займ срочно

Galicia Escena Pro pecha as portas da quinta edición

0

Compostela, 15 de xuño do 2017 –  A quinta edición de Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas que organiza en Santiago a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, chega á súa fin coa exhibición dos últimos catro espectáculos programados e a sesión de presentación de novos proxectos en formato pitching.

A última das catro xornadas do encontro comezará ás 11,00 h. na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE, onde a compañía Redrum Teatro presentará a peza de teatro infantil A nena que quería navegar, obra escrita e dirixida por Álex Sampayo que aborda un problema tan preocupante como o do acoso escolar. Laura Míguez, Guillermo Carbajo e Carlos Álvarez-Ossorio interpretan este espectáculo, que busca achegarlles aos nenos e nenas ferramentas para previr o acoso desde o reforzo positivo.

A Fundación SGAE será tamén o escenario da sesión de pitching, organizada por terceiro ano consecutivo dentro de Galicia Escena PRO co obxectivo de impulsar a difusión de novos traballos escénicos xa desde os momentos iniciais do seu proceso de produción.

Avance en primicia

De novo, serán 10 as formacións que lles avanzarán en primicia aos programadores acreditados os proxectos nos que están a comezar a traballar: A Panadería con Elisa e Marcela, Artesacía con Chola; a it girl, Compañía Nelson Quinteiro con Burlesque night show, Contraproducións con Nacidas libres, Fantoches Baj con Os golfiños e o xigante, Ibuprofeno Teatro con Casa O’Rei. Traxicomedia gastronómica, Kokoharuka con Este es de aire el otro de agua, Os Monicreques de Kukas con Réquiem para un monicreque, Pérez&Fernández con Agurartrat! e Producións Teatrais Excéntricas con Cranios privilexiados… ou crítica da razón perralleira.

O programa de exhibición continuará ás 17,30 h. no Auditorio Abanca con Castrapo, a cargo da compañía de recente creación Os Náufragos Teatro. Gustavo del Río é o autor e director do espectáculo, que tamén interpreta xunto a Denis Gómez e Victoria Teijeiro. Castrapo conta a historia dunha viaxe en tren cara á Coruña dende Madrid, durante a que o protagonista se atopa co seu pasado e coa necesidade de procurar as súas raíces.

Ás 19,30 h. o Teatro Principal acollerá a montaxe Ubú Rei, adaptación da coñecida obra de Alfred Jarry pola compañía Talía Teatro. Roberto Salgueiro asina a versión e a dirección desta comedia, que poñen en escena Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo, Marta Lado, Dani Trillo e Rubén Prieto.

Peche con Teatro do Atlántico

Finalmente o Salón Teatro será o espazo no que se baixará o pano desta quinta edición de Galicia Escena PRO, ás 22,30 horas, coa representación de Helena: xuízo a unha lurpia, de Teatro do Atlántico. A obra de Miguel del Arco, que dirixe Xúlio Lago, está protagonizada por María Barcala. A actriz dálle vida a Elena de Troia, quen se dirixe aos espectadores para lles explicar a súa versión dos feitos que marcaron os principais episodios da súa vida.

Concluirán así catro intensos días de actividade, durante os que se puideron ver en Santiago as últimas propostas de teatro, danza, maxia e circo de 19 compañías (17 galegas e dúas de Castela e León) e que congregaron máis de 160 axentes culturais de toda Galicia e do resto da Península Ibérica, entre representantes de espazos escénicos, mostras, festivais, circuítos, compañías e distribuidoras.

Como en anos anteriores, as representacións son de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente desde unha hora antes do comezo do espectáculo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies