O V Torneo Fútbol Base V8 de Lousame contará con equipos do Barbanza, Costa da Morte, Santiago e A Barcala

0

Lousame, 25 de abril do 2017 –  O campo de fútbol de Cabanetán (Lesende-Lousame) acollerá o domingo 30 e o luns 1 de maio a quinta edición do Torneo Fútbol Base F-8 Lousame 2017.

O torneo reunirá a máis de 1.500 persoas, entre xogadores e familiares e no que se darán cita un total de 34 equipos das comarcas do Barbanza, Costa da Morte, Santiago e A Barcala, así como un conxunto de León, das categorías prebenxamín (6-7 anos), benxamín (8-9 anos) e alevín (10-11 anos).

O Torneo de Lousame foi presentado pola concelleira de Deportes, María Reguenjo; o primeiro tenente de alcaldesa, Ramón Martínez; e o director do torneo e presidente do recén constituído Club Lousame Deporte, Néstor Romero, quen estivo acompañado por Eduardo Agraso e José Manuel Outeiral, membros da directiva do club. Regenjo salientou que este torneo “abre un mes moi deportivo en Lousame, onde o 14 de maio teremos a VIII Marcha BTT Cronometrada organizada polo Club BTT Triatlón O Treito e o 21 de maio teremos a III Carreira Popular Pilar Barreiro Senra”.

María Regenjo salientou que este torneo naceu “porque non había outra iniciativa semellante na contorna e porque pensamos que é importante promover o deporte dende as idades máis temperás. Ademais, o torneo de Lousame é tamén algo para toda a familia, que veñen a Lousame a disfrutar dunha xornada de deporte e de lecer, pois haberá zonas con inchables e xogos para os nenos”. Así mesmo, felicitou ao Club Lousame Deporte pola organización do evento e “por levar o nome de Lousame para que o coñezan en moitos lugares. Que este ano participe un club de León é importante”.

Participantes

Pola súa banda, o presidente do Club Lousame Deporte e técnico municipal de Deportes, Néstor Romero, coincidiu en que “o torneo naceu porque non había outro semellante na zona e queriamos involucrar aos equipos do Barbanza. Despois viñeron equipos do Deza e de Santiago. E este ano intentamos variar e que houbera equipos doutras zonas como Costa da Morte e A Barcala, ademais do Barbanza e Santiago”.

En total, o torneo reunirá a 34 equipos das categorías prebenxamín (8), benxamín (12) e alevín (14). Os prebenxamíns xogarán na mañá do domingo 30 de abril divididos en dous grupos de catro equipos cada un. O luns 1 de maio será a quenda dos benxamíns e alevíns, con partidos dende as 9:00 horas ata ben entrada a tarde-noite. Entre os equipos participantes “temos que facer unha especial mención ao Caboalles CD, de León, que se puxo en contacto con nós”, explica Néstor Romero.

O resto de equipos participantes son: Unión Club Deportiva Cee, Xallas FC, SD Negreira, SD Villestro, Asociación Deportiva Burgo das Nacións, SD O Pino, Bastavales UD, AD Cruído, Noia CF, Boiro CF, Xuventude Aguiño, Outes FC, Atlético Riveira e Crocha CF. A día de hoxe estase pendente da confirmación do Sporting Estrada. “É un éxito porque temos rapaces dun radio de 60-70 quilómetros arredor e veñen clubs que non adoitan vir por esta zona, pero que escoitaron falar ben do torneo”.

Pola súa banda, Eduardo Agraso, membro do Club Lousame Deporte, agradeceu a colaboración dos colaboradores, “pois sen eles é moito máis difícil”, así como do Concello de Lousame. do Club de Fútbol Lesende e da Federación Galega de Fútbol. Entre os patrocinadores figuran: Soñora Fernández SLU, Lolita Moda, Plus Ultra Seguros, Elgasa, Autos Patiño, Fisioterapia Cinesia, Paco´s Moda, Autos Comparado, Muebles Muñiz, Deportes Casais, Silmaplast e Excavaciones, Transporte, Obras y Servicios M. Rodríguez SL.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial