займ срочно

Frades, Ordes e Mesía pedirán  á Xunta o arranxo da AC-524 en Abellá

0

Frades, 12 de xuño do 2018 –  O pleno ordinario do concello de Frades acordou solicitar a Xunta de Galicia o arranxo da estrada AC-524 ao seu paso por Abellá que según os últimos informes técnicos atópase en moi mal estado.

O arranxo da estrada de Abellá será tamén solicitado polos concellos de Ordes e Mesía, facendo unha fronte común en esta demanda. Según explicou o alcalde, Roberto Rey “temos un informe técnico que corrobora que esa estrada presenta un deterioro importante que dificulta o tránsito de vehículos e supón un risco para a seguridade viaria. Os Concellos de Ordes e Mesía tamén van facer o mesmo e os tres alcaldes pediremos unha reunión coa conselleira para exporlle este problema”.

Beirarrúas entre o colexio e Ponte Carreira

Tal como estaba previsto o pleno aprobou o proxecto de remodelación das beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e o colexio, aprobado inicialmente pola Deputación da Coruña e orzamentado en 198.735,29 euros. O proxecto que inclúe a reconstrución de 1.360 metros de beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e a zona na que se emprazan o colexio, o polideportivo municipal e a igrexa parroquial da localidade, á beira da estrada CP-3082 Ordes-Ponte Carreira. O proxecto inclúe a mellora da contorna, coa colocación de 19 alcorques para acoller árbores, a canalización do alumeado público e a instalación dunha varanda metálica de 346 metros, para mellorar a seguridade dos peóns, en especial dos moitos nenos e nenas que empregan a diario estas beirarrúas. O voceiro do BNG, Xosé María Pérez, agradeceu o investimento da Deputación pois “hai moitos anos que esas beirarrúas están mal e foi este Goberno quen as realiza”. Un agradecemento ao que se sumou o alcalde de Frades, Roberto Rey, lembrando que “esta obra é un compromiso do anterior presidente provincial, pero agradecémoslle ao deputado de Obras, José Manuel Pequeño, que asumise coma seu ese compromiso hai dous anos”. Neste sentido, Rey Martínez apuntou que “é mellor reparar beirarrúas en mal estado que estar abrindo sendas peonís por onde non pasa nin os paxaros”.

Plan Complementario

Tamén relacionado coa Deputación, o Concello de Frades comprometeu unha achega de 21.429 euros para a realización dos dous proxectos presentados ao Plan Complementario da Deputación da Coruña POS+2018. “Como o importe dos proxectos é de 150.832 euros e a achega provincial é de 129.403 euros, nos propuxeron facer só un dos proxectos e destinar o resto ao pago de facturas. Como en Frades non temos nin facturas pendentes nin débeda bancaria, preferimos achegar nós a diferenza de fondos propios e facer os dous proxectos en beneficio dos nosos veciños e veciñas”, explicou o alcalde Roberto Rey Martínez.

O Plan Complementario do Plan Único de Concellos “POS+ 2018” inclúe os “Accesos ao Casal (Vitre) e outros”, proxecto que está orzamentado en 64.836,02 euros e inclúe cinco actuacións: mellora dos accesos ao Casal (Vitre), á Igrexa de Galegos e ao Cemiterio de Añá, así como o bacheo e arranxo do camiño Castro-Cruz do Canedo e o camiño da Taberna á Vila, ambos na parroquia de Abellá. O segundo proxecto, “Camiño Igrexa a Devesa (Aiazo) e outros”, está orzamentado en 85.996,93 euros e inclúe melloras en catro camiños: camiño Igrexa a Devesa (Aiazo), camiño entre o local social e a N-634 (Céltigos), camiño entre Devesa e Oroso e o camiño entre San Martiño e San Mauro (Frades).

Frades libre de eólicos

Tras aprobar unha corrección da ordenanza fiscal reguladora do IBI, todos os concelleiros presentes ratificaron a “declaración institucional dos Concellos de Frades, Mesía, Ordes e Oroso sen eólicos”. Roberto Rey explicou que, a diferenza de Ordes onde non todos os concelleiros respaldaron a moción, a secretaria municipal emitirá un Certificado Plenario de que o Concello de Frades está en contra dos proxectos de construción dos parques eólicos promovidos pola empresa Green Capital Power, denominados Monte Inxerio e Gasalla.

Roberto Rey explicou que o Concello de Frades non pode denegar a instalación da torre de control, solicitada pola empresa, pero anuncia que “imos solicitar ser parte interesada para ter constancia de toda a tramitación. Como non son proxectos de especial interese, requirirán moitos informes sectoriais e agardamos que moitos deles sexan en contra e non se leve a cabo”. O alcalde volveu insistir en que “non se trata dunha declaración contra a enerxía eólica, senón contra estes proxectos en concreto e que xeran un importante rexeitamento das veciñas e dos veciños, sobre todo nunha zona totalmente concentrada e marcada polo seu óptimo aproveitamento rural, agrícola, gandeiro e forestal. Non estamos contra a enerxía eólica, pero pensamos que éste non é o espazo axeitado”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies