Frades aproba por unanimidade o POS 2018

0

Frades, 19 de decembro do 2017 – O Pleno Municipal do Concello de Frades aprobou  por unanimidade o Plan Único de Concellos POS 2018, que destinará 361.112,97 euros a obras e 214.323,87 euros a gasto corrente.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que por segundo ano consecutivo o Concello de Frades non se acollerá ao PAI, dotado con 190.060,69 euros, xa que “somos un Concello sen débeda e se nos acolleramos incumpriríamos a regra de gasto e teríamos que facer un Plan Económico Financeiro”.

Así, os 210.280,02 da Achega de 2017 destinaranse a dous proxectos de obras, que “inclúen traballos de reparación de camiños e tamén anchear varias pistas, para conseguir que teñan cando menos cinco metros de ancho. Como son uns traballos moi caros, nestes proxectos só van os sobreanchos”, explicou Roberto Rey.

POS 2018

O primeiro dos proxectos incluído no Plan Único de Concellos POS 2018 é “Camiño a Tatrentos (Añá) e outros”, orzamentado en 97.828,33 euros e que inclúe sete actuacións: mellora dos accesos a Currillos (Vitre), á área recreativa da Presa (Ledoira), ás Quintas (Ledoira), á Capela de San Nicolao (Frades) e ao depósito municipal de auga (Gafoi), así como mellora dos camiños entre Fontelo e DP-3802 (Aiazo) e do camiño a Tarrentos (Añá).

O segundo proxecto, “Camiño a Fontao (Abellá) e outros”, conta cun orzamento de 112.451,69 euros e inclúe outras cinco actuacións noutros tantos camiños: camiño a Fontao (Abellá), camiño entre Pedreira do Medio e Moar (Moar), camiño de Vista Alegre ao Pazo (Galegos), camiño de Quintán ao Cemiterio de Abellá e camiño do Consello a Zochal (Papucín).

Plan Complementario

No que atinxe ao Plan Complementario do Plan Único de Concellos POS 2018, orzamentado en 150.832,95 euros, inclúe tamén dous proxectos. O primeiro deles, “Accesos ao Casal (Vitre) e outros”, está orzamentado en 64.836,02 euros e inclúe cinco actuacións: mellora dos accesos ao Casal (Vitre), á Igrexa de Galegos e ao Cemiterio de Añá, así como o bacheo e arranxo do camiño Castro-Cruz do Canedo e o camiño da Taberna á Vila, ambos na parroquia de Abellá.

O segundo proxecto, “Camiño Igrexa a Devesa (Aiazo) e outros”, está orzamentado en 85.996,93 euros e inclúe melloras en catro camiños: camiño Igrexa a Devesa (Aiazo), camiño entre o local social e a N-634 (Céltigos), camiño entre Devesa e Oroso e o camiño entre San Martiño e San Mauro (Frades).

Por outra banda, os 214.323,87 euros da Achega 2018 serán destinados a gasto corrente, concretamente a gastos de alumeado público (máis de 140.000 euros), lixo (52.000 euros) e financiamento de proxectos procedentes das distintas liñas de subvención.

Debate

Ambos grupos municipais coincidiron na necesidade de todas estas obras e na necesidade de acometer moitas máis, algunhas das cales serán recollidas nos Orzamentos de 2018, que serán presentados na primeira semana de 2018. Neste sentido, o voceiro do BNG, Xosé María Pérez, recordou o ofrecemento do alcalde á oposición de presentar iniciativas ao POS, se ben recoñeceu que “este ano non fixemos ningunha”. Así mesmo, indicou que “algo que vexo moi ben este ano é o de anchear as pistas, pois é algo que se debería facer en todas”.

Pola súa banda, Roberto Rey recordou que “este ano non se presentou nada. O ano pasado, si e se colleron obras” e aproveitou tamén para solicitar o apoio do BNG na Deputación pois “estamos esperando dende xullo unha xuntanza co presidente da Deputación e non hai maneira e penso que, sendo o BNG parte do Goberno da entidade provincial, tamén poden presionar para que se fagan as beirarrúas da Ponte Carreira, un proxecto que presentamos hai anos, que sempre se di que vai ir adiante pero que non se dá licitado”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial