A Ghost Story e It na particular visión de Mandingo, o noso crítico de cine

0

Mandingo recupera dúas estreas do mes pasado, que quedaron apartadas pola actualidade inmediata do festival de Cineuropa que copou toda atención (dispersa, iso sí), do noso crítico de cabeceira (¡qué imos facer; é ó que temos!). Velaí vai…

Coma achéganse as tan sinaladas datas do Nadal, qué mellor que visionar dúas películas de terror para ir amoldando o corpo. Vai pouco comentabamos que tíñamos a sensación que ó xénero estaba a rexurdir nas súas propostas formais, tanto de historias coma de técnicas narrativas. Maltratado durante moitos anos por producións repetitivas, pode que haxa esperanza no visto nos últimos anos. Hoxe traemos a escea dous exemplos disto.

A primeira película a debate é a “indie”  A GHOST STORY (2017) de David Lowery, que tamén asina o guión. Moi persoal e curioso retrato fantasmagórico da soidade e da loita por non caer no esquecemento para os nosos seres queridos. O protagonista agarda a alguén, coma ó seu veciño, aínda que este non lembre a quén. Caricaturizados ambos inicialmente pero que no transcurso da metraxe, vémolo coma un acerto, á marxe da evidente homenaxe á pantasma do CHIHIRO de Miyazaki.

Cun tempo narrativo nas lindes do autoonanismo artístico case que rozando á petulancia, é un dos grandes logros do filme. Os tiros da cámara fixa en planos medios, pausados no ritmo, contando os segundos, un… dous… tres… catro… cinco… seis… (¡demo, non acontece nada!), sete… oito… nove… (segue crecendo a planta de Rohmer…), dez… once, ¡oh, vaia!, ¡levántase coma Lázaro!. “Vale, entonces non é fatuidade”, dicímonos. Vai toda unha laboriosa planificación e encaixe de guión, story board e montaxe (excelente, por certo, ó traballo de David Lowery).

E todo vai da man grazas a poderosa carga visual resaltada pola fotografía de Andrew Palermo, boa labor que remóntanos a mellor imaxinería do máis onírico Néstor Almendros, e os seus fríos amenceres para Terrence Malick ou indo máis lonxe as ladeiras núas e os campos abertos de Gunnar Fischer, captador da luz nos mellores lienzos filmados por Bergman. Conto surrealista de alguén que existe, pero fora do tempo, coma ó ORLANDO (1992) de Sally Potter, pero etéreo, insustancial, inconcebible…

Envólvenos ó paso das vintecatro fotos por segundo, dos minutos, desa música minimalista, nimia, da cor do frío; esa casa baleira, as habitacións desanxeladas, coma se dun astronauta atrapado nun limbo perpetuo tratárase, ou dunha alieníxena presa na Terra e que desexa converterse en humana. Un poltergeist que arremete cunha furia propia dun cativo enrabuxado ou dun celoso impúber.

Esa delicada contención de medios. E eses concisos diálogos, ata chegar o único pero do filme. O innecesario, e que case semella, absurdo monólogo da festa na cociña, que cóntanos demais. Do que vai acontecer. Do inexorable paso do tempo. Xa ó sabemos. Todo pasa, todo transfórmase, nada detense. Unha accusatio manifesta dunha excusatio non petita.. Para iso, quedamos coas explicacións finais de Silent Bob en CHASING AMY (1997).

Pero non rebaixa nin medio punto a excelente impresión que levamos, despois de remátalo visionado do filme. Un regusto a cinema que conta máis do que vimos. Máis alá do xénero, na liña doutras producións audiovisuais coma a primeira tempada de THE OA (2016) de Zal Batmanglij ou títulos coma THELMA (2017) de Joachim Trier, THE WITCH (2015) de Robert Eggers ou da xa memorable LÄT DEN RÄTTE KOMMA IN (2008) de Tomas Alfredson. De disfrutala, a modo, paseniño. Sen presas, con tempo.

Magnífica.

Pero a inxenuidade na pluma do crítico dura tanto coma a ledicia na casa do pobre e obrigados pola nosa voráxine fagocitadora fílmica, alí fomos ó cinema coma cordeiros ó matadoiro para ver a tan agardada (polo fandom de Stephen King), IT (2017) de Andy Muschietti.

Cun guión adaptado do libro do escritor de Maine (e que supervisou e encomiou o texto), trasládannos a vila de Derry, nun “revival” oitentero que copia directamente, a estética da serie STRANGER THINGS (2016) dos irmáns Duffer. É do máis salvable. O poderío  no orzamento permite ó filme estadounidense lucir talento nas direccións de produción con Claude Paré (resposable de títulos coma THE AVIATOR (2004) ou RISE OF THE PLANET OF THE APES (2011) ou na dirección da arte con Peter Grundy (PIXELS -2015-, JUMPER -2008-).

“Será por cartos” que diría máis de un e para despexar tódalas dúbidas, tráense os señores Chung-hoon Chung, responsable da fotografía desa obra mestra que é OLD-BOY (2003) ou de Benjamin Wallfisch, moi en boga pola súa música no DUNKIRK de Nolan ou na BLADE RUNNER 2049 de Villeneuve. Coma xa cantaran Knopfler e Sting, “money for nothing”. En definitiva, moita seda para tan pouca mona.

It ten tódolos usuais defectos do peor cinema de terror: Xiros bruscos da cámara, subidas no volume da son para búscalo susto fácil (e nin por esas), xogos de luces parpadeantes, montaxe asincopada, murmurio de nenos…  e, coma non podía ser doutra maneira, o pallaso que menos medo dá, na historia do cinema de terror. ¡Cómo botamos en falla ó grande Tim Curry!.

Dicía Kubrick que para facer unha boa película cun argumento baseado nunha novela, esta debía ser de baixa calidade. Por iso o cineasta de NYC, escolleu a obra de King para o seu THE SHINING (1980). Ó escritor, tal sentencia non lle fixo nin pizca de graza, pero eu doulle a razón ó cineasta. King non ten unha auténtica relevancia literaria máis alá do número de libros que vende. O problema neste filme, é que tampouco vai nivel no guión nin a dirección. É unha película de terror na que non pasas ningún segundo de medo.

Situacións mal desenvoltas, roles planos, personaxes tópicos (algo moi repetitivo na aburridamente extensa obra do plumilla), desenlace previsible… En fin, It é unha tortura incluso para ó espectador menos exixente. Non compensa gastar máis tinta da necesaria.

Mala de solemnidade.

Vémonos ó vindeiro luns coa reseña do Episodio VIII de STAR WARS, esperando que a “Saga das Sagas” dé remontado o voo despois do esquilme capilar que foi o Episodio VII. Contarémolo eiquí cunha crítica feita, para lectores coma vostede.

(Grazas por todo, Pedro Erquicia).

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial