Goberno local, integrada polo alcalde e os tres tenentes de alcalde, reunirase 3 veces ao mes e haberá dúas comisións informativas, que se reunirán cada dous meses e estarán integradas por 4 membros do PP, 2 do PSOE e 1 do BNG, sendo o alcalde Roberto Rey o presidente de ambas.

A asignación de Concellerías queda do seguinte xeito:

Roberto Rey Martínez, alcalde con competencias en Urbanismo, Comunicación, Réxime Interior, Persoal, Dinamización Demográfica e Relacións Veciñais.

Ángeles Álvarez Carro, 1ª tenente de alcalde e concelleira de Benestar Social, Muller, Igualdade, Conciliación e Atención ao menor

Jesús Miguel Prado Cea, 2º tenente de alcalde e concelleiro de Promoción Económica, Promoción Industrial, Medio Ambiente, Emprego e Formación.

Manuel Ferreiro Marzoa, 3º tenente de alcalde e concelleiro de Economía e Facenda, Ensino, Sanidade, Medio Rural, Limpeza Viaria, Infraestruturas, Servizos e Obras

Jesús Francos Sánchez, concelleiro de Maiores, Feiras e Mercados, Turismo e Piscina Municipal.

Óscar Botana Rúa, concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alumeado Público e Aforro Enerxético.

Juan Carlos Portos Bra, concelleiro de Cultura, Deportes, Patrimonio e Xuventude.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies